![]() (2019) ![]() | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 14 de xaneiro de 1981 ![]() Ourense, España ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 188 cm ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 2000 ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Centrocampista ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Familia | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Cónxuxe | Paloma López ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
![]() ![]() ![]() |
Francisco de Borja Fernández Fernández,[1] nado en Ourense o 14 de xaneiro de 1981, é un adestrador e exfutbolista galego. Xogaba como centrocampista e defensa central e desenvolveu a maior parte da súa carreira na Primeira División, na que disputou 222 partidos. Formado na canteira do Real Madrid, militou en tres etapas diferentes no Real Valladolid, co que disputo 220 encontros oficiais, conseguindo dous ascensos a Primeira, e pasou tamén polas filas do Mallorca, o Getafe, o Deportivo da Coruña, o Eibar e o Almería. Disputou tamén tres tempadas co Atlético de Kalkota, club do que foi capitán e co que conquistou dous títulos da Superliga da India.
Formouse como futbolista na canteira do Pabellón Ourense da súa cidade natal, onde axiña comezou a destacar, sendo convocado polas categorías inferiores da selección galega e pouco despois da selección española.[2][3] En xuño de 1996, con 15 anos, ingresou nas categorías inferiores do Real Madrid.[4][5]
Tras pasar polo Real Madrid C, na tempada 2001/02 subiu ao Castilla, da Segunda División B, onde se asentou rapidamente na titularidade. Pouco despois do inicio da tempada recibiu as súas primeiras convocatorias por parte do primeiro equipo do Real Madrid, adestrado por Vicente del Bosque, e finalmente debutou o 10 de outubro de 2001, nun partido da Copa do Rei ante o Pájara-Playas canario, formando como titular no centro da defensa xunto a Pavón. Participou en dous partidos máis de Copa, mentres que co filial proclamouse campión do seu grupo, contribuíndo cun total de 40 partidos, todos eles saíndo dende o once inicial. Anotou dous goles na promoción, pero foron insuficientes para que o equipo acadase o ascenso. Na 2002/03 continuou sendo unha peza fundamental no equipo de López Caro, sumando 31 partidos máis como titular.
Para a tempada 2003/04 foi subido ao primeiro equipo, dirixido por Carlos Queiroz, aínda que mantivo ficha do filial.[6] Debutou na Primeira División na segunda xornada, nun empate fronte ao Villarreal no Madrigal (1-1) e tres meses despois xogou o seu primeiro partido na Liga de Campións, saíndo de titular contra o Porto de Mourinho. Disputou co equipo branco un total de 24 partidos esa tempada, cifra que se reduciu considerablemente na seguinte, na que sufriu varias lesións, disputando só 318 minutos de xogo. Pechou o seu paso polo primeiro equipo branco cun total de 38 encontros.
Para a tempada 2005/06 foi cedido ao Mallorca, onde tampouco conseguiu consolidarse, sendo titular só en seis ocasións.
No verán de 2006 foi traspasado ao Real Valladolid, da Segunda División. No conxunto de Mendilíbar recuperou unha regularidade que non tiña dende que xogaba no Castilla e foi unha peza importante no ascenso do equipo á Primeira División como campión da categoría. Xogou co Valladolid en Primeira durante as seguintes tres campañas, sendo habitualmente titular, ata o descenso do equipo ao remate da 2009/10.
En xuño de 2010 chegou libre ao Getafe, co que asinou por catro anos, pero non atopou continuidade no equipo dirixido por Míchel, sendo titular só en catro partidos de liga.
O 22 de agosto de 2011 anunciouse o seu regreso a Galicia para xogar unha tempada no Deportivo da Coruña en calidade de cedido.[7] No equipo de José Luis Oltra disputou 22 partidos, saíndo en case todos dende o banco de suplentes, e contribuíu con dous goles á excelente tempada do club galego, que se proclamou campión de Segunda cun récord histórico de puntos (91). [8] Especialmente lembrado é o seu gol de cabeza no minuto 92 do derbi contra o Celta de Vigo en Balaídos, que lle deu a vitoria ao Deportivo por 2-3.[9]
Tralo ascenso co Deportivo regresou ao Getafe, co que disputou 46 encontros durante as seguintes dúas campañas.
No verán de 2014, ao remate do seu contrato co Getafe, deixou España para iniciar unha etapa na India, nas filas do Atlético de Kolkata, club de Calcuta vencellado ao Atlético de Madrid.[10] Foi a primeira fichaxe na historia da Superliga da India, que emprendía esa ano a súa primeira edición.[11] No club indio coincidiu con varios españois, dende o propio adestrador, Antonio López Habas, aos xogadores Luis García, Jofre Mateu, Basilio Sancho, Josemi e Arnal Llibert.[12]
Marcou un gol no primeiro partido da historia da liga contra o Mumbai City e acabou proclamándose campión do torneo, contribuíndo con 16 partidos, un gol e dúas asistencias. Foi titular na final disputada en decembro de 2014 contra o Kerala Blasters, na que o seu equipo gañou por 1-0 cun gol nos últimos instantes.[13]
Dado que a seguinte tempada da liga india non comezaría ata 10 meses despois, regresou a Europa, onde firmou un contrato por seis meses co Eibar de Gaizka Garitano, club que estaba a disputar a súa primeira campaña na Primeira División.[14] Foi titular na maioría dos compromisos ata o final da tempada, que culminou nun principio co descenso do equipo vasco. Con todo, tralo descenso administrativo do Elche, o Eibar mantivo a categoría.[15]
A continuación regresou á India para disputar a tempada 2015 da Superliga e sucedeu a Luis García como capitán do Atlético de Kolkata. Disputou 15 partidos, anotando un gol, pero non puido revalidar o título de liga, ao caer nas semifinais contra o Chennaiyin.
Do mesmo xeito que o ano anterior, trala fin do campionato indio regresou á liga española para disputar a segunda metade, desta vez nas filas do Valladolid, en Segunda.[16] Nesta segunda etapa no club, disputou 17 encontros, 13 deles saíndo dende o once inicial, pero quedou moi lonxe do obxectivo do ascenso.
En agosto de 2016 regresou a Calcuta e capitaneou o Atlético cara ao seu segundo título da Superliga, derrotando na final de novo ao Kerala Blasters. Foi despois dunha quenda de penaltis, na que o propio Borja anotou o terceiro dos lanzamentos do seu equipo.[17]
En xaneiro de 2017 regresou definitivamente a España, asinando ata final de tempada co Almería, de Segunda. Disputou 20 partidos co club andaluz, rematando na 15ª posición.[18]
En xullo iniciou a súa terceira e última etapa nas filas do Valladolid. Titular indiscutible no equipo do tamén galego Luis César Sampedro, foi o segundo xogador de campo con máis minutos disputados, só por detrás de Jaime Mata. O club acadou a promoción de ascenso a Primeira, e xa con Sergio González como técnico conseguiu o seu obxectivo ao eliminar ao Sporting de Gijón nas semifinais e ao Numancia na final.[19] A 2018/19, xa en Primeira, foi a derradeira tempada de Borja Fernández como futbolista. En maio de 2019 anunciou a súa retirada despois de 18 tempadas, cun total de 222 partidos disputados na máxima categoría do fútbol español.[20]
Despois de deixar a súa etapa como futbolista, continuou vencellado ao Real Valladolid noutras funcións. En maio de 2019 foi noticia na prensa deportiva pola súa detención no marco da operación Oikos, como un dos supostos implicados nun caso de amaños e apostas ilegais, referentes ao encontro entre o Real Valladolid e o Valencia durante a súa última etapa como xogador, e chegou a pasar tres días nun calabozo.[21] Con todo, o caso foi arquivado en 2024, sendo exonerados todos os implicados por falta de probas.[22] O exfutbolista criticou duramente á unidade da UDEF e aos xuíces do caso, polos prexuízos que lle casou a investigación.[21][22]
Xogou dende novo nas categorías inferiores das seleccións galegas e española. Chegou a disputar dous encontros coa selección española sub-21; o primeiro deles en 2002, contra os Países Baixos e con Iñaki Sáez como seleccionador, e o seguinte máis dun ano e medio despois, poñéndose ás ordes do tamén galego Ufarte ante Armenia.
En 2005 foi un dos integrantes da recuperada selección galega absoluta e participou no partido dese ano ante o Uruguai, e tamén nos seguintes contra Ecuador e o Camerún.
Despois de ser axudante de Rubén Baraja no Valladolid Promesas e de dirixir os xuvenís do club,[23][24] en abril de 2024 fichou como adestrador da UD Ourense, de Terceira Federación, trala dimisión do anterior técnico, Jorge de Dios.[25]