Nome orixinal | (pt) Jaime Zuzarte Cortesão |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 29 de abril de 1884 Ançã, Portugal (pt) |
Morte | 14 de agosto de 1960 (76 anos) Lisboa, Portugal |
Educación | Universidade do Porto |
Actividade | |
Ocupación | político, historiador, historian of cartography (en) , médico |
Familia | |
Fillos | Judith Cortesão |
Irmáns | Armando Cortesão |
Parentes | Agostinho da Silva, xenro |
Premios | |
Jaime Zuzarte Cortesão, nado en Ançã, Cantanhede o 29 de abril de 1884 e finado en Lisboa o 14 de agosto de 1960)[1], foi un médico, político, escritor e historiador portugués. Fillo do filólogo António Augusto Cortesão, irmán do historiador Armando Cortesão e pai da ecoloxista Maria Judith Zuzarte Cortesão.
Jaime Cortesão Estudou no Porto, en Coímbra e en Lisboa, licenciándose en Medicina en 1909. Foi profesor no Porto de 1911 a 1915, cando foi elixido deputado por aquela cidade. En plena primeira guerra mundial defendeu a participación do país no conflito, intervindo como voluntario do Corpo Expedicionário Português, no posto de capitán médico, experiencia que relatou nas súas memorias[2][3].
Fundou, con Leonardo Coimbra e outros intelectuais, en 1907 a revista Nova Silva. En 1910, con Teixeira de Pascoaes, colaborou na fundación da revista A Águia e en 1912 iniciou Renascença Portuguesa, que publicaba o boletín A Vida Portuguesa. En 1919 foi nomeado director da Biblioteca Nacional de Portugal. En 1921 abandonou a Renascença Portuguesa e foi un dos fundadores da revista Seara Nova.
Participou nunha tentativa de derrube da ditadura militar portuguesa, presidindo a Junta Revolucionária establecida no Porto. Por ese motivo foi destituído do seu cargo na Biblioteca Nacional de Lisboa en 1927. Exiliouse en Francia, de onde saíu en 1940, cando foi invadida polas forzas da Alemaña nazi no contexto da segunda guerra mundial. Dirixiuse ó Brasil a través de Portugal, onde foi detido por un curto período de tempo[1].
Xa no Brasil, estableceuse no Río de Xaneiro, dedicándose ó ensino universitario. Especializouse na historia dos Descubrimentos portugueses (da que resultou a publicación dunha obra homónima) e na formación territorial do Brasil. En 1952 organizou a Exposição Histórica de São Paulo, para conmemorar o 4.º centenario da fundación da cidade.
Regresou a Portugal e 1957. Tras involucrarse na campaña de Humberto Delgado, foi detido por catro días, xunto con António Sérgio, Vieira de Almeida e Mário de Azevedo Gomes en 1958, ano no que foi elixido de novo presidente da Sociedade Portuguesa de Escritores.