Zu | |
---|---|
![]() | |
Orixe | Roma, Italia ![]() |
Período | 1999 - actualidade |
Xénero(s) | math rock, noise rock, punk jazz, grindcore, jazzcore |
Na rede | |
http://www.zuism.net | |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() |
Zu é un trío italiano de música experimental, cun son que combina elementos do free jazz, do punk rock e doutros xéneros e que se ven consolidando nos últimos anos dentro do panorama musical europeo de vangarda.
A banda formouse en Italia por volta de 1997, nun principio co obxectivo de facer música para representacións teatrais. Os seus membros son tres: Luca Mai ao saxo barítono, Massimo Pupillo ao baixo e Jacopo Battaglia á batería. Ao longo destes anos a bandas publicou un total de 14 álbums, incluíndo un álbum ao vivo e tres compartidos, que foron editados en diferentes selos discográficos como Atavistic, Red Note, Frenetic ou Public Guilt. Ao vivo a banda tamén conta cunha extensa actividade que inclúe máis de 1000 concertos por todo o mundo incluíndo algúns dos máis prestixiosos festivais de Europa e América.
Certamente o estilo musical de Zu é difícil de definir. Como se indica máis arriba combina elementos do free jazz e do punk (máis en concreto da estética hardcore punk), mais tamén se podería falar de noise rock ou metal. A pesar da evolución do seu son, no básico poderíamos falar dunha música baseada na improvisación, cunhas bases rítmica afincadas no hardcore e uns solos de saxo de inspiración free jazzística.
Outro elemento característico da interpretación que fai Zu da música é a súa "promiscuidade". As colaboracións da banda con outros músicos e colectivos foi e é unha constante. É habitual que nos álbums de estudio se incorpore algún outro músico á banda (Mats Gustafsson, Eugene Chadbourne ou Takemura Nobukazu) así como nos escenarios (Mike Patton, Joe Lally, The Ex). Tamén é de subliñar a gran cantidade de proxectos paralelos con outros músicos: Ardecore, Dogon, Black Engine etc.