Kawasaki Ki-48

Kawasaki Ki-48
Tres Ki-48 en formación
Tipobombardeiro lixeiro
FabricanteKawasaki
Deseñado porTakeo Doi
Primeiro vooxullo de 1939
Introducido1940
Retirado1945
Principais usuariosServizo Aéreo do Exército Imperial Xaponés
Unidades construídas1 997

O Kawasaki Ki-48 foi un bombardeiro lixeiro xaponés da segunda guerra mundial. Deseñouse en 1938 e voou por primeira vez en xullo de 1939. Foi usado polo Exército Imperial do Xapón entre 1940 e 1944. Non tivo moito éxito e deixouse de fabricar en outubro de 1944. O alcume que lle puxeron os aliados foi "Lily".

O seu desenvolvemento comezou a finais 1937 cun requirimento do exército xaponés que pedía un bombardeiro de gran velocidade, capaz de acadar os 480 km/h aos 3.000 metros, e que puidese subir ata os 5.000 metros en 10 minutos. Kawasaki inspirouse no Tupolev SB soviético.

Kawasaki tiña a experiencia do desenvolvemento do bombardeiro pesado de dous motores Ki-45, polo que se resolveron moitos dos problemas técnicos. Porén, o avión tivo gran cantidade de defectos. Podía levar só unha carga de 800 kg de bombas e só foi equipado con tres metralladoras, o que o facía moi vulnerable aos cazas inimigos. As súas características de voo tamén deixaron moito que desexar. Os cazas aliados superábano en velocidade, e en mans de pilotos inexpertos era doado que estes perdesen o seu control. A pesar de todos os seus problemas non foi considerado un fracaso e tratouse dun bombardeiro lixeiro aceptable durante os primeiros anos de guerra para moitos historiadores.