Biografía | |
---|---|
Nacemento | 19 de xullo de 1876 Mourazos, España |
Morte | 24 de maio de 1935 (58 anos) Madrid, España |
Causa da morte | cancro |
Educación | Universidade de Salamanca Universidade de París |
Actividade | |
Ocupación | psicólogo, escritor, profesor de ensino secundario, filósofo, autor |
Alumnos | Rafael Lapesa |
Familia | |
Cónxuxe | M.ª Francisca Romero |
Fillos | M.ª dos Anxos (1919) Anxo (1922) [1] |
Descrito pola fonte | Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada Dicionario biográfico de Galicia Diccionario enciclopédico galego universal |
Eloy Luís André,[a] nado en Mourazos (Verín) o 19 de xullo de 1876 e finado en Madrid o 24 de maio de 1935, foi un filósofo, psicólogo e docente galego, cuxa obra orixinal máis destacada se centra en problemas de mentalidade colectiva e no desenvolvemento do sistema educativo.
Fillo do médico de Vilardevós Ángel Luis Barreira e de Purificación André, quedou orfo de pai cun ano de idade. A nai casou en segundas nupcias cun notario de Ponteareas.[2] Eloy foi vivir cos avós paternos, Anselmo e Sabela, e, cando estes finaron, cos tíos Xacinto e Xenerosa.[1] Fixo os seus estudos no Colexio dos Padres Escolapios de Celanova e no Instituto de Ourense, recibindo clases de Juan Sieiro González. Comezou o ciclo universitario en Santiago de Compostela, trasladándose logo para a Universidade de Salamanca, onde os rematou. Alí iniciou o seu trato con Miguel de Unamuno. Pasou a Madrid, á Universidade Central, para efectuar a doutoramento (1901-1902), e estabelecendo contactos con Francisco Giner de los Ríos.
Volveu de novo a Salamanca para especializarse en Filosofía Superior, e desde alí trasladouse ás universidades europeas de Leuven, Bruxelas e París en 1899 - 1900, para ampliar estudos. Cando regresou a España intentou acceder a unha cátedra universitaria, mais ante a imposibilidade de lograr algunha, decidiu preparar oposicións a cátedra de bacharelato, obtendo en 1904 a de Psicoloxía, Lóxica, Ética e Rudimentos de Dereito do instituto de Soria. No mesmo ano e por motivos familiares (enfermidade da tía Xenerosa) trasládase para o Instituto de Ourense.[1]
En 1906 o Goberno comisionouno para estudar a organización de Ministerio de Fomento en Francia, Bélxica e Italia, ano no que publicou o seu primeiro libro El histrionismo español: ensayo de psicología política.[3] En 1909, a Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas concedeulle unha bolsa de estudos, que utilizou para trasladarse á Universidade de Leipzig, onde foi discípulo de Wilhelm Wundt, so cuxa dirección preparou un traballo de psicoloxía experimental. Posteriormente trasladouse á Universidade de Jena, onde foi discípulo de Rudolf Christoph Eucken. André mantería, posteriormente, relacións profesionais de amizade e profesionais con ambos filósofos alemáns.
Retornou a España a fins de 1910 para tentar de novo acceder a algunha cátedra universitaria, por exemplo a de Metafísica da Universidade Central, que finalmente gañou José Ortega y Gasset. Porén a concesión dunha nova bolsa pola Junta de Ampliación de Estudios fixo que volvese novamente a Leipzig. Ao regresar para España, retomou o seu posto en Ourense en 1912, onde creou un laboratorio de psicoloxía experimental. En 1913 o Goberno pensionouno catro meses para estudar o funcionamento do ensino secundario en Francia, Bélxica e Prusia.[1]
En 1914 pasou ao instituto de Toledo. Neses anos interesouse polos movementos galeguistas, pero nunca tivo unha militancia activa. En 1917 casou con María Francisca Romero, natural de Xinzo de Limia. En 1918 opositou para o Instituto Cardenal Cisneros, logrando por fin residir en Madrid, que era o que desexaba desde había anos. En 1919 e 1922 naceron os fillos, María dos Anxos e Anxo. Morreu en 1935 por un cancro hepático. Os seus restos foron trasladados de Madrid a Vilardevós en 2001.[1]
Ao longo da súa vida Eloy Luís André publicou unha obra que se pode cualificar de extensa. As súas publicacións atenden a varias vertentes básicas: os manuais de ensino, as publicacións de psicoloxía, os problemas educativos e os libros de creación filosófica propia, destacando neste sentidos os seus ensaios sobre mentalidade colectiva, talvez influído polo interese de Wundt na psicoloxía dos pobos. Outra faceta de André levouno a escribir artigos de economía, espallados en revistas e xornais.
André fixo ademais varias traducións, desde o alemán e o francés:
O escritor galego Silvio Santiago realizou un breve retrato humano dun André xa entrado en anos na súa novela autobiográfica Vilardevós (1961, Galaxia).
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Eloy Luís André |