Istituto Poligrafico e Zecca dello Stato | |
---|---|
![]() | |
![]() Sede principal do IPZS. | |
Tipo | Empresa pública. |
Fundación | - 1911: Regia Zecca. - 1928: L'Istituto Poligrafico. - 1978: Istituto Poligrafico e Zecca dello Stato. |
Matriz | Ministerio de Economía e Finanzas. |
Localización | ![]() ![]() |
Persoas clave | Presidente: Domenico Tudini.[1] |
Industria | Cuñaxe, impresión e seguridade. |
Produtos | Moedas, medallas, selos, pasaportes, documentos de identidade, publicacións oficiais, placas de matrícula etc. |
Beneficio neto | 50 millóns de euros (2017).[2] |
Número de empregados | 1.737 (2017)[2] |
Na rede | |
http://www.ipzs.it/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Istituto Poligrafico e Zecca dello Stato –IPZS– (en galego: "Instituto Poligráfico e Ceca do Estado") é a compañía pública italiana, dependente do Ministerio de Economía e Facenda, encargada da cuñaxe da moeda de curso legal nese país. Ten a súa sede en Roma, no número 691 da Via Salaria.[3]
O IPZS produce ademais pasaportes e selos de correos tanto para a República Italiana como para os microestados da Cidade do Vaticano, San Marino e a Orde de Malta. Na súa sede de Roma está tamén a súa editora Libreria dello Stato, así como a Officina Carte Valori, onde se imprimen os selos postais, e a súa produtora multimedia.[4] Conta tamén con outras plantas situadas en Verrès, no Val de Aosta, e en Foggia, Puglia. Os billetes son producidos polo Banco de Italia.[5][6]
As orixes da Casa de Moeda do Estado (Zecca dello Stato) remóntanse a 1871, cando o Reino de Italia trasladou a súa capital a Roma. O novo estado creado logo do Risorgimento utilizou inicialmente para a produción da súa moeda a ceca dos extintos Estados Pontificios, ata que creou a Regia Zecca ("Ceca Real"), sita no distrito de Esquilino e inaugurada por Vítor Manuel III o 27 de decembro de 1911.[7][8][9] Na súa sede establecéronse tamén naquel momento o Museo Numismático e a Escola de Arte da Medalla, fundada en 1907 polo propio rei; esta última permanece aínda no mesmo lugar, e nela fórmanse os artistas que logo traballarán na produción de moedas e medallas.[10][11]
Pola súa banda, o Istituto Poligrafico naceu en 1928, e non foi ata 1978 cando, baixo a presidencia de Rosario Lanza, cando a Zecca dello Stato se converteu en parte do Istituto para dar lugar á institución actual: Istituto Poligrafico e Zecca dello Stato.[5][12]
En 1982, a ceca italiana converteuse na primeira casa de moeda do mundo en fabricar moedas bimetálicas, con valor de 500 liras, mediante un procedemento de cuxa patente é posuidora.[13][14]
Ademais das moedas italianas da Eurozona, o IPZS cuña tamén os euros e os céntimos do Vaticano, de San Marino e, desde 2018, tamén os de Eslovenia.[15]
Á parte da cuñaxe de moeda e da producuión de selos postais, o IPZS é o responsable da impresión de publicacións oficiais como a Gazzetta Ufficiale e tamén da elaboración de diversas marcas e selos de carácter oficial.[16]
Ademais, encárgase do deseño de sistemas de seguridade en de loita contra a falsificación.[17] Estes sistemas intégraos nos documentos de identidade nos pasaportes, nos permisos de conducir e nos permisos de residencia que tamén produce.[18] As placas de matrícula para automóbiles, que se elaboran na planta de Foggia, son outros dos seus produtos.[19] Por outra parte, o IPZS ofrece o servizo de administración de sitios web institucionais e de xestión de bases de datos.[20]
A partir de 2001, o Centro Nacional de Análise de Moedas estableceuse nas instalacións do Istituto Poligrafico e Zecca dello Stato, como entidade encargada da análise das moedas falsas que os cidadáns de Italia, San Marino e a Cidade do Vaticano etán obrigados a entregarlle. Este centro forma parte do Grupo Europeo de Expertos en Falsificación da Oficina Europea de Loita contra a Fraude.[21]
As orixes do museo están na adquisición de varias coleccións polo Vaticano a finais do século XVIII, que logo se converteron en gabinete numismático, do que se fixo cargo o Ministerio de Facenda italiano en 1870. En 1911 instalouse no edificio da Ceca Real e posteriormente pasou para a sede do Ministerio de Facenda.[22]
En outubro de 2016 inaugurouse unha nova etapa do Museo da Ceca de Roma (Museo della Zecca di Roma) nas instalacións do Instituto Poligráfico e Ceca do Estado, do que depende, na Via Salaria de Roma.[23]
A colección do museo componse de arredor de 20.000 pezas, entre moedas, medallas, artefactos de cuñaxe e moedelos en cera, tanto italianos como doutros países.[24][25]
![]() |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Istituto Poligrafico e Zecca dello Stato |