Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | (es) Joaquín Cortizo Rosendo 4 de outubro de 1932 Ribadavia, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 4 de xaneiro de 2018 (85 anos) Las Infantas, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Presidente Real Jaén | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1987 – 1990 | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Datos persoais | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 1,68 m. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1957 - 1968 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Defensa | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Joaquín Cortizo Rosendo, nado en Ribadavia o 4 de outubro de 1932 e finado en Las Infantas (Xaén) o 4 de xaneiro de 2018,[1] foi un futbolista galego que xogaba de defensa, aínda que nos seus inicios xogou algunhas tempadas como dianteiro centro. Tras militar na Cultural Leonesa, no Lugo e no Ourense, xogou dez tempadas na Primeira División, dúas co Celta de Vigo e oito co Zaragoza dos "Cinco Magníficos", co que gañou dúas Copas do Xeneralísimo e unha Copa de Feiras.
Comezou a xogar ao fútbol no campo da feira da súa vila, sendo o seu primeiro equipo o Escudeiros de Esposende.[2] Coñecido nos seus inicios como "Cancas" xogou no Ribadavia FC, do que foi capitán.[2] Posteriormente pasou pola Cultural Leonesa, da Terceira División e en 1954 recalou no Lugo, da mesma categoría.[3] Durante esta eṕoca xogaba de dianteiro centro, pero trala súa fichaxe en 1955 polo Ourense,[4] o adestrador Cuqui Bienzobas atrasou a súa posición ata a defensa.[5] Co equipo ourensán proclamouse campión do seu grupo de Terceira, pero perdeu a promoción de ascenso contra o Sestao.[6]
En 1956 fichou polo Celta de Vigo, adestrado por Scopelli. Con todo, non debutou ata a penúltima xornada da tempada 1956/57, nun partido contra o Valencia no que formou defensa con Quinocho e Villar e no que os celestes aseguraron a permanencia na Primeira División ao gañar 2-1.[7] Apenas dispuxo de minutos tampouco na tempada seguinte, con Pasarín no banco, pechando a súa etapa celtista con só 12 partidos en dous anos.
En xuño de 1958 foi traspasado xunto cos seus compañeiros Mauro e Gausí ao Zaragoza.[8] Alí coincidiu cos tamén ourensáns Rodolfo e Wilson Jones, e durante anos formou na defensa xunto co lucense Severino Reija. Formou parte do equipo coñecido como o Zaragoza dos "Cinco Magníficos", que liderado por Canário, Santos, Marcelino, Villa e Lapetra, conseguiu os primeiros títulos da historia do club.
En 1963 gañou a Copa de Feiras, ao vencer ao Valencia na final do Camp Nou, e disputou no mesmo estadio a súa primeira final da Copa do Xeneralísimo, perdendo contra o FC Barcelona. Repetiu presenza na final da Copa do Xeneralísimo ao ano seguinte, gañando esta vez o título ao derrotar ao Atlético de Madrid por 2-1. O club aragonés chegou á final aínda dúas veces máis nas dúas seguintes tempadas, aínda que Cortizo quedou no banco en ambas finais, das que gañou a de 1966. Disputou un total de 197 partidos oficiais co Zaragoza en oito tempadas, e marcou dous goles, un deles contra o Real Madrid no Santiago Bernabéu e outro contra o Sevilla no Sánchez Pizjuán.
Cortizo ostenta o récord da sanción máis dura recibida no fútbol español, pois foi suspendido durante 24 partidos. O 27 de decembro de 1964, nun encontro do Zaragoza contra o Atlético de Madrid, ao defender un balón, supostamente partiulle a tibia ao dianteiro Enrique Collar.[9] Cortizo negou que lle fixese falta, e o árbitro non apreciou gravidade na entrada e non o expulsou. Mais posteriormente o Comité de Competición aplicoulle a sanción que lle acabaría custando 15 partidos de Liga e 9 de Copa. O Comité de Competición estaba presidido por Ramón María del Arroyo, vicepresidente do Atlético de Madrid.[10]
Finalizou a súa carreira deportiva no Real Jaén, co que conseguiu o ascenso a Segunda División na tempada 1966/67. Nas xornadas finais da seguinte tempada actuou como xogador-adestrador, trala destitución de Manuel Doménech, pero non conseguiu salvar o equipo do descenso de novo a Terceira.
Logo de retirarse continuou vivindo toda a súa vida en Xaén, onde foi secretario técnico e presidente do Jaén entre 1987 e 1990.[11][10]