Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1622 Dieppe, Francia |
Morte | 1674 (51/52 anos) París, Francia |
Educación | Facultade de Medicina de Montpellier |
Actividade | |
Ocupación | médico, anatomista |
Membro de | |
Descrito pola fonte | Biblioteca dixital BEIC Medvik >>>:Pecquet, Jean, 1622-1674, Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Jean Pecquet, nado en Dieppe o 9 de maio de 1622 e finado en París o 26 de febreiro de 1674[1], foi un médico e científico francés, especializado en anatomía e pioneiro da fisioloxía. Estudou tamén a expansión do aire, interesouse pola visión e escribiu diversos traballos que se anticiparon á moderna psicoloxía.
O seu nome asóciase habitualmente á descrición do conduto torácico e á coñecida como cisterna de Pecquet, reservorio do quilo ou quilocisto[2].
Despois de estudar na súa localidade natal e a continuación en Ruán, Jean Pecquet marchou a París para traballar en 1641. En 1645 matriculouse na facultade de Artes e tomou contacto con diversos intelectuais da época, como Marin Mersenne ou Evangelista Torricelli, de quen continuará os seus experimentos sobre a acústica, a gravidade e o baleiro.
En 1647 comezou as súas primeiras experiencias de disección de animais, ás veces en público, entanto que traballaba como profesor particular. En 1651 publicou o seu traballo máis salientable sobre anatomía e comezou os seus estudos de medicina en París, formación que rematará en Montpellier, localidade á que se traslada en 1652.
En Montpellier fixo as súas descubertas máis significativas sobre a circulación linfática, especialmente as relativas ao receptaculum chyli ou cisterna de Pecquet. Thomas Bartholin atopará no corpo humano o conduto torácico pero non a cisterna, e confirmará as experiencias de Pecquet.[3]
Foi designado membro da Academia de Ciencias en 1666.
Coñécese tamén por ter feito diseccións do ollo e medicións das súas dimensións. En contraste coa Edme Mariotte, el pensaba que era a retina e non a coroide o principal órgano da visión.