Teledeporte | |
---|---|
Inicio das emisións | 14 de febreiro de 1994 |
Propiedade de | Televisión Española |
Formato da imaxe | 1080i HDTV |
Datos de audiencia | 1,1% (xuño de 2011, Fórmula TV) |
País | España |
Lingua | Castelán |
Área de emisión | España Andorra |
Sede central | Sant Cugat del Vallès e Torrespaña |
Canle/s irmá(s) | La 1 La 2 24h Clan La 1 HD Teledeporte HD TVE Internacional |
Na rede
| |
www.rtve.es/teledeporte | |
Teledeporte é unha canle temática de Televisión Española dedicada ao mundo do deporte.
O primeiro antecedente da marca Teledeporte foi un programa emitido por TVE 1 a finais dos anos oitenta con ese título. Como canle, Teledeporte lanzouse o 14 de febreiro de 1994 a través do satélite Hispasat e empezou cubrindo os Xogos Olímpicos de inverno de Lillehammer. Foi a primeira canle española desta temática, aínda que xa se sintonizaban vía satélite en España canles estranxeiras como a versión internacional de Eurosport (en inglés e alemán) ou o alemán DSF, precedeu a Sportmanía, a versión española de Eurosport, Canal+ Deporte e Telecinco Sport.
Teledeporte emitía en analóxico diariamente das 16H00/17H00 ata a madrugada (as 24 horas a fin de semana), en aberto vía satélite (aínda que estivo uns meses codificado pola efémera plataforma Cotelsat) por unha das dúas frecuencias concedidas en 1992 a RTVE polo goberno en Hispasat e tamén por algunhas redes do cable histórico.
Na primavera de 1997, Teledeporte integrouse na nova sociedade estatal TVE Temática (O polo de RTVE dedicado á televisión temática).
O 15 de setembro de 1997, pasou á era dixital coa súa incorporación en exclusiva ao operador de pago Vía Digital, e aproveitou a ocasión para ampliar a súa programación (18 horas diarias).
A canle iniciou a súa difusión vía terrestre en aberto en 2005 co lanzamento da TDT aínda que segue emitindo por diferentes operadores de pago. E grazas ás novas tecnoloxías, a canle exponse ofrecer contidos en sistema dixital que permitan desenvolver unhas formas de información complementaria ás transmisións e gravacións mediante datos e gráficos que poidan ser solicitados polo telespectador.
Hoxe en día, Teledeporte opera desde o Centro de Produción de Programas de TVE en Sant Cugat del Vallès (Barcelona), emite en formato 16:9 as 24 horas ao día (con redifusión do mellor da xornada anterior durante a madrugada) e diríxese a un público heteroxéneo e potencialmente numeroso.
TVE canaliza a través de Teledeporte a súa participación no Plan ADO e por iso pode ser considerado o medio audiovisual de referencia para os deportistas españois que practican modalidades olímpicas.
As transmisións desde o lugar dos feitos e as retransmisións desde os locutorios de Madrid e Sant Cugat son a base da programación de Teledeporte, cuxa prioridade é ofrecer en directo o mellor do deporte español que estea en competición neses momentos.
Tamén emite espazos de produción propia como El rondo, Deporte.Es, Zona ACB, Historias sobre ruedas e Olímpicos, que complementan a programación de Teledeporte, así como os bloques publicitarios e os chamados axustes (pezas de duración variable cuxo propósito é completar a grella entre unha transmisión e outra). Dentro desta última categoría, podemos atopar videoclips musicais (que adoitan servir tamén como autopromocións da canle en si ou dalgúns acontecementos próximos no tempo) e reportaxes (ben extraídas dos espazos anteriormente mencionados, ben elaboradas ad hoc).
En Teledeporte, clásicos recupéranse do arquivo de TVE as transmisións do pasado que no seu día tiveron gran repercusión ou que teñen un eco no presente, por exemplo con motivo dunha efeméride.
No pasado, baixo a marca Polideportivo, emitíanse bloques de noticias a determinadas horas do día. Tamén, houbo espazos de entrevistas e un noticiario (que corresponde á primeira etapa de Deporte.Es), que desapareceron da programación para, entre outros motivos, dar prioridade ás transmisións.
Os Xogos Olímpicos e os Xogos de Inverno; o Mundial de Motociclismo; a Liga ACB e a Euroliga; a Liga Asobal, a Liga Nacional de Fútbol sala; a Superliga de voleibol; a OK Liga de hockey patíns; o Roland Garros, o Aberto de Australia e os ATP Masters Series; o Tour de Francia e a Volta a España e outras destacadas probas ciclistas organizadas pola UCI; a europea Heineken Cup de rugby; os Mundiais e Europeos de Atletismo e Natación, son os principais acontecementos que emite Teledeporte.
A marca de audiencia conseguiuno o domingo 15 de maio de 2011 coa retransmisión, en directo, da final do Master 1000 de Roma entre Novak Djokovic e Rafa Nadal. 1.939.000 espectadores e o 15% da audiencia viron como o serbio gañaba ao menorquino.
Ano | Xaneiro | Febreiro | Marzo | Abril | Maio | Xuño | Xullo | Agosto | Setembro | Outubro | Novembro | Decembro | Media anual |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
2009 | 0,5%** | 0,6% | 0,7% | 0,6% | 1,0% | 0,9% | 0,6% | 0,6% | 0,6% | 0,7% | 0,7% | ||
2010 | 0,6% | 0,7% | 0,8% | 1,2% | 1,5% | 1,3% | 2,0%* | 1,4% | 1,2% | 1,0% | 1,2% | 0,6% | 1,1% |
2011 | 0,9% | 0,7% | 1,1% | 1,4% | 1,4% | 1,1% |
* Máximo histórico. ** Mínimo histórico.