Teatro San Benedetto


Teatro San Benedetto
CidadeVenecia
PaísItalia
Inauguración1755
editar datos en Wikidata ]

O Teatro San Benedetto foi un famoso teatro de Venecia (Italia) particularmente destacado na vida operística da cidade no século XVIII e principios do XIX. Viu as estreas de máis de 140 óperas, incluíndo L'italiana in Algeri de Rossini e foi o teatro escollido para a presentación das óperas serias ata que se construíu o Gran Teatro La Fenice en 1792.

O teatro, pequeno e elegante, foi construído por Michele Grimani en terras propiedade da familia Venier. Foi inaugurado o 26 de decembro de 1755 cunha representación da ópera de Gioacchino Cocchi Zoe. En 1766 a propiedade de San Benedetto pasou dos Grimani a un consorcio de familias patricias de Venecia que foran titulares de palcos no teatro. O deseño orixinal do teatro foi circular. Porén, reconstruíuse na forma tradicional de ferradura logo dun lume en 1773. En 1786 o consorcio de propietarios tivo que ceder o teatro á familia Venier logo dunha demanda, e máis tarde construíron La Fenice. Entón o teatro converteuse no Teatro Venier (ou Teatro Venier en San Benedetto). En 1810, a propiedade pasou ao empresario Giovanni Gallo, e durante un tempo foi coñecido como o Teatro Gallo. Os seus fillos, que herdaran o teatro en 1847, rebautizárono como Teatro Rossini en 1868 en honor de Gioachino Rossini cuxas óperas L'italiana in Algeri e Eduardo e Cristina se estrearan alí, mais daquela os seus días de gloria como teatro de ópera remataran.

En 1937 o edificio foi remodelado por completo como cine, o Cinema Rossini, cunha nova fachada obra do arquitecto italiano Carlo Scarpa. O cine pechou en 2007, e actualmente está en restauración nun proxecto financiado pola Cidade de Venecia.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]