Biografía | |
---|---|
Nacemento | 15 de setembro de 1945 (79 anos) Madrid, España |
Actividade | |
Ocupación | actor, actor de televisión |
Período de actividade | 1967 - |
Eusebio Poncela Aprea, nado en Madrid o 15 de setembro de 1947 é un actor, produtor e guionista español. Forxado no teatro do final do franquismo, o seu traballo en series de éxito e a súa vinculación co cine de autor convérteno nun dos actores máis representativos da Transición e dos primeiros anos da democracia.[1] En Galiza rodou Os gozos e as sombras e Continental.
Despois de licenciarse en Arte Dramática, comezou a actuar no teatro a mediados dos anos 60. Debutou coa obra Mariana Pineda. Protagonizou Romeo e Xulieta xunto a María José Goyanes e un dos seus primeiros éxitos no teatro é Marat-Sade en compañía de Adolfo Marsillach. A partir de 1970 compaxinou a súa actividade teatral co cine e televisión; para Estudio 1 protagonizou, entre outros, Los bandidos, de Schiller, xunto con Juan Diego e Marisa Paredes.
Participa en filmes como Fuenteovejuna ou La muerte del escorpión, alternando papeis protagonistas e secundarios.
Destaca co filme Arrebato (1979), unha película innovadora de Iván Zulueta onde o poder absorbente da heroína corre paralelo ao poder hipnótico da imaxe. É unha película de vangarda, tanto na súa forma como no seu contido. Estreouse no contexto do movida madrileña e, a pesar do seu éxito, permaneceu na sombra durante os anos 80 e anos 90, até a súa reestrea en 2002 e a súa reedición en DVD.
Ese mesmo ano protagoniza Operación Ogro, dirixida por Gillo Pontecorvo.
O grande éxito de popularidade chega co seu papel de Carlos Deza na serie ambientada en Galiza Os gozos e as sombras (1982), adaptación da obra literaria de Gonzalo Torrente Ballester con Charo López, Amparo Rivelles e Carlos Larrañaga nos demais papeis principais. Anteriormente participara en Curro Jiménez e máis tarde, tamén para TVE, protagonizou Las aventuras de Pepe Carvalho, primeira adaptación como serie das novelas de Manuel Vázquez Montalbán.[2] En Galiza rodou tamén Continental de Xavier Villaverde, en 1989, un dos primeiros filmes do cine galego após o franquismo.[3]
Na década de 1980 converteuse nun actor popular no cine español. En 1986 participou na película Matador producida por Andrés Vicente Gómez baixo a dirección de Pedro Almodóvar. Ao ano seguinte participa en La ley del deseo, que conta a historia de Pablo (E. Poncela), un director de cine homosexual que coñece a Antonio (Antonio Banderas) a noite da estrea dunha das súas obras, que levará a tráxicas consecuencias.
Traballou con directores españois como Francisco Regueiro, Carlos Saura (El Dorado), Imanol Uribe (El rey pasmado) e Pilar Miró (Werther) entre outros.
Durante un tempo trasladouse a Arxentina, onde recibiu a chamada de Adolfo Aristarain para interpretar a Dante en Martín (Hache), recibindo excelentes críticas.[4] En 1993, participou como protagonista no videoclip Matador da banda de rock Los Fabulosos Cadillacs.[5]
En 2001 compartiu o papel protagonista con Ángela Molina en Sagitario, a estrea como director de Vicente Molina Foix, e aparece na miniserie Viento del pueblo, biografía de Miguel Hernández interpretada por Liberto Rabal. Outros filmes recentes son Tuno negro, Los Borgia ou Teresa, el cuerpo de Cristo.
Seguiu a súa carreira no teatro en coproducións como Intacto, xunto con Max von Sydow, pola que foi candidato ao Premio Goya como mellor actor, ou a arxentina Hermanas, de Julia Solomonoff, que repasa o antes e despois da ditadura militar.
En 2004 recibiu o Premio Nacional de Cinematografía Nacho Martínez que cada ano concede o Festival Internacional de Cine de Xixón.
En 2015 na serie Carlos, Rey Emperador interpretou ao cardeal Cisneros, papel que xa interpretara anteriormente na serie Isabel.[6] Tamén este ano aparece como Cisneros nun episodio da primeira tempada de El Ministerio del Tiempo.
Ano | Categoría | Serie de televisión | resultado |
---|---|---|---|
2016 | mellor actor | Carlos, Rei Emperador | Gañador |
Ano | Categoría | película | resultado |
---|---|---|---|
1998 | Mellor actor secundario | Martín (Hache) | Gañador |
Ano | Categoría | película | resultado |
---|---|---|---|
2001 | mellor actor | intacto | Nomeado |
Ano | Categoría | película | resultado |
---|---|---|---|
1997 | Mellor actor español | Martín (Hache) | Gañador |
1983 | Mellor actor español | El arreglo | Gañador |
2017 | Premio especial á traxectoria profesional | Gañador |
Ano | Categoría | traballo | resultado |
---|---|---|---|
1983 | Mellor actor de cine | El arreglo | Nomeado |
1982 | Mellor intérprete de televisión | Os gozos e as sombras | Nomeado |
Ano | Categoría | traballo | resultado |
---|---|---|---|
2014 | Mellor actor secundario de televisión | Isabel | Nomeado |