Biografía | |
---|---|
Nacemento | setembro de 1952 (72 anos) Walton-on-Thames, Reino Unido (pt) |
Actividade | |
Ocupación | escultor, medallista, modeler (en) |
Premios | |
|
Ian Rank-Broadley, nado en Walton-on-Thames, Surrey, en 1952, é un escultor e deseñador de moedas británico, coñecido por unha estatua de Diana de Gales erixida no palacio de Kensington, en Kensington e Chelsea, e pola efixie de Isabel II característica da moeda británica e da Commonwealth, de 1998 a 2015.
Nado en Walton-on-Thames, Surrey, Ian Rank-Broadley estudou na Epsom School of Art entre 1970 e 1974, e logo na Slade School of Fine Art, da University College London, entre 1974 e 1976, onde acadou a bolsa de estudos Boise Travelling Scholarship. Durante o curso 1976-1977 completou a súa formación artística na Escola Británica de Roma,[1][2] e visitou Nápoles, Florencia, Venecia e París.[3][4]
Logo do seu regreso ao Reino Unido iniciouse como escultor profesional e especializouse en escultura de baixorrelevo. Foi axudante dos escultores Reg Butler (1977) e Ralph Brown (1982).[1]
En 1989 ingresou como membro asociado na Real Sociedade Británica de Escultores, e en 1994 acadou a condición de membro de pleno dereito. En 1990 foi elixido membro da Sociedade de Artistas e Deseñadores Numismáticos.[3] En 1995 entrou a formar parte do Gremio de Traballadores da Arte.[2][4]
En 2010 foi nomeado administrador da Prince's School of Traditional Arts. As súas obras forman parte das coleccións permanentes de entidades como o Museo Británico, a Galería Nacional de Retratos de Londres, o Museo Ashmolean, o Museo Fitzwilliam de Cambridge, a Catedral de San Paulo e o Rijksmuseum, entre outros.[5] Entre as institucións que lle fixeron encargas están a Universidade de Surrey (1977), a Sociedade Británica da Medalla de Arte (1989) e a London Library (1990).[1]
Rank-Broadley acadou pola súa traxectoria artística diversos recoñecementos; entre eles, foi nomeado en 1996 membro de honra da Worshipful Company of Goldsmiths,[2] e o mesmo ano concedéronselle as Chaves da Cidade de Londres.[3][4]
Parte da obra de Rank-Broadley está caracterizada polo espido masculino, algo que foi sinalado polo crítico de arte británico Jonathan Jones.[7] O propio Rank-Broadley escribiu ao respecto:[8]
“ | A elección da figura masculina espida como motivo dominante fíxose bastante axiña, cando me decatei de que o espido feminino fora, en gran medida, despoxado do seu poder polo mundo comercial da publicidade, en tanto que o masculino aínda conservaba un poder que podía excitar, chamar a atención e conmover. | ” |
En 1996, Rank-Broadley gañou o premio pola súa maqueta de bronce para as Portas do Infierno de Dante, na XI Bienal Dantesca de Rávena, en Italia.[3][9]
En 2007, inaugurouse o Memorial ás Forzas Armadas no National Memorial Arboretum, en Alrewas, preto de Lichfield, Staffordshire, que contén dous grandes grupos de catorce figuras, todas elas de tamaño natural.[6][10] Por esta obra recibiu o premio Marsh 2008 á Excelencia en Escultura Pública.[9][11]
En 2010 realizou un monumento a Dean Colet, fundador da St Paul's School de Londres, que se pode ver na catedral de San Paulo.[12] Outras obras importantes son o San Mateu da igrexa de San Mateu de Northampton;[13] a raíña Isabel II coa vestimenta da Orde da Xarreteira, no Tribunal Supremo;[14] a estatua de Charles James Fox en Chertsey;[15] e a estatua Machine Gunner ("Metralladora"), no Memorial do Royal Anglian Regiment, no Museo Imperial da Guerra de Duxford.[16]
O editor Felix Dennis converteuse nun importante mecenas para Rank-Broadley; por encarga súa esculpiu, entre outras, a estatua de Josephine Baker,[17] ademais da composición Lord Rochester, his Whore and a Monkey ("Lord Rochester, a súa puta e un mono") para o seu Xardín de Heroes e Viláns".[18]
En 2018, Rank-Broadley completou un busto retrato do poeta galés R. J. Arkhipov. A experiencia de Arkhipov co escultor inspirou o seu poema The Sculptor ("O escultor").[19]
O 10 de decembro de 2017 anunciouse que Rank-Broadley recibira a encarga dos fillos de Diana, a Princesa de Gales, para executar unha estatua na súa memoria. A súa finalización estaba prevista inicialmente para 2019,[20] mais a súa inauguración no Xardín Afundido do Palacio de Kensington demorouse ata o 1 de xullo de 2021.[7][21] Na súa crítica, Jonathan Jones sinalou o seu "horror estético [...] Un realismo plano e cauteloso, suavizado por un vago intento de intimidade, convérteno en algo sen sentido, sen espírito nin carácter".[22]
En 1997, Ian Rank-Broadley gañou o concurso convocado pola Royal Mint para a creación dunha nova efixie de Isabel II, en substitución do ata entón vixente, que Raphael Maklouf deseñara en 1985. Esta nova efixie, coñecida como o "cuarto busto" da raíña, estaba destinada a aparecer a partir de 1998 nos anversos das moedas británicas en circulación e conmemorativas, e tamén en moitas das emitidas por outros territorios de soberanía británica e membros da Commonwealth, ata 2015.[3][24][25]
O retrato de Rank-Broadley contrasta co anterior ao ocupar unha gran parte do campo da moeda —ao estilo de Benedetto Pistrucci, a quen admira— e ao presentar unha figura realista da raíña, que amosa a madureza dos 70 anos que tiña daquela.[26] Ademais, Isabel II carece de coroa e, no seu lugar, a monarca porta na súa cabeza a coñecida como "tiara das Rapazas da Gran Bretaña",[27] que a súa avoa, María de Teck, lle entregara como agasallo de casamento.[2]
Ademais, Rank-Broadley foi o gañador de varios concursos da Royal Mint para o deseño de ambas as faces de varias moedas conmemorativas do Reino Unido:
Todas as moedas creadas por Ian Rank-Broadley amosan as súas iniciais IRB a modo de marca de gravador, normalmente baixo a efixie de Isabel II.[24][26]
Rank-Broadley foi tamén autor de varias medallas, tanto conmemorativas como de arte.[37] O busto de Isabel II creado por Rank-Broadley incorporouse tamén no anverso da Medalla do Ébola polo Servizo na África Occidental, cun reverso de John Bergdahl.[38]
Por outra banda, a Royal Numismatic Sociaty, de Londres, encargoulle en 1993 a confección do seu máximo galardón, a Medalla da Royal Numismatic Society, co motivo clásico de Heracles e o León de Nemea.[39] Este Deseño estivo vixente ata 2021, cando se cambiou por outro deseñado Robert Elderton.[40]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ian Rank-Broadley |
Predecesor: Raphael Maklouf |
Moedas da libra esterlina Autores dos anversos 1998-2015 |
Sucesor: Jody Clark |