Jan Feliks Cieplak, nado o 17 de agosto de 1857 en Dąbrowa Górnicza (Reino de Polonia) e finado o 17 de febreiro de 1926 en Passaic (Estados Unidos), foi un arcebispo da Igrexa Católica Latina, bispo auxiliar e administrador apostólico de Mahilioŭ, e arcebispo de Vilnius dende 1926 até o seu pasamento.
Jan Feliks Cieplak naceu o 17 de agosto de 1857[1] na cidade de Dąbrowa Górnicza, entón parte da Polonia do Congreso, e foi bautizado na parroquia da Santa Trindade de Będzin.
Cursou os estudos secundarios até 1873 en Kielce, e posteriormente entrou no seminario local, graduándose en 1878. Continuou os seus estudos na Academia Teolóxica Católica de San Petersburgo, onde se graduou en 1882. Na súa estadía en San Petersburgo foi ordenado sacerdote, o 24 de xullo de 1881.[2] Logo de graduarse en Teoloxía, deu clase de Arqueoloxía bíblica, Liturxia e Teoloxía moral na Academia. En 1901 doutorouse en Teoloxía coa tese "De momento, transsubstantiatio quo in Augustissimo Missae Sacrificio peragitur".
O 16 de xullo de 1908 foi nomeado bispo auxiliar de Mahilioŭ e bispo titular de Evaria.[3] Recibiu a consagración episcopal o 20 de decembro do mesmo ano, de mans do arcebispo de Mahilioŭ, Apolinary Wnukowski. No ano 1909 consagrou a igrexa dos católicos polacos de Harbin, adicada a Santo Estanislau.
O 29 de marzo de 1919 foi elevado a arcebispo titular de Achrida. Logo da expulsión do arcebispo Eduard von der Ropp polas autoridades soviéticas, foi nomeado en 1923 administrador apostólico de Mahilioŭ. Foi arrestado e acusado de contrarrevolucionario, e sentenciado a morte, aínda que a sentenza foille conmutada pola presión dos Estados Unidos, da Santa Sé e do Reino Unido.[3]
Foi expulsado da U.R.S.S. en 1924,[3] e foi condecorado coa Orde de Polonia Restituta en 1925.[4] O 14 de decembro de 1925 foi nomeado arcebispo de Vilnius, aínda que finou en Passaic (Estados Unidos) antes de tomar posesión da sé, o 17 de febreiro de 1926. Foi enterrado na catedral de Vilnius.
A súa causa de canonización comezou en Roma o 23 de xuño de 1952, recibindo o título de Servo de Deus.
Dignidades da Igrexa católica | ||
---|---|---|
Predecesor: Johann Zobl |
Bispo titular de Evaria 1908 - 1919 |
Sucesor: Antonio Maria Capettini |
Predecesor: Ángel María Pérez y Cecilia |
Arcebispo titular de Acrida 1919 - 1925 |
Sucesor: Cleto Cassani |
Predecesor: Eduard von der Ropp (arcebispo) |
Administrador apostólico de Mahilioŭ 1923 - 1925 |
Sucesor: Boļeslavs Sloskāns |
Predecesor: Jurgis Matulaitis-Matulevičius |
Arcebispo metropolitano de Vilnius 1925 - 1926 |
Sucesor: Romuald Jałbrzykowski |