Stradivarius Palatinos

Un dos violíns decorados do Quinteto palatino.
Palacio Real (Madrid).

Os Stradivarius Palatinos, custodiados no Palacio Real de Madrid e pertencentes á colección da Capela Real, son un conxunto de instrumentos de corda fabricados por Antonio Stradivari e composto por un quinteto formado por tres violíns, unha viola e un violonchelo, que debido á súa ornamentación reciben o nome de Stradivarius decorados, máis outro violonchelo do mesmo autor datado en 1700.

Propiedade do Patrimonio Nacional, é a colección máis grande de Stradivarius que se conserva e con eles continúanse ofrecendo regularmente concertos de música de cámara. A colección, o conxunto máis valioso de instrumentos antigos conservados en Madrid, exhíbese na Sala de Música da Real Biblioteca do Pazo, nuns expositores deseñados polo violonchelista Juan Ruiz Casaux e mellorados nos anos 1980.

A colección

[editar | editar a fonte]

Os instrumentos do quinteto son os seguintes:

  • Tres violíns, os seus bordos levan no canto dos filetes ordinarios unha greca formada por círculos e rombos de marfil sobre un fondo negro reenchido con mastro de ébano.
  • Unha viola contralto, cos bordos ornamentados coa mesma greca que os violíns, en marfil e mastro de ébano. A cabeza e aros levan tamén unha belísima ornamentación. Este instrumento, tras ter formado parte do botín tomado polos franceses no Pazo Real ao final da Guerra da Independencia, puido por fin volver a Madrid en 1951 grazas a Juan Ruiz Casaux, polo que dende entón recibe o nome de "viola Casaux".
  • Un baixo, especie de violonchelo, coa mesma greca nos bordos que os instrumentos anteriormente citados e debuxos a tinta chinesa na cabeza e aros, sendo o motivo destes últimos un Cupido disparando a súa frecha contra Capricornio.

O quinteto principal, os Stradivarius decorados, está datado en 1696. O rei Filipe V, durante unha visita a Cremona en Xullo de 1702, recibiu a oferta do artesán para adquirir os instrumentos, mais a transacción non puido concretarse debido a que as autoridades municipais opuxéronse á súa entrega. O conxunto quedou pois en Cremona ata a morte de Antonio Stradivari e o seu fillo Paolo, que os recibiu en herdanza, os tivo na súa posesión ata que o Príncipe de Asturias, futuro Carlos IV, durante a súa estancia en Italia en 1775, soubo da existencia deste conxunto instrumental e encargou a súa adquisición, realizada grazas ao P. Brambilla.