Dorna Sports | |
---|---|
Tipo | negocio |
Campo de traballo | Gestão do Esporte |
Data de fundación | 1988 |
Fundador(es) | Banesto |
Sede | Madrid |
País | España |
Na rede | |
http://www.dorna.com | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Dorna Sports, S.L. é unha empresa española fundada en 1988, que organiza o Campionato do Mundo de Motociclismo celebrado baixo a marca MotoGP, da que posúe os dereitos de explotación comercial desde 1992.
Foi fundada en 1988 por catro persoas (os empresarios coruñeses Manuel e Carlos García Pardo, José Luis Peña e José Ramón Guimarans), orixinalmente co nome de Dorna Promoción del Deporte/ Dorna Promotion of Sports, dedicándose nos seus inicios á representación de futbolistas.[1][2] Recibiu o seu nome en referencia á embarcación do mesmo nome típica das Rías Baixas. En 1988 o 50% da compañía foi vendida ao Banco Banesto, daquela dirixido polo tamén galego Mario Conde, e en 1996 o banco comprou tamén a metade restante.[3]
A empresa foi vendida a CVC Capital Partners (Citibank) en 1998 e pasou a denominarse Dorna Sports. O custo aproximado da compra foi de 80 millóns de dólares, dos cales a metade foi destinada a saldar a débeda da compañía. Hardy McLain, un dos fundadores de CVC e antigo director de Citibank nomeou presidente de Dorna a Carmelo Ezpeleta.[4] Ten sede en Madrid e conta con oficinas e filiais en Barcelona, Ámsterdam, Londres e Roma. Desde 2006, o accionista maioritario é o fondo de investimento Bridgepoint Capital.[5]
Desde 2001 tamén posúe os dereitos comerciais e televisivos do Campionato do mundo de Supercross GP e, desde 2013, do Campionato do mundo de Superbikes.[6] A compañía tamén participa na administración e promoción doutros eventos como o Campionato do Mundo de Trial Indoor e Outdoor Trial.
En 2005, CVC Capitals Partners anunciou a súa intención de investir na Fórmula 1. Para iso, adquiriu parte do accionariado de SLEC Holdings, titular dos dereitos comerciais da Fórmula 1, en concreto o 25% das accións que Bambino Holdings posuía en SLEC, o 48% das de Bayerische Landesbank e as de JP Morgan Chase en SLEC, un 14,1%, reunindo así unha porcentaxe total de participacións de arredor do 86% da participación de SLEC. Eses convenios foron aprobados pola Comisión Europea en 2006, pero suxeitos á venda de Dorna Sports[7] para evitar xerar problemas de libre competencia. En palabras da propia comisaria de Competencia, Neelie Kroes: “Cando as dúas competicións de motor máis importantes da Unión Europea, a Fórmula 1 e MotoGP, acaban en mans do mesmo propietario, existe o risco de que suban os prezos dos dereitos televisivos de ditos eventos, así como reducir as posibilidades de elección para o consumidor final.[8]
O 28 de marzo de 2006, CVC vendeu a súa participación do 71% en Dorna Sports por un total de 400 millóns de libras (uns 525 millóns de euros) a Dorna Sports Management.
En 2005, co crecemento de Internet, Dorna decidiu esixir o pago das acreditacións de prensa dos medios en liña, algo que xerou polémica. A tarifa oscilaba entre os 100 e os 1000 euros. A maioría das publicacións relevantes deron as costas a esta imposición por parte do organizador dos actos.