Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Estado | Colombia | |||
Departamentos | Cundinamarca | |||
Capital de | ||||
Poboación | ||||
Poboación | 39.568 (387,92 hab./km²) | |||
Xeografía | ||||
Superficie | 102 km² | |||
Altitude | 2.556 m | |||
Creación | 1592 | |||
Sitio web | ubate-cundinamarca.gov.co… |
Ubaté é un concello do departamento de Cundinamarca (Colombia) situado na provincia de Ubaté, da que é capital. Atópase na entrada ó val de Ubaté, a 95 km de Bogotá e a 50 km de Chiquinquirá. É coñecido como a «Capital Leiteira de Colombia».[1]
O topónimo Ubaté deriva da palabra muisca Ebaté, e segundo Acosta Ortegón quere dicir «Celeiro» ou «Sementeiro do Boquerón», aínda que segundo outras versións Ebaté tradúcese «sangue derramado» ou «terra ensanguentada».
O poboado indíxena estaba preto do Boquerón sobre o camiño a Carupa, por medio do cal descende ó val do río do seu mesmo nome. Estivo habitado por unha numerosa poboación muisca. A rexión foi descuberta de vista por Gonzalo Jiménez de Quesada ó seu paso de Lenguazaque a Cucunubá o 14 de marzo de 1537.
O 12 de abril de 1592 foi fundada a vila por Bernardo de Albornoz. A mediados de 1600, cando o oidor Luis Enríquez visitou o Rincón de Ubaté, aínda non se construíra a igrexa. O 2 de agosto, Enríquez contratou en Cucunubá o alarife Juan de Robles para a construción. O primeiro doutrineiro foi Frei José Muza, a quen sucederon os dominicos, e cara a 1588 os franciscanos, baixo cuxos auspicios se erixiu en parroquia en 1836, e que permaneceron até o 25 de decembro de 1897, cando se entregou ó clero secular.
O 26 de febreiro de 1906 terminouse a reconstrución da igrexa, que se deteriorou, sobre planos de Antonio Cortés Mesa. O 6 de agosto de 1921, Monseñor Medina bendixo a primeira pedra para a construción da nova igrexa, de estilo gótico francés, cuxos planos presentou o enxeñeiro Luis María Ferreira. A construción iniciouse en 1927 con modificacións feitas polo arquitecto holandés Antonio Staufe. A igrexa foi inaugurada o 27 de outubro de 1939, e finalmente foi bendicida por Carlos Serna o 26 de outubro de 1941. O construtor foi Luis Antonio Espinel Baraceta (cuxo nome é o único que realmente aparece na placa á entrada da basílica), que traballou nesta obra así como noutras igrexas de Cundinamarca, como A igrexa de Sesquilé, a igrexa de Ubaque, entre outras.