Biografía | |
---|---|
Nacemento | 25 de febreiro de 1959 (65 anos) Allariz, España |
Vicepresidente da Xunta de Galicia | |
2 de agosto de 2005 – 20 de abril de 2009 – Alfonso Rueda → | |
Deputado do Parlamento de Galicia | |
19 de xuño de 2005 – 25 de agosto de 2011 | |
Voceiro nacional do BNG | |
23 de novembro de 2002 – 10 de maio de 2009 ← Xosé Manuel Beiras – Guillerme Vázquez → | |
Senador de España | |
28 de marzo de 2000 – 5 de setembro de 2005 | |
Alcalde de Allariz | |
1989 – 2000 – Francisco García Suárez → | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela Universidade de Vigo |
Actividade | |
Lugar de traballo | Allariz |
Ocupación | político |
Partido político | Bloque Nacionalista Galego |
Anxo Manuel Quintana González, nado en Allariz o 25 de febreiro de 1959, é un político galego. Foi o Voceiro Nacional do BNG desde 2003 ata 2009 e vicepresidente da Xunta de Galicia desde 2005 ata 2009.
O seu avó paterno foi alcalde durante o reinado de Afonso XIII de España e o materno alcalde liberal de Allariz durante a II República Española e un tío-avó materno militante comunista, exiliado após a imposición do franquismo até 1976.[1][2]
Terceiro de cinco irmáns, de cativo trasladouse cos seus pais a Vigo, onde estes montaran unha drogaría tras da cal estaba a vivenda na que habitaría a familia, sen perder en ningún momento o contacto coa vila alaricana.[2]
Estudou no colexio dos Xesuítas de Vigo (Pontevedra) e posteriormente comezou os estudos de medicina na Universidade de Santiago de Compostela, deixándoos en segundo curso para adicarse á política mentres traballaba como comercial ou camareiro.[2] Finalmente acabou por ser Diplomado en Enfermaría pola Universidade de Vigo.[3]
Traballou no Hospital Cristal Piñor de Ourense e foi nomeado socio de honra da Sociedade de Medicina Xeral pola mellora da atención primaria no medio rural.
De rapaz, Quintana destacou como futbolista, sobre todo como dianteiro centro, ata o punto de que o Elche CF, daquela na Segunda División española, ofreceulle un contrato profesional, rexeitándoo para quedar na súa terra.[1]
É un afeccionado á cociña[4] e o que máis lle gusta é a lamprea e os viños galegos, "sobre todo dos que fan nas novas adegas na zona de Monterrei".[1]
Está divorciado da súa primeira muller Teresa.[1] Coa súa exparella Cristina Cid, concelleira e tenente de alcalde do BNG en Allariz, tivo dous xemelgos, Xabier e Lía nados no ano 2006.[4]
Desde 1977, colaborou na introdución do sindicalismo agrario nacionalista na provincia de Ourense, realizando a súa primeira intervención política con 18 anos, perante 200 labregos en Xunqueira de Ambía.[5] No 1982 participa na fundación do Bloque Nacionalista Galegoa (BNG) aínda que a prestación do servizo militar obrigatorio lle impide acudir ao Frontón de Riazor,[6] na Coruña, onde se había celebrar a I Asemblea Nacional fundacional.
Após as Eleccións municipais de 1983 converteuse en concelleiro en Allariz e logo das eleccións de 1987 o BNG quedou a só 19 votos de acadar a alcaldía, dobrando o número de concelleiros, feito que foi convertido practicamente nunha vitoria. Pola contra, Alianza Popular mudou tres veces de alcalde en dous anos, o que provocou unha deterioración na política municipal e o rexeitamento dos veciños de vez que se fortalecía a posición do BNG.[2]
Allariz pasara de ter 10 000 habitantes e ser unha das vilas máis vizosas da Provincia de Ourense a perder case a metade da poboación ante a inacción e inestabilidade dos sucesivos gobernos municipais e o que se consideraba unha conduta ditatorial do entón alcalde Leopoldo Pérez Camba e así, en 1989, coincidindo cunha tempada de seca que deixara o río Arnoia -moi contaminado- e as billas sen auga, as revoltas populares expulsaron o alcalde de Allariz e deron o temón do concello a Quintana tras tres meses de encerros e mobilizacións.[2]
Nas municipais de 1991, sae elixido alcalde, cargo que desempeñará ata o 2000, froito desta xestión convertería a vila alaricana nun dos feudos electorais do BNG.[7] Entre 1995 e 2000, ocupou tamén a vicepresidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Durante o mandato de Quintana, Allariz recibiu o premio do Consello Europeo de Urbanismo pola “ordenación e recuperación do conxunto histórico e do seu río” (1994) e foi unha das vilas seleccionadas para representar a España no concurso Hábitat da ONU, que recoñece os concellos que destacan na defensa do desenvolvemento sustentable.[1] O 1 de setembro de 2000 renunciou á alacaldía, sendo elixido alcalde Francisco García Suárez no pleno extraordinario celebrado ese día.[8]
No ano 2000 presentouse como candidato a senador nas eleccións ás Cortes españolas sen chegar a acadar os votos precisos, con todo, pasaría a ocupar dito posto por designación autonómica en abril dese mesmo ano, converténdose así no primeiro e único representante do BNG.[9] Repetiría despois das Eleccións ás Cortes españolas de 2004, desempeñando o cargo ata setembro de 2005, cando volve a Galiza para asumir a vicepresidencia da Xunta, e relevaríao no cargo Francisco Jorquera.
A X Asemblea Nacional do BNG, celebrada no 2002, designou a Anxo Quintana Coordinador da Executiva Nacional, cargo de nova creación que o convertía no número 2 do partido, só por tras de Xosé Manuel Beiras.[9] O 23 de novembro de 2003, tras a XI Asemblea, gañaría as eleccións como candidato de consenso para ser Portavoz Nacional co 70% dos votos fronte o 22,3% de Camilo Nogueira, dándolle relevo así a Beiras.[10]
Tras as eleccións ao Parlamento de Galiza do 19 de xuño de 2005 sae escollido parlamentario como cabeza de lista do BNG pola provincia da Coruña.[11] Grazas ao pacto entre BNG e PSdeG que constituíu o bipartito galego, asumiu a vicepresidencia da Xunta de Galicia, con competencias en Igualdade e Benestar, o 2 de agosto de 2005. Unha das súas accións de goberno de máis relevancia foi a creación das primeiras Galescolas[12] e durante a xestión destas tivo que afrontar a dimisión do entón Secretario Xeral de Relacións Institucionais, Antón Losada.[13]
En 2006 converteuse no primeiro alto cargo da Xunta de Galicia en pedir o permiso de paternidade.[14]
Asemade, compatibilizaría o seu cargo institucional co de líder do BNG, a fronte do cal protagonizaría en 2007 o XXV aniversario da formación no Frontón Municipal de Riazor, o mesmo lugar onde se celebrara a I Asemblea fundacional.[15][16][17]
En vésperas das Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2009 saltou a polémica nos medios por unhas imaxes publicadas nas que se poñía en cuestión a súa relación co empresario Jacinto Rey González.[18]
O 14 de marzo de 2009 presentou a súa dimisión[19] coma Voceiro Nacional do BNG logo dos resultados nas eleccións ó Parlamento de Galicia, aínda que seguiu en funcións até a seguinte Asemblea Nacional da organización. Relevaríao o 10 de maio dese mesmo ano Guillerme Vázquez. Exerceu o seu posto como deputado no Parlamento até o verán de 2011, cando decide abandonar o seu escano e o seu posto no Consello Nacional do BNG para se dedicar á empresa privada.[20][21] Paralelamente á súa dimisión como portavoz nacional xurdira dentro do Bloque unha importante corrente en torno á figura e á política desenvolvida até entón por Anxo Quintana, con posturas máis centristas cás afíns á UPG ou os beiristas de Encontro Irmandiño, que inicialmente se denominou "quintanismo" e que posteriormente se materializaría en Máis Galiza, xermolo de Compromiso por Galicia.[22] A finais de xaneiro de 2015 volveu acadar un certo protagonismo nos medios ao impulsar a plataforma cívica Somos Nós co fin de reunificar o galeguismo, fortemente dividido tras a ruptura de 2012 en Amio.[23]
O 3 de marzo de 2016 anunciouse nos medios de comunicación a tramitación da súa baixa do BNG logo das diferenzas xurdidas coa organización do mesmo após a XV Asemblea Nacional celebrada no PALEXCO da Coruña,[24][25] poucos días despois de que tamén o fixera Carlos Aymerich, converténdose así no segundo exportavoz Nacional, xunto con Xosé Manuel Beiras, en abandonar a fronte.[25]
Unha semana despois reaccionaba aos artigos de La Voz de Galicia en resposta á súa baixa do BNG, cunha carta[26] publicada na propia conta oficial de Anxo Quintana en Facebook,[27] nela explicaba como foi ameazado sendo vicepresidente da Xunta de Galicia para que recuara no novo "concurso eólico" que a Consellaría de Industria, en mans do BNG, estaba a promover. No texto, aínda que non de xeito explícito mais si bastante evidente, dábase a entender que o presidente do grupo multimedia Corporación Voz de Galicia S. A., Santiago Rey Fernández-Latorre, foi autor da frase, en presenza do mesmo Quintana: "Un enfermero de Allariz no puede venir a cambiar el marco económico de Galicia".[28]
Nas eleccións municipais de 2019 volveu a participar na lista electoral do BNG para o concello de Allariz, ocupando un posto simbólico.[29]
Predecesor: Leopoldo Pérez Camba |
Alcalde de Allariz 1989 – 2000 |
Sucesor: Francisco García Suárez |
Predecesor: Xosé Manuel Beiras |
Portavoz Nacional do BNG 2003 – 2009 |
Sucesor: Guillerme Vázquez |
Predecesor: Alberto Núñez Feijoo |
Vicepresidente da Xunta de Galicia 2005 - 2009 |
Sucesor: Desaparece o cargo |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Anxo Quintana |
A Galicitas posúe citas sobre: Anxo Quintana |