L'homme armé ("O home armado") é unha antiga canción francesa do Renacemento, orixinaria dos círculos musicais da corte borgoñoa. Trátase do ton máis popular utilizado como cantus firmus para o ordinario da misa: dos séculos XV e XVI sobreviven arredor de 40 composicións de diferentes compositores tituladas Missa L'homme armé.[1]
Francés orixinal[2] | Galego |
---|---|
L'homme, l'homme, l'homme armé,
L'homme armé |
O home, o home, o home armado,
O home armado |
A orixe da popularidade da canción e a importancia do "home armado" son obxecto de debate. Unhas teorías suxiren que representa a San Miguel Arcanxo.[3] O compositor Johannes Regis (1425-1496) utiliza precisamente esa alusión na súa Dum Sacrum Mysterium / Missa L'homme Armé, baseada nesta melodía, incorporando varios textos adicionais na honra de San Miguel Arcanxo. Outros, porén, consideran que este nome representa só o nome dunha popular taberna (Maison L'Homme Armé) preto da casa de Guillaume Dufay, en Cambrai.[4] Tamén pode representar o cabaleiro da nova cruzada contra os turcos. Hai unha ampla evidencia que indica que posuía unha importancia especial para a Orde do Vélaro de Ouro. É significativo que a primeira aparición da canción fose contemporánea á Caída de Constantinopla tomada polo Imperio turco en 1453, un acontecemento que tivo un efecto psicolóxico devastador en Europa; compositores como Guillaume Dufay crearon obras que lamentaban este acontecemento. Mesmo é posible que as tres teorías sexan certas, debido ao sentimento de inquedanza ante a necesidade de organización da defensa militar fronte aos otománs que ameazaban tamén o centro e o norte de Europa naquel momento, e a necesidade de reconquistar Constantinopla.
Unha proposta recente afirma que a orixe do tema musical é unha combinación idealizada a partir de berros na rúa e a chamada de trompeta ás armas, que puido orixinarse a finais do século XIV ou a principios do XV, debido ao maior uso da prolación, que era a medida musical máis común naquel tempo.[5]
L'homme armé é especialmente salientable porque foi moi usado como cantus firmus polos compositores do Renacemento para a misa latina. É probable que fose máis utilizado para este propósito que calquera outra canción profana: coñécense arredor de 40 composicións. Moitos compositores do Renacemento crearon polo menos unha misa con esta melodía; as dúas obras de Josquin des Prés, a Missa L'homme armé super voces musicales, e a Missa L'homme armé sexti toni están entre as máis coñecidas. Outros compositores que escribiron máis dunha obra inspirada nesta melodía son Pierre de la Rue, Cristóbal de Morales e Giovanni Pierluigi da Palestrina. Un ciclo de seis composicións, todas anónimas aínda que probablemente do mesmo compositor, consérvase no Manuscrito Napolitano, que foi, supostamente, un agasallo a Beatriz de Aragón por parte dalgún dos músicos favoritos de Carlos o Temerario.[6]
A maioría das composicións de L'homme armé, unhas 30, proveñen do período de 1450 a 1510.
Un dos primeiros usos desta melodía foi a canción Il sera pour vous conbatu / L'homme armé, atribuída a Robert Morton, que se cre escrita probablemente en 1463, por algunhas das referencias do texto. Tamén é posible que a primeira obra composta sobre esta melodía fose unha ópera anónima para tres voces. En 1523, Pietro Aron, na súa obra teatral Thiscanello, suxire que o creador da melodía foi Antoine Busnois. Malia ser verosímil esta opción, xa que o ton é estilisticamente consistente a partir de Busnois, non hai outra fonte que poida corroborar a afirmación de Aron, dándose ademais a circunstancia de que Aron fixo esta afirmación 70 anos despois da primeira aparición da melodía. Richard Taruskin propuxo que Busnois escribiu a misa máis antiga coñecida con esta melodía, pero esta afirmación é posta en dúbida por moitos eruditos, que prefiren como candidato a Guillaume Dufay como o creador da primeira misa co tema de L'homme armé.[7] Outros compositores cuxas versións do tema musical poden datarse desde 1450 son Gillaume Faugues, Johannes Regis e Johannes Ockeghem.
A melodía é especialmente apta para o tratamento contrapuntístico. As frases están claramente delineadas e proporciona moitas posibilidades para a construción de canons. É tamén doada de recoñecer dentro dunha estrutura contrapuntística.
Hai compositores que volven a esta melodía para procurar inspiración temática ou espiritual. En 1968, o compositor Peter Maxwell Davies escribiu a súa Missa super l'homme armé. O compositor estadounidense Mark Alburger inclúe variacións sobre o tema no seu Deploratio Passacaglias (1992) no primeiro movemento (Ockeghem) e no décimo (Bach). O compositor galés Karl Jenkins continuou tamén a tradición con The Armed Man: A Mass for Peace, escrita en 1999 por encarga da Royal Armouries para celebrar a entrada do novo milenio. Christopher Marshall escribiu en 2003 L’homme armé (variacións para conxunto de vento).