Biografía | |
---|---|
Nacemento | 4 de xaneiro de 1853 Mallecina, España (en) |
Morte | 24 de maio de 1937 (84 anos) |
Causa da morte | pneumonía |
Educación | Universidade Stanford |
Actividade | |
Ocupación | médico, inventor |
Familia | |
Fillos | Walter C. Alvarez |
Luis Fernández Álvarez, máis coñecido como Luis Álvarez, ás veces escrito Luís, nado en Salas o 1 de abril de 1853 e finado en Hawai (EUA) o 24 de maio de 1937, foi un médico de orixe asturiana que desenvolveu o seu propio tratamento contra a lepra e o aplicou en varias colonias de leprosos de California e Hawai.[1]
Álvarez emigrou á Habana e máis tarde aos Estados Unidos. En 1887 graduouse en Medicina na Universidade Stanford e, tras un período en California, trasladouse a Hawái para traballar en leproserías. En 1895 costeouse un curso de bacterioloxía na Universidade Johns Hopkins e desenvolveu un método de diagnóstico da lepra que se converteu no estándar. Tamén creou un soro efectivo para o tratamento da enfermidade. Aceptou a invitación do goberno hawaiano para traballar nas colonias de leprosos fundadas polo pai Damien de Veuster, aprendeu hawaiano e integrouse na cultura local.
Foi nomeado Cónsul Honorario de España en Hawái por Afonso XIII. cargo que mantivo cando se trasladou aos Ánxeles, California, en 1903.[2]
Morreu en 1937 aos 84 anos, despois de dedicar a súa vida á investigación médica e tamén a varios negocios tabaqueiros, inmobiliarios e mineiros.
Foi o terceiro fillo de Eugenio Fernández, viticultor do infante Francisco de Paula, o que lle permitiu acceder a unha educación privilexiada. A súa nai morreu cando el tiña só tres anos, e perdeu ao seu pai aos sete anos despois dun accidente. Con trece anos, emigrou á Habana co seu irmán Celestino.
En 1878, mentres vivía en Minnesota, casou con Clementina Schutze, filla dun mariñeiro prusiano de familia de artistas, e establéronse en California.
Os descendentes de Luis F. Álvarez tomaron o seu segundo apelido.
A súa filla Mabel Álvarez foi unha coñecida pintora impresionista[2] e o seu fillo Walter C. Álvarez foi médico nos EUA.
Un dos seus netos, Luis Walter Álvarez, foi un dos científicos encargados do Proxecto Manhattan, Premio Nobel de Física en 1968 e impulsor, xunto co seu fillo Walter Alvarez, da teoría do meteorito como causante da extinción dos dinosauros.