Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Jesús Manuel Pérez Mariñas 3 de outubro de 1942 A Coruña, España |
Morte | 10 de maio de 2022 (79 anos) Madrid, España |
Causa da morte | cancro de vexiga |
Actividade | |
Ocupación | xornalista |
Jesús Manuel Pérez Mariñas, coñecido simplemente como Jesús Mariñas, nado na Coruña o 3 de outubro de 1942 e finado en Madrid o 10 de maio de 2022,[1] foi un xornalista galego, que traballou fundamentalmente no eido da prensa do corazón.
De novo quería ser actor, pero a súa profesora do conservatorio animouno a ser xornalista. Comezou a súa carreira en El Ideal Gallego como mozo dos recados.[Cómpre referencia]
En 1959 traballaba coidando ao fillo de Carlos Larrañaga, polo que estivo presente na voda do actor con María Luisa Merlo. Así, con 16 anos, comezou a traballar na crónica de sociedade. Empezou a escribir para revistas como Semana ou Pronto. En 1967 traballou en Barcelona para Tele Expres, cubrindo a viaxe de Richard Nixon coa súa filla.
En 1972 iniciou a súa sección no programa Protagonistas, con Luis del Olmo en Barcelona, Marbella e Madrid. Viviu unha época dourada na radio, colaborando con Luis del Olmo durante 20 anos.
Na década de 1980 comezou a participar na revista Época na sección "La vida es rosa", que mantivo até o 2000. Máis tarde pasou a colaborar de forma estable no programa Tómbola de Canal Nou, con xente como Lydia Lozano. Foi substituído por Karmele Marchante, amiga e compañeira durante anos até que deixaron de falarse por mor das súas continuas pelexas no polémico programa.
Na década de 1990 comezou a colaborar con María Teresa Campos en Pasa la vida de TVE, facendo a súa sección propia e a tertulia do corazón xunto a Mayka Vergara, Rosa Villacastín, Enrique Miguel, Cuca García de Vinuesa, Josemi Rodríguez Sieiro, Carmen Rigalt, Amalia Enrique e Karmele Marchante entre outros.
Entre setembro de 1996 e 2004, Jesús Mariñas seguiu con María Teresa Campos en Telecinco, en Día a día e outros programas da mesma canle. A partir de 2004, Jesús Mariñas traballou con María Teresa Campos en programas como Cada día e Lo que interesa.
A partir de 1998 escribiu no xornal La Razón, e desde 2000 na revista Tiempo.
Colaborou en programas como Tela Marinera, Cafe de Ximo ou en Matí, matí e Amb el cor en la mà, de Canal Nou. Tamén traballou en Antena 3 en En Antena (2006-2007), ¿Dónde estás corazón? (setembro de 2007) A 3 bandas (setembro de 2008) El método por dos, Tal cual lo contamos (outubro de 2008) e desde o verán de 2009 en Vaya par xunto a María Patiño.
O 11 de outubro de 2021 anunciou que padecía cancro de vexiga.[2] Ese mesmo ano publicou Jesús por Mariñas, memorias desde el corazón, un libro no que repasa a súa carreira como cronista social.[3] O 31 de marzo de 2022 ingresou no Hospital Universitario Ramón y Cajal de Madrid, onde faleceu o 10 de maio dese mesmo ano por mor dunhas complicacións derivadas do tratamento oncolóxico que recibía polo cancro de vexiga.[4]