O xenocidio do Putumayo é o termo empregado para facer referencia aos anos de abusos, escravitude forzada, masacres e etnocidio cometidos pola Peruvian Amazon Company contra os pobos indíxenas da Amazonia, en concreto na zona entre o río Putumayo e o río Caquetá durante a época de 1879 e 1912 en plena febre do caucho.[1][2][3] Os pobos que foron vítimas destes crimes foron os andaquís, os boras, os carijonas, os ingas, os cabiyaris, os mirañas, nonuyas, os ocainas, sionas, os tanimucas, os witotos e os yucunas, e a cifra de vítimas mortais calcúlase entre 242 000 e 450 000.[4]
O goberno peruano cedeu á Peruvian Amazon Company a potestade de representación nos territorios amazónicos ao norte de Loreto. O fundador da compañía, Julio César Arana, comezou unha política de pago por control de terras onde as súas hostes privadas, mercenarios de Scotland Yard traídos dende Barbados,[5] obrigaban aos pobos indíxenas a traballar en troques de «favores e protección». O indíxena non podía negarse porque remataba sendo raptado por mercenarios pagados pola compañía. Xa dentro da empresa, os indíxenas eran sometidos a procesos de illamento en zonas remotas para recoller caucho en condicións inhumanas e se non cumprían coa cantidade requirida eran castigados até a morte ou eran desaparecidos polos castigadores nos chamados campos lejanos, onde se aniquilou ao 90% das poboacións amazónicas.[6][7][8]
En 1909, o enxeñeiro estadounidense Walter Hardenburg publicou Putumayo: The Devil’s Paradise onde denunciou os feitos que ocorrían coa explotación do caucho en territorios colombiano e peruano.[9][10]
En 1906, foi denunciado polo irlandés Roger Casement perante os gobernos occidentais sobre os excesos cometidos por Arana. En 1912 publicou o Libro Azul Británico. Informe y otras cartas sobre las atrocidades en el Putumayo denunciando a morte até a data de cando menos 40.000 persoas, obtendo só un xuízo por «maltrato laboral» contra a Peruvian Amazon Company. En 1913, deuse a orde de pechar devandita empresa sen obter un xuízo por crimes de lesa humanidade contra Arana, o cal era a principal meta de Casement.[11][12]
En 1933, os gobernos do Perú e Colombia asinaron o Tratado Salomón-Lozano onde o primeiro cedía a zona entre os ríos Putumayo e Caquetá ao segundo. Por mor disto, a Peruvian Amazon Company desprazou forzosamente a varios amerindios cara ás zonas do río Napo e o río Amazonas para non competir coas empresas colombianas de caucho. Malia isto, a compañía seguiu administrando varias sucursais en Puerto Arica, La Chorrera, La Victoria entre outros. Neste proceso diminuíron os reportes de masacres realizados por caucheiros.[13]
Despois da guerra colombo-peruana de 1933 durante a colombianización das rexións de Putumayo e Caquetá rexistráronse novos sucesos de torturas cometidas polas autoridades do goberno colombiano para asimilar as poboacións que se resistían a cambiar de nacionalidade, o cal provocou un éxodo de amerindios e mestizos ao Perú. En 1969, Colombia pagou unha indemnización de 200 mil dólares á Casa Arana, mais non reparou material nin moralmente ás vítimas do xenocidio. A Casa Arana é hoxe un lugar da memoria do xenocidio do Putumayo contra as comunidades amazónicas.[14]
No ano 2012, o presidente Juan Manuel Santos, pediu perdón ás comunidades amazónicas polos feitos ocorridos durante eses anos.[15]
"Ás comunidades dos pobos Uitoto, Bora, Okaina, Muinane, Andoque, Nonuya, Miraña, Yukuna e Matapí, pídolles desculpas a todos polos seus mortos, polos seus orfos, polas súas vítimas."Juan Manuel Santos, presidente de Colombia 2012
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xenocidio do Putumayo |