Đuro Đaković

Modelo:BiografíaĐuro Đaković

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento30 de novembro de 1886 Editar o valor en Wikidata
Slavonski Brod, Croacia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte25 de abril de 1929 Editar o valor en Wikidata (42 anos)
Sv. Duh na Ostrem vrhu, Eslovenia (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Causa da mortemorte non natural Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaTomb of national heroes on Kalemegdan (en) Traducir (1949–) 44°49′N 20°27′L / 44.82, 20.45 Editar o valor en Wikidata
EducaciónEscola Lenin (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónoperário metalúrgico (pt) Traducir, político Editar o valor en Wikidata
Partido políticoLiga de Comunistas de Iugoslavia Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Джакович Джуро) Editar o valor en Wikidata

Đuro Đaković, nado en Slavonski Brod o 30 de novembro de 1886 e finado en Sveti Duh o 25 de abril de 1929, foi un activista e sindicalista iugoslavo de orixe croata. Foi un dos líderes do Partido Comunista de Iugoslavia durante o Reino de Iugoslavia.[1][2]

Mantivo unha intensa oposición ao réxime de Alexandre I, polo que foi detido en Zagreb e executado na fronteira iugoslava con Austria o 25 de abril de 1929. En 1949 os seus restos foron trasladados á Tumba dos Heroes Nacionais da fortaleza de Kalemegdan, en Belgrado.[3] É considerado un dos máis notábeis loitadores polos dereitos da clase traballadora na Iugoslavia pre-socialista.[4]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Activismo

[editar | editar a fonte]

Đuro Đaković naceu na aldea de Brodski Varoš, xunto a Slavonski Brod, en Croacia Eslavonia (Imperio Austrohúngaro), o 30 de novembro de 1886. Procedía dunha familia campesiña con poucos recursos.[2] Emigrou na súa mocidade a Saraxevo, onde traballou no sector do metal. Alí comezou a súa actividade sindicalista, e destacou como líder en revoltas obreiras entre 1906 e 1910.

Tras o estalido da primeira guerra mundial en 1914, protagonizou diversos actos contra o conflito. Foi arrestado polo tribunal militar austríaco, acusado de traizón, e sentenciado a morte. A pena foi conmutada por traballos forzados en Romanía e Hungría.[2] Ao seu regreso ao Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, militou na Liga dos Comunistas de Bosnia e Hercegovina. Foi un dos organizadores da gran folga obreira da construción de 1919.

Participou no congreso de unificación do Partido Obreiro Socialista de Iugoslavia, en abril de 1919 en Belgrado. Dito congreso foi o antecedente do Partido Comunista de Iugoslavia (KPJ). En 1920, durante o Congreso do Partido Comunista en Vukovar, foi elixido membro do Consello Central. Nas eleccións á Asemblea Constituínte do Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos foi elixido deputado, malia ser frecuentemente arrestado polas súas actividades.[2] Ese ano o rei Alexandre I de Iugoslavia prohibiu toda a actividade do KPJ, e os seus membros sufriron unha feroz persecución.

De 1927 a 1928 asistiu á Escola Internacional Lenin de Moscova. Posteriormente participou no IV Congreso do KPJ en Dresden, en que foi nomeado secretario de organización do partido.[5]

Pola súa oposición activa á ditadura real imposta por Alexandre I, foi detido pola policía en Zagreb o 20 de abril de 1929, xunto con Nikola Heićimović, secretario de Socorro Vermello Internacional. Despois de seren torturados durante catro días en Zagreb, foron trasladados a Eslovenia, co pretexto de que trataban de atravesar a fronteira entre Iugoslavia e Austria de maneira ilegal.

Na tarde do 25 de abril, nas proximidades de Sveti Duh, ambos foron tiroteados e botados a unha barranca. No informe oficial, a policía argumentou que trataban de fuxir.[4][1] A exhumación dos cadáveres, en maio, mostrou que as vítimas presentaban disparos na testa, proba de que foron asasinatos premeditados.

A policía de Zagreb tentara manter os asasinatos coma un asunto confidencial. Así, a primeira noticia do crime foi publicada o 29 de abril na prensa austríaca.

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]
Casa natal de Đuro Đaković en Brodski Varoš, xunto a Slavonski Brod (Croacia), hoxe abandonada

Durante a Guerra civil española, un batallón das Brigadas Internacionais, composto integramente por brigadistas iugoslavos, foi nomeado na súa honra.[6]

No 20º aniversario do seu pasamento, o 25 de abril de 1949, os seus restos foron trasladados solemnemente a Belgrado. Foron enterrados na Tumba dos Heroes Nacionais da fortaleza de Kalemegdan, onde se atopan xunto aos de Ivo Lola Ribar, Ivan Milutinović e Moša Pijade.[3]

Na Iugoslavia socialista, numerosas rúas e centros de ensino foron nomeados na súa honra en diversas repúblicas. Porén, a maioría foron retiradas da nomenclatura tras as Guerras Iugoslavas. A fábrica Đuro Đaković Holding d.d de Slavonski Brod, unha das máis importantes factorías industriais de Iugoslavia, tamén recibiu o nome do político croata.[1]

O seu fillo, Stjepan (1912-1942), tamén un destacado dirixente comunista e membro do Exército Partisano, foi asasinado na cadea durante a segunda guerra mundial pola Ustacha, unha banda terrorista afín ao nazismo.

  1. 1,0 1,1 1,2 Ayuntamiento de Slavonski Brod. "Đuro Đaković" (en inglés). Consultado o 28 de xaneiro de 2013. [Ligazón morta]
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Prokhorov, Aleksandr Mikhaĭlovich (1982). Gran Enciclopedia Soviética, Volumen 8. Macmillan. p. 314. 
  3. 3,0 3,1 Babović, M. Novosti, ed. "Sele se i heroji ?" (en serbio). Consultado o 222 de xaneiro de 2013. 
  4. 4,0 4,1 White, Ružica; White, John (1989). Belgrade: history, urban inheritance, oldest and best-known streets. Prosveta-Export, Import Agency.  p. 110
  5. Varios (1965). Review of the Study Centre for Jugoslav Affairs, Volume 1, Número 5. Centre for Jugoslav Affairs.  p. 357
  6. Bradley, Ken (1994). International Brigades in Spain 1936-39. Osprey Publishing. ISBN 978-1-85532-367-4, p. 31