John Lee nunha litografía de T. H. Maguire de 1849 [1] | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) John Fiott 28 de abril de 1783 |
Morte | 25 de febreiro de 1866 (83 anos) Hartwell, Buckinghamshire Inglaterra. |
1º Presidente da Real Sociedade Numismática | |
1836 – 1839 – Edward Hawkins → | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Británica |
Educación | St John's College, Cambridge. |
Actividade | |
Campo de traballo | Astronomía, numismática, dereito, matemática. |
Ocupación | astrónomo, matemático, anticuario, Barrister, numismático, filántropo |
Membro de | |
Familia | |
Cónxuxe | Cecilia Rutter (1833). Louisa Catherine (1855). |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography |
John Lee (chamado orixinalmente John Fiott), nado o 28 de abril de 1783 e finado en Hartwell, Buckinghamshire, o 25 de febreiro de 1866, foi un filántropo, astrónomo, matemático, numismático, anticuario e avogado inglés, que presidiu varias sociedades científicas do seu país.
John Lee naceu o 28 de abril de 1788, fillo máis vello de Harriet Lee e do comerciante londiniense John Fiott,[2][3] descendente da antiga casa borgoñesa de Fiott de Dijon.[4][5] A súa nai morreu en xuño de 1795, cando John tiña 11 anos.[6]
Cursou estudos superiores de Matemáticas no St. John's College, da Universidade de Cambridge, entre 1802 e 1806. En 1809 acadou o seu mestrado e en 1816 o grao de doutor.[7] Durante esta etapa universitaria, entre 1807 e 1810, viaxou cunha bolsa de estudos por Europa e Oriente, sinaladamente por Grecia, Exipto e Terra Santa,[3] e comezou a confeccionar a súa colección de antigüidades,[2][4][5] entre as que destacan moedas e medallas orientais e moldes de xemas.[6]
Á súa volta a Inglaterra retomou os estudos universitarios e cursou Dereito. O 3 de novembro de 1816 ingresou no Colexio de Avogados, do que posteriormente foi tesoureiro e bibliotecario.[5] Exerceu como membro dos tribunais eclesiásticos ata a súa supresión en 1858 e, á idade de 81 anos, converteuse en xuíz en 1864 e foi nomeado conselleiro da raíña.[2][6]
John Lee interesouse polo mundo científico ao longo de toda a súa vida.[6] Coa axuda do vicealmirante William Henry Smyth construíu en 1830 un observatorio no pórtico sur da súa residencia Hartwell House, aberto á súa utilización polos científicos que o precisasen,[2] e en 1837 James Epps pasou a ser o seu astrónomo asistente permanente. Lee foi membro da Royal Astronomical Society desde 1824, o seu tesoureiro entre 1831 e 1840, e o seu presidente entre 1861 e 1862.[2] En 1836 e en 1844 doou á sociedade varias propiedade familiares co fin de promover a astronomía en relación coa teoloxía.[4][8]
O 24 de febreiro de 1831 foi elixido membro da Royal Society.[2] Tamén foi membro da Geological Society, e froito dos faladoiros mantidos cos seus amigos, eruditos en diversas áreas do saber, creáronse as sociedades Meteorolóxica, Siroexipcia e Anglobíblica,[8] ás que pertenceu o resto da súa vida.[2][5]
O cráter lunar Lee leva ese nome na honra de John Lee.[9]
Lee foi admitido en 1828 como membro da Sociedade de Anticuarios de Londres. Tamén foi un dos fundadores da Real Sociedade Numismática, igualmente de Londres, da que foi o seu primeiro presidente entre 1836 e 1839.[6][10] A reunión inaugural desta Sociedade tivo lugar o 27 de xuño de 1836 na propia residencia de Lee.[3]
En 1849 publicou na revista Archæologia, da Sociedade de Anticuarios de Londres, un artigo sobre as investigacións que realizara nas Illas Xónicas na súa viaxe de estudos de 1812,[11] e tamén presentou nesa Sociedade unha descrición manuscrita dos obxectos arqueolóxicos que incorporara á súa colección durante aquela viaxe.[5][6]
En 1862 foi presidente do congreso da Asociación Arqueolóxica Británica, que tivo lugar en Leicester.[5][8]
Ideoloxicamente era un liberal avanzado e intentou, sen éxito, representar a Aylesbury na Cámara dos Comúns en 1835, 1841, 1862 e 1863. Era partidario da unión da Igrexa de Inglaterra cos disidentes e opúñase firmemente ao romanismo.[8] En 1863 as súas opinións favorables ao dereito das mulleres a votar os membros do Parlamento foron motivo de controversia.[5][12]
Como filántropo, fixo da súa residencia un museo das súas coleccións e, entre outras accións doou mil guineas para a creación da enfermaría do condado de Buckinghamshire,[5] fundou o Fondo Lee da Real Sociedade Astronómica para axudar as viúvas e os fillos dos seus membros falecidos,[4] e regalou a esta Sociedade o Lee Circle, un valioso instrumento astronómico.[2]
Agás uns poucos artigos impresos na revista Archaeologia e noutras publicacións científicas, Lee non se distinguiu como autor, pero unha mostra máis da súa filantropía foi o patrocinio económico das obras de W. H. Smyth, acerca das coleccións familiares de Lee ou como resultado das experimentacións no seu observatorio:[3][4][8]
O 4 de outubro de 1815, John abandonou o seu apelido paterno natal (Fiott) e asumiu o materno (Lee) por mor dunha licenza real, en virtude do testamento do seu tío materno, William Lee Antonie,[3][4] de Bedfordshire, polo que ao mesmo tempo asumía as propiedades familiares de Colworth House en Bedfordshire, Totteridge Park e outras terras, e en 1827 herdou ademais do reverendo George Lee a propiedade de Hartwell House, en Buckinghamshire.[6]
John Lee casou en 1833 con Cecilia Rutter, quen faleceu o 1 de abril de 1854. En segundas nupcias, casou con Louisa Catherine o 29 de novembro de 1855. Ao non ter descendencia con ningunha das súas dúas esposas,[3][5] os seus bens pasaron ao seu irmán, o reverendo Nicholas Fiott, quen asumiu tamén o apelido Lee.[8]
John Lee finou na súa residencia de Hartwell House, preto de Aylesbury, o 25 de febreiro de 1866, aos 83 anos.[5][8]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: John Lee |
Predecesor: Inexistente. |
Presidente da Royal Numismatic Society 1836-1839 |
Sucesor: Edward Hawkins |