A École Normale de Musique de Paris foi fundada en 1919 polo pianista Alfred Cortot e o seu colega Auguste Mangeot. Dende o principio, a institución gozou dunha reputación mundial pola calidade da súa ensinanza musical, con profesores como Pau Casals, Nadia Boulanger, Wanda Landowska, Paul Dukas, Henri Dutilleux e Arthur Honegger.
A escola foi oficialmente aprobada polo Ministerio Estatal de Cultura e Comunicación. Nela formáronse varios concertistas e compositores de renome. Dinu Lipatti, Samson François e Igor Markevitch entre outras celebridades estudaron no ambiente de arquitectura da Belle Époque deste templo parisiense da música clásica.
Actualmente, a institución é dirixida por Henri Heugel e un Conseil d'Orientation Musicale composto por Paul Badura-Skoda, Narcis Bonet, Elliott Carter, Jean Michel Damase, Jean Louis Mansart, Christian Ivaldi e Kent Nagano. A escola ten 1200 estudantes e 120 mestres que ensinan tódalas disciplinas da música académica entre elas cursos teóricos, dirección de orquestra e composición. A escola está situada no corazón de París e rexistrada como "Espacio Histórico" pola Administración Francesa. A súa sala de concertos, a Salle Cortot, é unha obra mestra da Art déco deseñada polo arquitecto Auguste Perret, quen tamén deseñou o Théâtre des Champs-Élysées de París.