Henry Linderman

Modelo:BiografíaHenry Linderman

Henry Linderman
Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos
(1867-1869) / (1873-1878)

Biografía
Nacemento26 de decembro de 1825
Lehman.
Pensilvania.
Morte27 de xaneiro de 1879 (53 anos)
Washington, D.C..
Lugar de sepulturaNisky Hill Cemetery (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
País de nacionalidade Estadounidense
EducaciónUniversidade de Nova York.
Actividade
OcupaciónMédico, político e alto funcionario.
Partido políticoPartido Demócrata Editar o valor en Wikidata
Familia
NaiRachel Linderman Editar o valor en Wikidata
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteAppletons' Cyclopædia of American Biography, (sec:Linderman, Henry Richard) Editar o valor en Wikidata
WikiTree: Linderman-86 Find a Grave: 21023868 Editar o valor en Wikidata


Henry Richard Linderman, nado en Lehman, Pensilvania, o 26 de decembro de 1825 e finado en Washington o 27 de xaneiro de 1879, foi un médico, financeiro e alto funcionario estadounidense, director da Casa da Moeda dos Estados Unidos nos períodos 1867-1869 e 1873-1878.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Orixe familiar

[editar | editar a fonte]

A súa familia materna, os Brodhead, chegaron aos Estados Unidos cando Daniel Brodhead foi enviado en 1664 para a toma de Nova Ámsterdam, como membro do exército británico. Ademais, o tío avó de Henri Linderman, Daniel Brodhead, foi coronel dun rexemento en Pensilvania durante a Revolución Americana.[1][2]

Por outra banda, os Linderman chegaron a América no século XVIII, cando Jacob von Linderman, dunha familia de médicos e avogados de Saxonia, emigrou durante a Guerra de Sucesión Austríaca e se instalou preto de Kingston, en Nova York, en 1750.[1]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

Henry Linderman naceu en Lehman, no condado de Pike, Pensilvania, o 26 de decembro de 1825,[3] o primeiro fillo de Rachel Brodhead e do médico John Jordan Linderman.[1][4]

Comezou a formarse de xeito autónomo co seu pai e logo estudou Medicina no Colexio de Médicos e Cirurxiáns da Universidade de Nova York,[4] onde se graduou en 1846. Retornou ao condado de Pike, onde exerceu como médico co seu pai, ata que en 1853 se trasladou a Filadelfia, onde tamén exerceu a medicina durante unha pequena temporada.[3][5]

Carreira na Casa da Moeda

[editar | editar a fonte]
Medalla da Comisión de Ensaios dos EEUU (1879), coa imaxe de Henry Linderman. Gravador: William Barber.

En 1855 o seu tío, o senador demócrata Richard Brodhead, procuroulle un posto como secretario xefe da Ceca de Filadelfia, posto que ocupou ata 1864, data na que cesou para se dedicar a negocios no sector da banca. Linderman tamén participou activamente no Partido Demócrata e en 1868 asistiu á convención nacional dese partido.[3][4][5]

O 1 de abril de 1867 volveu á Casa da Moeda ao ser nomeado polo presidente Andrew Johnson como director da institución, e en maio de 1869 finalizou o seu mandato ao acceder ao poder os republicanos.[3][4][5]

O ano seguinte foi comisionado polo Goberno na costa do Pacífico para facer unhas investigacións nas cecas de San Francisco e de Carson City acerca da xestión dos metais preciosos neses establecementos. En 1871 viaxou a Europa, tamén como comisionado polo Goberno, para estudar os sistemas monetarios dos países máis desenvolvidos do continente, e á súa volta, en 1872, encomendóuselle, xunto a Robert E. Rogers, da Universidade de Pensilvania, o acondicionamento da refinaría de metais preciosos da Ceca de San Francisco.[4][5]

O seu coñecemento da moeda e da súa cuñaxe fixo que Linderman fose un dos principais redactores da Lei da Moeda de 1873, que reorganizou a Casa da Moeda dos Estados Unidos e a rede de cecas sucursais. En abril dese mesmo ano foi nomeado novamente polo daquela presidente, Ulysses S. Grant, como director da Casa da Moeda, o primeiro en virtude da nova lei.[5] Durante este período, que durou ata decembro de 1878, dirixiu o nacemento, entre outras moedas, do dólar de comercio.[3][6][7]

En 1877, Linderman publicou a monografía Money and Legal tender in the United States ("Moeda e curso legal nos EEUU"), un estudo acerca da moeda e o mundo das finanzas.[6][8][9]

Linderman foi tamén un destacado coleccionista numismático e aproveitou o seu posto na Casa da Moeda para acceder a pezas de gran rareza. Da súa colección formaron parte pezas tan salientables como un exemplar do dólar de 1804 e varias probas de cuñaxe que se supoñen saídas directamente da ceca pública, o cal xerou controversia no momento da venda da colección o 28 de febreiro de 1888.[3][10]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Henry Linderman casou en 1853 con Emily Davis, filla do industrial do carbón George H. Davis.[6] O matrimonio tivo un só fillo.[3]

En 1877 contraeu unha doenza que finalmente lle provocou a morte na súa residencia de Washington, o 27 de xaneiro de 1879.[6][9][11] Foi soterrado no cemiterio Nisky Hill en Bethlehem, Pensilvania.[12]

  1. 1,0 1,1 1,2 Evans, G. G. (1893). Páxina 104.
  2. "Notes and Queries". En Pennsylvania Magazine of History and Biography. Volume 51. Nº 1. 1927. Páxinas 92-95.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Smith, P. (2012).
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Failor, K. M.; Hayden, E. (1969). Páxina 136.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Evans, G. G. (1893). Páxina 105.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Evans, G. G. (1893). Páxina 106.
  7. Failor, K. M.; Hayden, E. (1969). Páxinas 136-137.
  8. Linderman, H. R. (1877). Money and Legal Tender in the United States. Putnam's Sons, Nova York.
  9. 9,0 9,1 Failor, K. M.; Hayden, E. (1969). Páxina 137.
  10. Linderman Collection of Coins. Scott Stamp & Coin Co. Ld. 28 de febreiro de 1888.
  11. "Death of Mint Director Linderman". En Evening Star. Volume 53. Nº 8.056. Washington. 28 de xaneiro de 1879. Páxina 1.
  12. "Henry Richard Linderman". Find a Grave.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Predecesor:
William Millward
James Pollock

Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos

1867-1869
1873-1878
Sucesor:
James Pollok
Horatio C. Burchard