Nome orixinal | (ar) أبو الوليد أحمد بن زيدون المخزومي |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | c. 1003 (Gregoriano) Córdoba, España |
Morte | 1071 (Gregoriano) (67/68 anos) Sevilla, España |
Actividade | |
Ocupación | escritor, poeta, político |
Xénero artístico | Poesía |
Familia | |
Parella | Wallada bint al-Mustakfi |
Aḥmad ibn ˁAbd Allāh ibn Aḥmad ibn Gālib ibn Zaydūn (en árabe, أحمد بن عبد الله بن زيدون), máis coñecido como Ibn Zaydún ou Abenzaidún (segundo as fontes cristiás), nado en Córdoba en 1003 e finado en Sevilla en 1071[1], foi un poeta árabe andalusí considerado como o maior poeta neoclásico de Al-Ándalus.[2][3] Renovou a lírica amorosa en árabe ao infundirlle un ton de experiencia máis propio e sensual.
Este feito supúxolle ser considerado o mellor dos poetas amorosos da Hispania musulmá e modelo para a poesía árabe occidental posterior. Chegou a ser considerado «o mellor poeta neoclásico de Al-Ándalus» e recibiu o título de «o Tibulo árabe». Os seus intensos amores coa princesa e poeta Wallada inspiraron a numerosos escritores e dramaturgos do mundo musulmán.
Durante moito tempo foi o predilecto do emir de Córdoba, Abulhazam ben Chauar. Mantivo apaixonados e tormentosos amores coa princesa e poeta Wallada. Acusado dun delito común, foi encarcerado, mais logrou evadir a prisión. Desde o desterro pregou o perdón de Chauar e de Wallada por medio de encantadoras epístolas e poemas. Tras obtelo, viviu en varias cidades de Al-Ándalus, principalmente en Ishbiliya (Sevilla), onde foi ministro de Al-Mutádid e Al-Mutámid, monarcas cultos e excelentes poetas.
Apenas se coñecen datos da súa vida até coñecer a princesa e poeta Wallada. Dese encontro transcendental arrinca a revitalización da poesía amorosa árabe, que adquire un ton persoal inusitado. Até entón o tratamento do amor na poesía árabe viña determinado pola reelaboración de tópicos baseados na reflexión sobre o aspecto espiritual da relación amorosa e evitar tratar o amor carnal, coñecido como «amor udrí». Tras a súa obra, reuníronse de xeito natural os conceptos do amor neoplatónico coa descrición de experiencias físicas.
Outra das súas innovacións é a do amor concibido como relixión. Trátase dunha nova profesión de fe que presenta os seguintes trazos:
Estes e outros trazos gardan similitude coa idea de amor cortés da poesía que nesa época se estaba a xestar en Occitania e na lírica galaico-portuguesa.
Os amores con Wallada tiveron un final tempestuoso, despois de que Abulhazam ben Chauar se fixese co poder en Córdoba. Tras a ruptura, a correspondencia entre os amantes convértese nunha sucesión de sátiras feroces. Nelas aparece o novo amante de Wallada, Abu Amir ibn Abdus, tamén destinatario das duras imprecacións de Ibn Zaydun. As consecuencias das duras palabras dirixidas a ibn Abdus (postas en boca da princesa para realzar a ridiculización), levárono ao cárcere. Dende alí escribiu belas epístolas aos seus amigos para intercederen por el ante Ben Chauar. As súas súplicas tiveron efecto e acabou por ser liberado. Porén, foi afastado da corte con misións de embaixador ante outros reis de taifas.
Percorreu as cortes de Sevilla, Badaxoz e Valencia, entre outras. En 1049 instalouse na corte de Al-Mutádid como secretario, cargo que exerceu até a súa morte en 1071, xa con Al-Mu'támid como rei. Neste período escribiu poesía áulica ao servizo dos abaditas sevillanos. Renovou o panexírico, sobre todo nas composicións destinadas ao novo príncipe e poeta, Al-Mu'tamid, por quen sentía gran afecto, amais de respectar a súa calidade lírica.