O título de Mestre Internacional (MI) outórgaselles aos xogadores de xadrez fortes que están por baixo do nivel de gran mestre, mais superiores ao nivel de Mestre FIDE. Instituído xunto co título de Gran Mestre (GM) en 1950, é un título vitalicio, xeralmente abreviado como MI no ámbito do xadrez.
A FIDE definiu os seguintes criterios de clasificación. Débese alcanzar unha puntuación mínima (a denominada norma de MI) en polo menos dous torneos internacionais, dependendo do nivel de habilidade (a categoría) do torneo. Este estándar de MI corresponde a unha clasificación de polo menos 2450. As normas deben comprender un total de polo menos 27 partidas. Outro requisito é ter un mínimo de 2400 puntos na clasificación Elo.
A FIDE tamén outorga un título de Mestra Internacional Feminina, cun requisito de 200 puntos Elo menos.[1]
Independentemente destes criterios, a FIDE outorga de maneira automática o título de Mestre Internacional aos xogadores que obteñen un dos seguintes logros:
Tras convertérense en MI, os máis dos xogadores profesionais buscan obteren o título de GM. Tamén é posíbel converterse en GM de maneira directa. Larry Christiansen[3] dos Estados Unidos (1977), Wang Hao[4] da China (2005), Anish Giri[5] dos Países Baixos (2009) e os ex campións mundiais Mihails Tāls[6] (1957) de Letonia e Vladimir Kramnik[7] (1992) de Rusia convertéronse en GM sen seren MI. O estadounidense Bobby Fischer logrou ambos títulos unicamente en virtude da clasificación para o Interzonal de 1958 (título do MI) e o Torneo de Candidatos de 1959 (título de GM).[8] Así, converteuse de maneira incidental en MI antes que en GM.
Con 10 anos, 9 meses e 20 días, Abhimanyu Mishra converteuse na persoa máis nova en obter o título de Mestre Internacional en 2019.[9]
Segundo datos de novembro de 2022, actualmente hai 4.013 MI nas 184 federacións con xogadores activos no escalafón da FIDE.[10] Os países con máis MI no mundo son:
Mundo | |||||
---|---|---|---|---|---|
Lugar | País | N° | Lugar | País | N° |
1° | Rusia | 549 | 11° | Países Baixos | 104 |
2° | Alemaña | 273 | 12° | Romanía | 84 |
3° | Ucraína | 209 | 13° | República Checa | 83 |
4° | Estados Unidos | 166 | 14° | Arxentina | 78 |
5° | España | 137 | 15° | Inglaterra | 68 |
6° | Serbia | 126 | 16° | Croacia | 65 |
7° | Hungría | 120 | 17° | Israel | 64 |
8° | Francia | 118 | 18° | Austria | 58 |
9° | India | 114 | 19° | Bulgaria | 57 |
10° | Polonia | 109 | 20° | Cuba | 56 |
No Congreso da FIDE en Praga en 1931, Dawid Przepiórka suxeriu introducir o título de Mestre Internacional e estabelecer regras sobre como obtelo. No Congreso de 1935 en Varsovia, a FIDE propuxo que todos os xogadores deberían recibir o título de MI ao terminaren primeiros ou segundos nun torneo de 14 participantes como mínimo no que polo menos o 70% fosen Mestres Internacionais. Tamén poden clasificarse se gañaren polo menos catro partidas contra un MI nunha competición oficial.
No Congreso da FIDE en París en 1949 acordouse un sistema modificado para os títulos de MI e GM. Ao mesmo tempo, 27 xogadores foron nomeados Grandes Mestres Internacionais; 94 xogadores (incluída unha muller), Mestres Internacionais e 17 xogadoras, Mestras Internacionais Femininas.[11]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mestres internacionais de xadrez |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mestras internacionais de xadrez |