Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2017.) |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 5 de febreiro de 1899 Bilbao, España |
Morte | 9 de novembro de 1940 (41 anos) Madrid, España |
Causa da morte | pena de morte, ferida por arma de fogo |
Lugar de sepultura | Cemiterio de La Almudena |
Ministro de Gobernación | |
17 de maio de 1937 – 8 de abril de 1938 ← Ángel Galarza (en) – Paulino Gómez Sáiz → | |
Deputado nas Cortes republicanas | |
Representa: Partido Socialista Obrero Español 24 de febreiro de 1936 – 2 de febreiro de 1939 Lexislatura: III lexislatura da Segunda República Española Circunscrición electoral: Vizcaya (capital) (en) | |
Deputado nas Cortes republicanas | |
Representa: Partido Socialista Obrero Español 18 de xullo de 1931 – 9 de outubro de 1933 Lexislatura: I lexislatura da Segunda República Española Circunscrición electoral: Badajoz (en) | |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid |
Ocupación | político, xornalista, escritor |
Partido político | Partido Socialista Obrero Español |
Membro de | |
Interesado en | Movemento obreiro en España |
Julián Zugazagoitia Mendieta, nado en Bilbao o 5 de febreiro de 1899, e finado en Madrid o 9 de novembro de 1940, foi un político, xornalista e escritor socialista español. Coñecido como Zuga nos ambientes políticos, tamén empregou os pseudónimos de Fermín e Julián Mendieta. Desempeñou a Secretaría Xeral de Defensa Nacional ó finalizar a guerra civil española. Tras exiliarse en Francia, foi capturado pola policía secreta alemá e entregado ás autoridades españolas. Morreu fusilado polo goberno franquista.
Fillo dun obreiro metalúrxico, Fermín Zugazagoitia (en varios dos seus artigos usou como pseudónimo Fermín Mendieta), afiliouse ás Xuventudes Socialistas da agrupación bilbaína ó pouco de crearse, e da que foi presidente en 1920. Dende este posto, enfrontouse e opúxose ó proceso de escisión que daría lugar á creación do Partido Comunista de España. Estivo moi influído por Tomás Meabe, o propio Pablo Iglesias e Indalecio Prieto. Militante do Partido Socialista Obrero Español, o seu achegamento ás posicións máis moderadas dentro das organizacións socialistas debíase a que, máis que unha formación doutrinal, a súa elección estivo moi marcada polo humanismo. Durante a ditadura de Primo de Rivera foi condenado a desterro en Santoña, onde iniciou a súa carreira literaria.
Emulou ó seu pai e foi elixido concelleiro en Bilbao nas eleccións municipais de España de 1931 que propiciaron a fin da monarquía de Afonso XIII. Despois, obtivo a acta de deputado ó Congreso nas Eleccións Xerais de 1931 en España pola provincia de Badaxoz. Pertencía á póla centrista, "prietista" do PSOE.
Cofundador o 11 de febreiro de 1933 da Asociación de Amigos da Unión Soviética, creada nuns tempos nos que a dereita sostiña un ton condenatorio en relación ós relatos sobre as conquistas e os problemas do socialismo na URSS.
Durante a guerra civil foi un dos escasos dirixentes socialistas que ficou en Madrid ó producirse o asalto franquista en novembro de 1936. Ó caer o goberno de Largo Caballero, tralos sucesos de maio, foi nomeado Ministro da Gobernación con Juan Negrín con quen compartía a idea de que non se debía render o goberno lexítimo da república a os sublevados, aínda que foi contrario á participación do Partido Comunista no goberno e, nese senso, próximo ás teses de Indalecio Prieto. Ocupou o posto até abril de 1938. Dende esa data até a fin da guerra, desempeñou a Secretaría Xeral de Defensa Nacional.
Saíu ó final da guerra dende Cataluña até Francia e fixou a súa residencia en París, onde tras ser delatado foi detido o 27 de xullo de 1940 pola Gestapo (durante a ocupación nazi de Francia) e entregado ás autoridades franquistas xunto ó tamén xornalista socialista Francisco Cruz Salido, Teodomiro Menéndez, socialista asturiano, o director de escena Cipriano Rivas Cherif, cuñado de Manuel Azaña, e dous íntimos amigos deste: Carlos Montilla e Miguel Salvador Carreras. O autor da súa detención e posterior entrega en España foi o policía Pedro Urraca Rendueles.[1] Nun xuízo sumarísimo e despois de tomar declaración a todos os procesados, o xeneral Arroyo deu por rematada a instrución da causa o 16 de outubro, calificando os feitos relatados como constitutivos de delito de rebelión, previsto no artigo 237 e seguintes do Código de Xustiza Militar.[2] En aplicación de devandito código, os seis procesados, agás Teodomiro Menéndez, foron condenados a morte, aínda que posteriormente Rivas Cherif, Montilla e Salvador foron indultados. O 9 de novembro, xunto con Francisco Cruz Salido e outros catorce presos, foi fusilado en Madrid nas tapias do cemiterio da Almudena.[3][4]