Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1961 (63/64 anos) |
Educación | Coláiste an Spioraid Naoimh (en) |
Actividade | |
Ocupación | poeta |
Louis de Paor, nado en Cork en 1961, é un coñecido poeta en lingua gaélica irlandesa.
Formado en Coláiste an Spioraid Naoimh, de Paor editou a revista irlandesa Innti, fundada en 1970 por Michael Davitt, Nuala Ní Dhomhnaill, Liam Ó Muirthile e Gabriel Rosenstock. Doutorouse en 'Irlandés Moderno' pola Universidade Nacional de Irlanda en 1986 coa súa tese sobre Máirtín Ó Cadhain.
El e a súa familia emigraron a Australia en 1987 e viviron en Melbourne, onde escribiu, deu lecturas de poesía e fixo emisións en irlandés no Special Broadcasting Service (unha rede creada para falantes de linguas étnicas). Recibiu bolsas do Consello de Australia en 1990, 1991 e 1995.
Regresou a Irlanda en 1996, converténdose no director do Centro de Estudos Irlandeses da NUI Galway.
De Paor traballou xunto a outros escritores irlandeses, como Seán Ó Tuama, con quen editou unha antoloxía de poesía en irlandés do século XX. Tamén publicou traballos académicos.
De Paor tivo un grande éxito nos certames literarios de Oireachtas; a súa primeira colección, Próca solais is luatha (BÁC: Coiscéim, 1988), gañou Duais an Ríordánaigh, premio que obtivo varias veces desde entón. Entre as súas outras coleccións destacan 30 dán (BÁC: Coiscéim, 1992), Corcach agus dánta eile (BÁC: Coiscéim, 1999) e Agus rud eile de (BÁC: Coiscéim, 2002).
Da súa estadía en Australia xurdiron dúas coleccións: Aimsir bhreicneach / Freckled weather (Camberra: Leros Press, 1993) e Ríleanna báistí (Indreabhán: Cló Iar-Chonnachta, 1992). Agus Rud Eile De/ And Another Thing, é unha colección publicada por Cló Iar-Chonnachta en 2010.
O seu estilo, caracterizado orixinalmente pola lixeireza, a claridade e a franqueza, tornouse máis escuro e complexo, aínda que segue a ser até certo punto un poeta "público". Gran parte da súa obra foi publicada en edición bilingüe.
De Paor colaborou con músicos tan tradicionais como o gaiteiro Ronan Browne e a cantante irlandesa-exipcia de sean-nós Naisrín Elsafty.[1][2]
A Galipedia ten un portal sobre: Irlanda |