Stelo

Stelo †
Stelo (pl.: steloj) en esperanto
25 steloj de 1965
1 stelo de 2012
Ámbito:Mundial.
Fracción:
Moedas:Metal: 1, 5, 10, 25, 100 steloj.
Plástico: 1, 3, 10 steloj.
Emisor:Liga Universal

Stelo (plural: steloj; en galego "estrela") foi unha unidade monetaria utilizada polo movemento esperantista de 1945 a 1993, co propósito de crear unha moeda global.

Antecedente: o speso

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Spesmilo.

A necesidade de dispor dunha moeda circulante dotada dun valor fixo foi proposta por René de Sausure en 1907 e plasmouse en 1912 na cuñaxe de moedas coa denominación de speso (plural: spesoj) e co valor de 1.000 spesoj (spesmilo).[1] Houbo tamén probas para emisión de moedas cos valores de 10 spesoj (ou spesdeko), 100 spesoj (ou spescento) e 10.000 spesoj (ou spesdekmilo).[2]

Moeda dun spesmilo ou 1.000 spesoj (1912).[1]

Esta emisión serviu para conmemorar o 25º aniversario da creación da lingua esperanto por L. L. Zamenhof; foi promovida pola Asociación Universal de Esperanto e da súa cuñaxe encargouse a compañía suíza Holy Frères.[2]

Esta moeda foi utilizada por algúns bancos británicos e suízos, sinaladamente polo Cekbanko Esperantista, de Londres, ata que o estoupido da primeira guerra mundial puxo fin á iniciativa.[3]

Fundación da Liga Universal

[editar | editar a fonte]

O 14 de abril de 1942, exactamente 25 anos despois da morte de Zamenhof, un grupo de esperantistas reuniuse na Haia para lembrar e honrar a súa figura. Os Países Baixos achábanse baixo a ocupación Nazi e o grupo xa experimentara a tiranía do Estado policial, posto que os esperantistas foron un dos grupos perseguidos polos nazis.[2][4][5]

Logo da discusión, os esperantistas chegaron ao acordo de fundar a Liga Universal (en esperanto: Universala Ligo), como unha organización co obxectivo de pór en práctica a idea orixinal de Zamenhof: unir a humanidade en paz a través dunha linguaxe común. Usando o slogan "Un Mundo, un idioma, unha moeda", o grupo de esperantistas neerlandeses propuxo o uso do stelo como unidade monetaria.[2][4]

Logotipo da Liga Universal.

Coa fundación da Liga Universal, o desexo que xa fora expresado por Zamenhof e por outros esperantistas de moitos países estaba a chegar a bo termo. Os participantes orixinais invitaron secretamente outros esperantistas ben coñecidos por eles a tomar parte nas discusións. Elixiuse un comité para traballar sobre a idea e o 1 de abril de 1945 anunciou unha das súas propostas iniciais: "esforzarse pola creación dunha unidade monetaria mundial, baseada na unidade internacional chamada stelo".[4]

O 16 de marzo de 1946 tivo lugar na Haia a súa primeira asemblea internacional, que, entre outras cousas, acordou utilizar o stelo como unidade monetaria, como un valor estable e internacional. Os membros elixiron un comité para traballar nos detalles, e este acordou que a unidade do stelo equivalería ao prezo teórico dunha barra de pan corrente nos Países Baixos, que naqueles momentos supuña 0,25 floríns neerlandeses.[2][4][5]

A asemblea de 1946 deulle máis énfase ao slogan de "Un mundo, un Idioma, unha moeda" e a Liga mantivo relacións con bancos en seis países: Bélxica, Dinamarca, Alemaña, Italia, Suíza, Suecia e os Países Baixos. Para todas a contas neses bancos, a Liga mantivo sistemas paralelos na moeda local e en steloj, e designou axentes en 14 países.[4][5]

Os arquivos da Liga Universal amosan que esta tiña a intención de cuñar unha moeda cun valor fixo. A Liga ollaba esta estabilidade como o único xeito de liberar o mundo das presións das diferenzas económicas, que tenden a crear conflitos entre as persoas. Xa que logo, as taxas de cambio do stelo fóra dos Países Baixos estaban baseadas nas taxas de 1946 para o florín neerlandés.[4][5]

Emisión de cupóns

[editar | editar a fonte]
Cupóns dun stelo emitidos pola Liga Universal.

Ao principio, os esperantistas deberon renunciar a outras medidas, como o establecemento dun banco central cun sistema mundial de pagamento de cheques e emisión de moedas e billetes. Naquel momento, os países tiñan regras estritas para gobernaren as operacións financeiras internacionais, que foran deseñadas para os protexer de ataques financeiros externos.[5][6]

Mesmo no primeiro período, en 1945, a Liga emitiu un cupón dun stelo, que foi válido ata 1950. Cada unha das novas emisións de cupóns estaba ideada para ser válida durante cinco anos. Estes cupóns utilizábanse para subscricións, anuncios, pagamentos de actividades etc. Os membros da Liga tamén recibían cupóns como gratificación por atraer novos membros ou como premios en competicións. Consonte o informe da revista La Praktiko, os esperantistas utilizaban adoito os cupóns como moeda, por exemplo, durante as súas conferencias mundiais.[5][6]

O desenvolvemento posterior do stelo ficou estancado. Os fundadores da Liga Universal querían amosar a súa boa vontade de manter o valor do stelo estable, mais os seus esforzos estaban condenados ao fracaso. O prezo do pan neerlandés incrementouse gradualmente, mais ninguén pensou en axustar a relación entre o stelo e o florín; a relación mantívose en catro steloj por cada florín e as táboas de conversión empregáronse para fixar o valor do stelo noutros países. Por outra banda, mesmo a Liga chegou a abandonar a idea de axustar a contabilidade das transaccións ao stelo. Xa que logo, non se gañou experiencia cunha moeda de valor constante e o stelo perdeu a súa reputación, de xeito que o uso dos cupóns, mesmo entre os esperantistas, se volveu pouco frecuente.[5][6]

Emisión de moeda

[editar | editar a fonte]

Durante a década de 1950, os membros da Liga Universal chegaron a ser arredor de 15.000.[5] En 1959 realizaron o seu ansiado desexo de cuñar moedas, cos valores de 1, 5 e 10 steloj, en bronce, latón e cuproníquel respectivamente.[7] A Liga encargoulle á Real Casa da Moeda dos Países Baixos en Utrecht a encarga de cuñar grandes cantidades de moedas e o investimento ocasionado por esta operación recuperouse con tal rapidez que, en 1965, a Liga foi quen de emitir un cuarto valor, a moeda de 25 steloj, que á parte da súa versión común en cuproníquel contou tamén con outras en prata e en ouro.[2][8][9][10]

Estabilidade monetaria e valor fixo

[editar | editar a fonte]

A idea de que o stelo tivese un valor fixo foi decaendo, agás nos membros máis vellos da Liga, e esta caeu nun silencio do que non saíu ata cando publicou a revista La Praktiko, cuxo derradeiro número apareceu en 1970. Mais a figura de Lawrence Mee supuxo un punto de inflexión na traxectoria da Liga Universal. En 1973, el e a súa muller introducíronse na dirección da Organización Mundial de Esperanto. Durante o seguinte ano, a Liga seleccionou uns poucos membros para liderar a súa renovación a través da cooperación coa Asociación Mundial para a Federación Mundial (posteriormente coñecida como Movemento Federalista Mundial) e coa Asociación Universal de Esperanto.[11] Mee converteuse en tesoureiro da Liga en 1977.[5][12]

Durante dous anos promoveron o desenvolvemento do stelo como unha unidade monetaria internacional e, logo de moitas discusións, concluíron que o stelo debía ser desvalorizado desde os catro floríns iniciais a só medio florín.[11] Posteriormente, Mee escribiría un estudo sobre a evolución e o desenvolvemento do stelo, titulado "De stabiele munteenheid van de esperantisten: de stelo" ("A unidade monetaria estable dos esperantistas: o stelo").[5][13]

Dotar o stelo dun valor fixo implicaba que o seu poder adquisitivo a partir daquel momento seguiría a ser o mesmo e non estaría suxeito á inflación. Na data escollida do 1 de xaneiro de 1977, o poder adquisitivo do stelo pasaría a estar definido como medio florín neerlandés.[5][11]

O doutor Josef Hartl, de Viena, deseñou un plan para fixar o valor do stelo. Arredor de 1977, Hartl fixo circular un panfleto que parece que exerceu influencia en Mee, no que se suxería a circulación dun valor monetario cun valor constante como unha resposta á desvalorización inflacionaria. A súa idea básica era que, independentemente do seu nivel de desenvolvemento, cada país podía calcular na súa moeda nacional o gasto mensual medio dunha familia. Poderíase asignar arbitrariamente o valor de 1.000 unidades monetarias a este gasto medio mensual. Así, por definición, o gasto dunha familia en cada país de, por exemplo, dez unidades sería igual a dez "unidades monetarias internacionais".[5][12]

Xa que logo, mediante cálculos precisos, a taxa de cambio entre a unidade monetaria internacional e a moeda nacional podería axustarse segundo fose necesario segundo a taxa de inflación de cada país. Ao basear as transaccións entre países na unidade monetaria internacional, a moeda nacional ficarían á marxe dos ataques dos especuladores, que resultarían inútiles.[12]

Con contas bancarias en sete países, entre eles os Países Baixos, a Liga precisaba establecer o valor do stelo neses países.[5] No entanto, a ausencia de datos científicos sobre o poder adquisitivo das diversas moedas nacionais fixo imposible determinar as taxas de conversión entre o stelo e estas moedas, excepto co florín neerlandés, co que si que estaba solidamente establecida.[14]

Outro dos membros da dirección da Liga, Willem P. Roelofs, pretendía darlle ao stelo un carácter totalmente diferente ao da idea de Hartl das unidades monetarias internacionais. Roelofs coincidía en que o stelo debía servir como base para as transaccións financeiras internacionais, mais só entre países que rexeitasen tratar con bancos comerciais. Mee, pola contra, mantiña a postura prevista pola Liga desde as súas orixes.[5][14]

Mesmo despois de meses de discusións, non foi posible chegar a un acordo entre os dous puntos de vista, aínda que a maioría da Liga Universal se decantou por apoiar o punto de vista de Roelofs. Mee non aceptou a decisión e abandonou a Liga.[5][14]

Disolución da Liga Universal

[editar | editar a fonte]

Aínda que a Liga Universal seguiu existindo, a súa influencia no mundo do esperanto foi diminuíndo progresivamente e moitos dos seus colaboradores foron abandonando as súas actividades, ata que en 1993 a súa xunta directiva acordou a disolución da entidade e repartir as súas propiedades entre varias fundacións, aínda que a maioría dos fondos foron para a Asociación Universal de Esperanto (AUE).[2] Entre estes fondos atopábase un depósito de moedas de steloj que a AUE comezou a vender como obxectos de colección. A morte de Roelof en 1998 puxo colofón á iniciativa da moeda internacional dos esperantistas.[5][15]

Moedas emitidas

[editar | editar a fonte]

Emisión da Liga Universal (1959-1965)

[editar | editar a fonte]
Imaxe Facial Diámetro Peso Aliaxe Canto R/ A/ Tiraxe
1 stelo

[16]

20 mm g Æ Liso Valor en estrela.

UNIVERSALA LIGO

1959

Estrela.

UNU MONDO · UNU LINGVO · UNU MONO"

("Un mundo, unha lingua, unha moeda").

10.000
5 steloj

[17]

23 mm 5 g Lat. Estriado Valor en estrela.

UNIVERSALA LIGO

1959

Globo.

LA MONDO ESTAS UNU LANDO - LA HOMARO UNU POPOLO

("O mundo é un país, a humanidade un pobo").

10.000
10 steloj

[18]

28 mm[19] 9 g[19] CuNi Liso Valor en estrela.

UNIVERSALA LIGO

1959

Zamenhof.

D-RO L.L. ZAMENHOF KREINTO DE ESPERANTO · 1859-1917"

("Dr. Zamenhof, creador do esperanto").

10.000
25 steloj

[20]

37,8 mm[19] 19 g CuNi Liso Valor en estrela.

UNIVERSALA LIGO

1965

Zamenhof.

D-RO L.L. ZAMENHOF KREINTO DE ESPERANTO · 1859-1917"

("Dr. Zamenhof, creador do esperanto").

1.000
25 steloj 37,8 mm[19] 25 g Ag

(90 %)

Liso Valor en estrela.

UNIVERSALA LIGO

1965

Zamenhof.

D-RO L.L. ZAMENHOF KREINTO DE ESPERANTO · 1859-1917"

("Dr. Zamenhof, creador do esperanto").

5.000
25 steloj

[21]

37,8 mm[19] 50 g Au

(98,3 %)

Liso

(numerado)

Valor en estrela.

UNIVERSALA LIGO

1965

Zamenhof.

D-RO L.L. ZAMENHOF KREINTO DE ESPERANTO · 1859-1917"

("Dr. Zamenhof, creador do esperanto").

10

Segunda emisión (2012)

[editar | editar a fonte]
Uso do stelo durante as xornadas estivais Somera Esperanto-Studado 2013

Na década de 2010 fabricáronse tamén moedas de plástico coa denominación de stelo, que se utilizan para as transaccións en diferentes reunións e convencións celebradas polos esperantistas, sinaladamente entre as novas xeracións. Este novo stelo está gobernado por unha xunta que calcula os tipos de cambio e a protexe da especulación. Os valores emitidos son 1 stelo, e 3 e 10 steloj.[10]

En novembro de 2014 usábase este stelo coa equivalencia de 1 euro = 4,189 steloj.[10]

Imaxe Facial Cor Material Canto A/ R/
1

stelo

Vermello Plástico Liso Valor.

Estrela.

Bufo.

"Esperanto Bank · UV"

Data.

3

steloj

Amarelo Plástico Liso Valor.

Estrelas.

Papagaio.

"Esperanto Bank · UV"

Data.

10

steloj

Verde Plástico Liso Valor.

Estrelas.

Crocodilo.

"Esperanto Bank · UV"

Data.

Emisión conmemorativa de 2018

[editar | editar a fonte]

Con motivo do 150 aniversario do nacemento de René de Saussure (1868-1943) emitiuse unha moeda conmemorativa en prata de 999 milésimas, cun peso dunha onza troy e un valor facial de 100 steloj. Da cuñaxe desta moeda encargouse a Casa da Moeda de Austria (Münze Österreich).[10]

  1. 1,0 1,1 "1 Spesmilo". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Schiboleth, C. D. (2005).
  3. "La Ceko Estas en Posto". Numismatic Notebook. 1 de marzo de 2019.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Mee, L. (2000) Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine.. Páxinas 147-148.
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 5,12 5,13 5,14 5,15 Mee, L. (2005).
  6. 6,0 6,1 6,2 Mee, L. (2000) Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine.. Páxina 149.
  7. "Money of the Esperantists World-Government Organization". Museum of Money of Feodosia.
  8. "Exonumia from Esperantujo". Numista.com
  9. Mee, L. (2000) Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine.. Páxinas 150, 157-158.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 [https: //revuoesperanto.org/sites/default/files/aprila_numero_reta_19_03.pdf Klag, W. (2017)].
  11. 11,0 11,1 11,2 Mee, L. (2000) Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine.. Páxina 150.
  12. 12,0 12,1 12,2 Mee, L. (2000) Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine.. Páxina 151.
  13. Mee, L. (2000) Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine..
  14. 14,0 14,1 14,2 Mee, L. (2000) Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine.. Páxina 152.
  15. Mee, L. (2000) Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine.. Páxinas 156-157.
  16. "1 Stelo. Esperanto". Numista.com
  17. "5 Steloj". Numista.com
  18. "10 Steloj". Numista.com
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 19,4 "Universala Ligo". jezuss.nl. Consultado o 22 November 2017. 
  20. "25 Steloj". Numista.com
  21. "25 Steloj. Gold". Numista.com

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]