Moeda de prata de 3 centavos de dólar estadounidense

3 centavos de dólar de prata

Tipo 1 (1851-1853) [1]

A/: Escudo nunha estrela de seis puntas. Data.

Lenda: UNITED STATES OF AMERICA

R/: Valor facial en números romanos dentro dun C estilizado. Arredor, 13 estrelas.

Lenda: III C

A moeda de 3 centavos de dólar de prata, foi unha moeda emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada en prata nas cecas de Filadelfia e de Nova Orleáns entre 1851 e 1873, co valor facial de 3 centavos.

O autor do seu deseño foi o gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU, James B. Longacre.

Como consecuencia da masiva produción de ouro durante a febre do ouro de California, a prata podía cambiarse por cantidades cada vez maiores de ouro, polo que as moedas de prata abandonaron a circulación e acabaron acaparadas pola poboación, enviadas ao exterior ou fundidas. Deste xeito, a actividade do comercio cotián dificultábase, ao non disporse de moeda miúda para as voltas. Neste contexto, o Congreso autorizou a creación dunha nova moeda de prata de 3 centavos cuñada en prata de 750 milésimas, no canto da habitual de 900 milésimas, para causar na poboación a idea de que se trataba dunha boa moeda e, ao mesmo tempo, desalentar o seu acaparamento. Para escoller o valor de 3 centavos contribuíu a baixa das tarifas postais, de 5 centavos a 3 centavos, o que faría máis útil a nova moeda.

Os 3 centavos de prata tiveron un bo acollemento e un uso xeneralizado nos primeiros anos, mais a volta á circulación doutros valores pequenos fixo que se fose utilizando menos, e o caos económico ocasionado pola guerra civil estadounidense, que provocou un novo acaparamento da moeda de prata, fixo que perdese o seu papel no comercio. A partir de 1865 conviviu con outra moeda do mesmo valor, aínda que cuñada en cuproníquel e, mentres que esta última tiña unha produción anual abundante, as tiraxes dos 3 centavos de prata foron decrecendo progresivamente ata que foi cancelada pola Lei da Moeda de 1873.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Aínda que a Casa da Moeda dos Estados Unidos cuñaba moedas de prata desde 1790, estas non sempre se mantiñan en circulación, por mor das flutuacións do prezo do metal. En 1834, por exemplo, as moedas de medio dólar vendíanse no mercado cunha prima do un por cento. O país estaba naquela época un padrón bimetálico e, aínda que o Congreso sobrevalorara lixeiramente a prata con respecto ao ouro, entraba unha cantidade suficiente de prata procedente de México como para producir un equilibrio aproximado.[2]

A principios de 1849, a maioría das moedas de prata en circulación nos Estados Unidos eran pequenas moedas do sistema do real español, que recibían as denominacións coloquiais de levy —a moeda dun real— e fip —a de medio real—.[3][4] Estas moedas utilizábanse no Leste do país cunha equivalencia, respectivamente, de 12 e de 6 centavos de dólar. A Casa da Moeda dos Estados Unidos aceptábaas a cambio dunha cantidade lixeiramente inferior e, mesmo así, perdía diñeiro debido a que moitas destas moedas presentaban tanto desgaste que o seu peso se alixeiraba. Os valores pouco comúns destas moedas españolas resultaban moi cómodos para o seu uso, xa que permitían o pagamento e o cambio sen necesidade de utilizar as moedas dun centavo de dólar, que daquela eran de cobre e incómodas polo seu gran tamaño e peso, e ademais non eran aceptadas polo Goberno pola súa carencia de metal precioso.[2] No Vello Oeste, o levy e o flip eran aceptados como equivalentes das moedas de 10 centavos (dime) e de cinco centavos (half dime) de prata, aínda que as moedas españolas contiñan máis prata ca esas.[5]

Os achados da febre do ouro de California e doutros lugares chegaron ao Leste dos Estados Unidos en grandes cantidades a partir de 1848. O ano seguinte, o prezo do ouro en relación á prata baixou, o que facía rendible exportar as moedas de prata en circulación ou vendelas ao peso e utilizar o pagamento en ouro para comprar novas moedas. En consecuencia, as moedas de prata desapareceron da circulación, polo que a moeda de maior que se mantiña en uso, por debaixo da de 2½ dólares de ouro, era o incómodo centavo de bronce. A principios de 1849, o Congreso autorizou a creación do dólar e ouro para reducir esta fenda. As moedas españolas de prata constituían o groso do que o pequeno comercio dispuña para os seus pagamentos e as súas voltas, aínda que o seu xeneralizado desgaste provocaba que, en ocasións, non se chagase a un acordo sobre o valor que se lles debía asignar, pola súa perda de valor intrínseco.[5]

O senador Daniel Dickinson promotor da creación da moeda de prata de 3 centavos.

En 1850, o senador por Nova York Daniel S. Dickinson presentou un proxecto de lei para a creación dunha moeda de prata de 3 centavos cunha pureza de 750 milésimas, é cicir tres partes de prata por unha de cobre —as moedas de prata estadounidenses da época eran de 900 milésimas—. Dickinson propuña ofrecela a cambio da moeda de prata española, que se valoraría en oito reais por cada dólar, un cambio lixeiramente superior ao vixente no momento. A nova moeda pesaría tres décimas partes da moeda de 10 centavos, mais a degradación da prata compensaría ao Goberno polas perdas que sufriría ao trocar moedas españolas gastadas e de peso minguado. O valor facial de 3 centavos elixiuse, entre outros factores, porque coordinaba ben cos valores de 6 e de 12 centavos que se lles asignaban adoito ao fip e ao levy.[6]

En cambio, a Cámara de Representantes valorou a posibilidade de lexislar para reducir a valoración das moedas españolas a dez centavos por real e, en consecuencia, cuñar unha moeda de 20 centavos de dólar, de 900 milésimas de prata, para facilitar as voltas. O investigador Neil Carothers, no seu libro sobre a historia da moeda miúda dos Estados Unidos, postula que se o plan da Cámara de Representantes saíse adiante, tería ocasionado que as moedas españolas seguisen en circulación e a que as moedas de 20 centavos fosen acaparadas ou fundidas. Finalmente, en 1850 non se aprobou lexislación de ningún tipo sobre este asunto, o que supuxo que a exportación da moeda de prata continuase.[6]

O pulo para a aprobación dunha moeda de prata de 3 centavos produciuse cando o Congreso, en xaneiro de 1851, iniciou os estudos para unha redución das taxas de franqueo de 5 a 3 centavos. En 1849, o presidente da Comisión de Medios e Arbitrios da Cámara de Representantes, Samuel Vinton, escribiulle ao director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Robert M. Patterson, para o informar de que a súa comisión estaba a considerar a redución da taxa de franqueo a 3 centavos e a conseguinte creación dunha moeda de prata por ese valor. Malia non adoptarse ningunha medida lexislativa, Patterson encargoulle aos funcionarios da Ceca de Filadelfia que fosen preparando probas experimentais.[7] A comisión da Cámara de Representantes que propuxo o proxecto de lei incluíu a moeda de 3 centavos concibida por Dickinson e dispuxo que tivese curso legal ata a cantidade de 30 centavos. Cando este proxecto de lei se debateu na cámara o 13 de xaneiro de 1851, o congresista por Nova York William Duer indicou que, na súa opinión tanto a moeda como o selo de correos deberían ter un valor facial de 21⁄2 centavos, e o seu colega Orsamus Matteson, tamén de Nova York, propuxo unha emenda nese sentido. A emenda fracasou, do mesmo xeito que outros intentos de modificar o proxecto de lei, que finalmente foi aprobado por ambas as Cámaras e converteuse en lei o 3 de marzo de 1851, coa sinatura do presidente Millard Fillmore.[8][9][10]

Carothers salientou o procedente desta norma, a primeira nos Estados Unidos en autorizar unha moeda de prata que contiña unha cantidade de metal cuxo valor era sensiblemente inferior ao seu valor nominal:[11]

Este estatuto case esquecido é unha das medidas máis significativas na historia da moeda estadounidense. Logo de resistirse durante sesenta anos a todos os intentos de introducir calquera forma de moeda de prata fiduciaria, o Congreso adoptou unha moeda de prata subsidiaria como complemento do Servizo Postal, sen se decatar de que dera o primeiro paso na relegación da prata á condición de metal monetario subordinado. A nova peza foi a primeira moeda de prata na historia dos Estados Unidos que nin tiña curso legal ata unha cantidade limitada. Establecérase unha moeda subsidiaria, pero de xeito trivial, mediante unha lei inviable e no momento en que toda a moeda de prata estaba a saír do país.

Preparación

[editar | editar a fonte]
Proba non adoptada dos 3 centavos de prata (1850), deseñada por Franklin Peale.

Os traballadores da Casa da Moeda dos Estados Unidos non só prepararon probas para a nova moeda en 1849, senón que seguiron facéndoo o ano seguinte, antes da aprobación da lei que a aprobaba. A cuestión derivou nun conflito constante entre o cuñador xefe da ceca, Franklin Peale, e o gravador xefe, James B. Longacre, que prepararon senllos cuños. Peale elaborou unha proposta co barrete frixio ou gorra da liberdade no anverso, baseada nun deseño de 1836 do predecesor de Longacre no cargo, Christian Gobrecht. Pola súa banda, Longacre presentou un deseño moi similar ao que finalmente prosperou.[7]

O 2 de marzo de 1851, un día antes de que se aprobase a lei, Longacre, co reticente consentimento do director Patterson —partidario de Peale— envioulle ao secretario do Tesouro, Thomas Corwin, probas cuñadas da súa proposta de moeda de 3 centavos, xunto cun escrito no que se explicaba a súa simboloxía. Patterson prefería o deseño de Peale, aínda que recomendou a proposta de Longacre porque, ao ter menos relevo, sería menos problemática para a cuñaxe.[12] Nunha carta a Corwin do 7 de marzo, Patterson indicaba que se a moeda de 3 centavos se cuñase en prata de 900 milésimas acabaría sendo acaparada, pero como a prata das pezas de 750 milésimas só valía 2,5 centavos, a Casa da Moeda sairía beneficiada mediante a señoriaxe —a diferenza entre o valor nominal das moedas e o custo da súa produción—. Patterson tamén suxeriu que a Ceca de Nova Orleáns podería utilizarse para a cuñaxe da nova moeda, ademais da Ceca de Filadelfia, que era a principal.[7]

Malia a disposición da Lei da Moeda de 1837 que lle encomendaba a Longacre, en virtude do cargo que ocupaba, a responsabilidade da preparación dos cuños, Peale preparou os seus propios e cuñou algúns exemplares de mostra. O director Patterson envioulle ao secretario Corwin tanto as probas de Peale como as de Longacre o día 25 de marzo de 1851, coa recomendación de que seleccionase a do gravador xefe. Ao día seguinte, o secretario do Tesouro en funcións, William L. Hodge, aprobou finalmente o deseño de Longacre.[13] Coñecedor de que existía unha gran demanda da nova moeda, Patterson pensou que sería mellor acumular unhas existencias de medio millón de exemplares antes de comezar a súa distribución.[14]

O historiador da arte Cornelius Vermeule, no seu libro sobre as moedas e as medallas estadounidenses, considera que a moeda de prata de 3 centavos era unha das moedas máis feas do país, aínda tendo "o trazo redentor da súa delicada factura".[15] Pola súa banda, Dennis Tucker, director da editorial Whitman, describiu en 2016 esta moeda como "algo así como unha 'Sarah plana e pequena'".[16] O Congreso esixira, na lei que autorizaba a moeda, que esta amosase un deseño diferente tanto do dólar de ouro como do resto de moedas de prata.[17] Como escribiu Longacre na súa carta ao secretario Corwin o 2 de marzo de 1851:[18]

Nunha moeda tan pequena, é imposible que o deseño sexa a un tempo visible e rechamante, a non ser que sexa simple, xa que a complexidade non permitiría acadar o obxectivo. Xa que logo, para o anverso elixín unha estrela — un dos elementos heráldicos do escudo nacional— que leva no seu centro o escudo da unión, rodeado pola inscrición legal e a data. Para o reverso ideei unha letra C ornamental, que abrangue no seu centro o número romano III, todo isto rodeado polas trece estrelas.

O deseño orixinal de Longacre para o reverso ("tipo 1")[1] modificouse cando se aumentou a pureza das moedas en 1854, para axudar o público a distinguilas. Para o "tipo 2"[19] e para o "tipo 3",[20] cuxos reversos son idénticos, engadiuse unha poliña de oliveira sobre o III, como símbolo da paz, e un feixe de tres frechas unidas por unha fita, símbolo da guerra, por debaixo.[21]

Produción

[editar | editar a fonte]

Tipo 1 (1851-1853)

[editar | editar a fonte]

Segundo o historiador numismático Walter Breen, "as novas moedas de 3 centavos cuñáronse en grandes cantidades, entraron inmediatamente na circulación e ficaron nela".[12] Malia as dificultades técnicas da súa cuñaxe por mor do seu pequeno tamaño,[10] en 1851 cuñouse un total de 5.446.400 exemplares na Ceca de Filadelfia e outros 720.000 na Ceca de Nova Orleáns[22] —ese ano foi o único en que se cuñaron os 3 centavos fóra de Filadelfia—.[23] Logo da súa cuñaxe, as moedas enviábanse directamente ás oficinas do Servizo Postal dos Estados Unidos para seren usadas cos selos. Os funcionarios da Casa da Moeda rexeitaron a posibilidade de que a poboación puidese facerse alí coas moedas e aconsellaron que se solicitasen nas oficinas das delegacións territoriais do Tesouro.[24]

O pequeno tamaño das moedas —que axiña foron bautizadas como "escamas de peixe" (fish scales)— supuxo un problema para a xente, xa que se perdían facilmente.[24] A Casa da Moeda utilizounas para trocar pola prata española, aínda que a maior parte destas e doutras moedas estranxeiras continuou na circulación.[25] Un cidadán que pagase unha compra pequena cun dólar de ouro podería recibir de volta unhas quince pezas de 3 centavos e o resto en flips e outras pequenas moedas de prata moi gastadas. Un xornal de Filadelfia informou, cun ton sarcástico, que os comerciantes se vían obrigados a dar cazos cheos de moedas de 3 centavos como cambio por un billete de 5 dólares.[26]

As moedas de prata seguiron saíndo dos Estados Unidos en 1852, ano en que a de 3 centavos tivo a súa maior tiraxe, de 18.663.500 exemplares, todos eles xa en Filadelfia.[22][24] O valor acumulado destas moedas era superior ao total de todas as demais moedas de prata cuñadas nese ano en todas as cecas da Casa da Moeda dos Estados Unidos.[14] O estado caótico do comercio, sen unha moeda federal en circulación entre a de 3 centavos de prata e o dólar de ouro, era unha fonte de preocupación. Os directivos da Casa da Moeda e diversos congresistas mantiveron correspondencia en 1852 en relación cunha probable redución do peso das moedas de prata, como os cinco centavos de prata (half dime) ou o medio dólar, e o Congreso respondeu finalmente con senllas leis aprobadas o 21 de febreiro e o 3 de marzo de 1853, polas que se reduciu o peso de todas as moedas de prata, coa excepción da dun dólar de prata. A moeda de 3 centavos baixou de 0,80 gramos a 0,75 gramos, mais a lei do metal aumentou a 900 milésimas.[27] Aínda que as outras moedas de peso reducido recibiron limitacións da súa condición de curso legal ata a cantidade de cinco dólares, o límite da moeda de 3 centavos mantívose nos 30 centavos. A este respecto, Carothers supuxo: "O congreso, probablemente ao se decatar de que a moeda de 3 centavos era, no mellor dos casos, inadecuada, preferiu deixala cun valor de curso legal discordante".[28]

Consonte as leis do Congreso a cuñaxe das moedas "tipo 1" detívose o 31 de marzo de 1863.[12] Os cambios na moeda de prata de 3 centavos aliviaron algo o problema da moeda miúda, xa que as novas moedas lixeiras permaneceron en circulación e non foron atesouradas.[29]

Tipo 2 (1854-1858)

[editar | editar a fonte]
3 centavos de dólar de prata

Tipo 2 (1854-1858) [19]

A/: Similar ao tipo 1, con dobre liña arredor da estrela. R/: Similar ao tipo 1 cunha póla de oliveira e un feixe de frechas engadidos.

O cambio á prata de 900 milésimas na moeda de 3 centavos de dólar tiña como obxectivo axudar a sacar da circulación as moedas españolas. Aproveitando o cambio, Longacre realizou algúns axustes en ambas as faces da moeda, gravando unha liña dobre arredor da estrela no anverso e engadindo unha póla de oliveira e un feixe de tres frechas no reverso.[30] Os pequenos cambios no deseño fixéronse tamén en todas as demais moedas de prata —agás a moeda dun dólar— para poder identificar as novas moedas, máis lixeiras que as antigas. Ao ser máis urxente completar os cambios nas moedas de maior valor facial, como o cuarto de dólar e o medio dólar, Longacre deixou para o final a moeda de 3 centavos, e non completou a súa modificación ata finais de 1853. O novo secretario do Tesouro, James Guthrie, aprobou os cambios o 10 de novembro.[31]

En 1858, o daquela director da US Mint, James Ross Snowden, decidiu comezar a cuñar anualmente pequenas cantidades de moedas con acabamento proof —fondo espello e relevo mate— para os coleccionistas, que se comercializaban en xogos xunto coas outras moedas do sistema.[31]

As leis de 1853 tamén lle impediran á Casa da Moeda a compra directa de prata á poboación. Como o dólar de prata era pesado en relación co seu valor, presentábase pouca prata para cuñar esa moeda. Ao impedírselle á povoación que depositase a súa prata na Casa da Moeda e a recibise despois convertida en moeda divisionaria de prata, isto colocou de facto os Estados Unidos dentro do padrón ouro. Malia as leis de 1853 e 1854, Snowden fixo que a Casa da Moeda adquirise grandes cantidades de prata a un prezo fixo, xeralmente superior ao de mercado, e os cuñase. Dado que as moedas divisionarias só tiñan curso legal ata a cantidade de cinco dólares e non podían trocarse por ouro, produciuse un exceso de moedas de prata no comercio. Este exceso de oferta, que se mantivo ata 1862,[32] fixo que se reducise a cuñaxe de moedas de prata a mediados da década de 1850, incluída a moeda de 3 centavos.[31] A maior tiraxe de moedas de 3 centavos do "tipo 2" produciuse en 1858, cando se cuñaron 1.603.700 exemplares para a súa posta en circulación.[22][33]

Tipo 3 (1859-1873)

[editar | editar a fonte]
3 centavos de dólar de prata

Tipo 3 (1859-1873) [20]

A/: Similar ao tipo 1, cunha liña simple arredor da estrela. Letras máis altas e estreitas. R/: Coincidente co tipo 2.

Aínda que non existen probas documentais nos arquivos, Breen postula que en 1858 Snowden lle ordenou a Longacre facer algúns cambios na procura dunha mellor calidade na cuñaxe, xa que a maioría das moedas de 3 centavos do "tipo 2" estaban debilmente cuñadas. Estes cambios consistiron na eliminación do contorno dobre que se lle engadira á estrela do anverso —quedando agora como unha liña simple— e no uso dunhas letras máis altas, máis delgadas e máis uniformes. Breen sostén que o novo tipo de letra amosa a influencia do gravador asistente Anthony C. Paquet, que é probable que axudase a Longacre.[34] Os cambios só afectaron ao anverso; o reverso non sufriu alteración ningunha.[31]

O caos económico provocado pola guerra civil trouxo consigo a introdución de billetes de curso legal sostidos unicamente polo crédito do Goberno. A mediados de 1862 as moedas de ouro e de prata desapareceran da circulación na maior parte do país e o seu lugar foi ocupado por improvisacións como a chamada "moeda fraccionaria" e os selos de correos.[35] A moeda de prata de 3 centavos mantívose en circulación durante máis tempo que as demais moedas deste metal, aparentemente porque a poboación consideraba que aínda estaba cuñada en prata de baixa lei, mais en 1862, tamén foi acaparada.[10] Ao non ter moito sistema emitir moedas novas que se sabía que non chegarían a circular, a cuñaxe das moedas de 3 centavos baixou de 343.000 en 1862 a só 21.000 en 1863, e esta cantidade só se superaría unha vez durante o resto de vida da serie —22.000 exemplares en 1866—.[22][36] En marzo de 1863, o secretario do Tesouro, Salmon P. Chase, escribiu nunha carta que os 3 centavos de prata desapareceran por completo da circulación e suxeriu que se emitise noutro material, como o aluminio, para evitar o seu acaparamento.[37]

Etapa final

[editar | editar a fonte]

O Congreso propúxose en 1864 a tarefa de restituír na circulación todas as moedas federais, e comezou por crear ese mesmo ano unha nova moeda de 2 centavos de bronce e autorizar a introdución dunha moeda de 3 centavos cun novo deseño e cuñada en cuproníquel, que debería entrar en circulación o ano seguinte.[37] En 1866 autorizouse tamén unha moeda de 5 centavos, igualmente de cuproníquel.[38] Ao estar a moeda de prata de 3 centavos substituída de facto na circulación por outra de metal básico, este valor facial non participou do aumento xeral das tiraxes de moedas de prata que comezou en 1868.[37] A versión de prata coexistiu coa súa homónima de cuproníquel entre 1865 e 1873, aínda que os seus sete últimos anos non pasou dos 4.500 exemplares cuñados e, mesmo, en 1873 só se cuñaron 600 pezas en condición proof para os coleccionistas.[22][36]

En 1870, o novo secretario do Tesouro, George Boutwell, presentou no Congreso un proxecto de lei encamiñado a substituír a obsoleta Lei da Moeda de 1837 e as leis menores que se foran aprobando ao longo dos anos en relación coa cuñaxe e co sistema monetario. Neste proxecto de lei non se recollía a moeda de 3 centavos, aínda que algúns membros do Congreso desexaban manter esta moeda en previsión de que se retomasen os pagamentos en especie. Logo de moitos debates e da súa aprobación polo Congreso, o presidente Ulysses S. Grant asinou o proxecto para o converter na Lei da Moeda de 1873, do 12 de febreiro. Esta lei suprimiu a moeda de 2 centavos de bronce e tres moedas de prata; a de 3 centavos, a de cinco centavos (half dime) e o dólar estándar —posteriormente restaurado, en 1878—. Carothers cualificou a cancelación das moedas de prata de 3 centavos e de 5 centavos como "unha necesidade se as pezas de níquel deses valores ían continuar despois do restablecemento das cuñaxes de prata".[39] Breen considerou que os 3 centavos e os 5 centavos de prata poderían ter competido directamente coas súas equivalentes de cuproníquel, e que a decisión de eliminalas supuña un favor ao industrial Joseph Wharton, cuxas minas producían gran parte do mineral de níquel utilizado na cuñaxe das moedas.[40] Para o numismático R. W. Julian, os 3 centavos de prata "desempeñaran ben o seu papel no sistema monetario estadounidense, pero xa non eran necesarios".[10]

Grandes cantidades de moedas de 3 centavos de prata, sobre todo das producidas desde 1863 en adiante, quedaron en mans do Tesouro e foron fundidas despois da súa supresión.[33] A moeda de 3 centavos de cuproníquel seguiu, xa que logo, o seu camiño en solitario e, logo de anos dunha cuñaxe non moi ampla e dunha progresiva impopularidade, foi suprimida tamén pola lei do 26 de setembro de 1890, xunto co dólar de ouro e a moeda de tres dólares, tamén de ouro.[41]

Malia todo, case un século máis tarde, a Lei da Moeda de 1965 confirmou a condición de curso legal da moeda de 3 centavos de prata, ao proclamar que todas as moedas e os billetes dos Estados Unidos eran válidos en calquera cantidade para o pagamento da débeda pública e privada. Loxicamente, trátase dun recoñecemento testemuñal, xa que os 3 centavos levaban fóra da circulación moitas décadas.[42]

Coleccionismo

[editar | editar a fonte]

Segundo Kevin Flynn e Winston Zack, no seu traballo acerca dos 3 centavos de prata, "o menor interese [nesta peza, por parte dos coleccionistas] implica que sexa o tipo de moeda na que se poden achar grandes ofertas de prezos, mesmo en pezas de alta rareza".[43]

A peza mítica desta serie constitúea o único exemplar coñecido dunha emisión proof de 1851, vendido en 2012 por 172.500, dólares e que no seu día formou parte da colección de Louis E. Eliasberg. Flynn e Zack postulan que este espécime foi o visto polo secretario do Tesouro en funcións secretario do Tesouro en funcións, William L. Hodge en 1851 ao aprobar o deseño de Longacre, xa que non hai rexistro que confirme que aquela peza regresase á Ceca de Filadelfia logo da súa análise por Hodge.[44][45]

A moeda de 1873 cuñouse só en condición proof para coleccionistas.[46][47]

Da moeda de 1873, o derradeiro ano da serie, cuñáronse unicamente 600 exemplares e todos eles en condición proof, destinados aos coleccionistas.[46] Os catálogos asígnalles a estas pezas uns prezos de entre 825 e 2.000 dólares, en función do seu estado de conservación. A maioría das moedas estadounidenses dese ano cuñáronse coa variante "3 pechado" na data, logo das queixas provocadas porque nas primeiras moedas cuñadas o 3 era tan aberto que se parecía demasiado a un 8. Dentro das moedas cuñadas para a circulación, os prezos máis altos no catálogo de R. Y. Yeoman son para as moedas da emisión de 1868, que nun estado de conservación perfecto están valoradas en 11.000 dólares.[36][48]

No relativo ás máis comúns, Yeoman cataloga todas as moedas de 3 centavos anteriores a 1863 nun estado de conservación mínimo para seren coleccionables en 40 dólares, agás as do período 1851 1853 de Filadelfia, ás que lles atribúe un prezo de 25 dólares. Por outra banda, todas as pezas cuñadas entre 1863 e 1872 son máis accesibles na súa versión estándar e en perfecto estado de conservación que na proof, malia seren as tiraxes claramente inferiores nesta última..[36] A razón estriba en que a maior parte da tiraxe da versión común foi fundida logo da cancelación da serie, e foron poucos os exemplares que chegaron aos nosos días.[49]

Durante todos os anos, esta moeda cuñouse na Ceca de Filadelfia sen amosar marca de ceca ningunha, como era costume na época. En 1851, a Ceca de Nova Orleáns utilizou a súa habitual marca de ceca "O", que se sitúa no reverso, á dereita do III, na apertura do C estilizado que o encerra.[23]

Emisión Marca de ceca Tiraxes [36][22]
Versión proof Circulantes
1851 0 5.447.400
1851 O 0 720.000
1852 Sen marca:
Ceca de
Filadelfia
0 18.663.500
1853 0 11.400.000
1854 0 671.000
1855 0 139.000
1856 0 1.458.000
1857 0 1.042.000
1858 210 1.603.700
1859 800 364.200
1860 1.000 286.000
1861 1.000 497.000
1862 550 343.000
1863 460 21.000
1864 470 12.000
1865 500 8.000
1866 725 22.000
1867 625 4.000
1868 600 3.500
1869 600 4.500
1870 1.000 3.000
1871 960 3.400
1872 950 1.000
1873 600 0
  1. 1,0 1,1 "3 Cents type 1". Numista.com
  2. 2,0 2,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 217-218.
  3. Levy e fip eran denominacións populares baseadas no valor que tiñan estas moedas en relación coas usadas en Pensilvania do sistema británico: once peniques a primeira (eleven > levy) e cinco peniques e medio a segunda (five pence > fip). Véxase Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 217. Nota 3.
  4. Kraft, J. "Language and the Successful Circulation of Money in the United States". American Numismatic Society.
  5. 5,0 5,1 Carothers, N. (1930). Páxinas 102-105.
  6. 6,0 6,1 Carothers, N. (1930). Páxinas 106-107.
  7. 7,0 7,1 7,2 Flynn, K.; Zack, W. (2010). Páxina 7.
  8. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 218-219.
  9. Carothers, N. (1930). Páxinas 107-108.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Julian, R. W. (1998). "The Trime of Our Lives". En Coins. Xullo. Krause Publications. Páxinas 52–54.
  11. Carothers, N. (1930). Páxina 108.
  12. 12,0 12,1 12,2 Breen, W. (1988). Páxina 271.
  13. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 219-220.
  14. 14,0 14,1 Carothers, N. (1930). Páxina 109.
  15. Vermeule, C. (1971). Páxina 191.
  16. Roach, S. (2016). "Which U.S. coin is the ugliest? Collectors weigh in Arquivado 16 de xullo de 2016 en Wayback Machine.". En Coin World. 15 de xullo.
  17. Bureau of the Mint (1904). Páxina 38.
  18. Flynn, K.; Zack, W. (2010). Páxina 55.
  19. 19,0 19,1 "3 Cents type 2". Numista.com
  20. 20,0 20,1 "3 Cents type 3". Numista.com
  21. Flynn, K.; Zack, W. (2010). Páxinas 5, 9.
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 22,4 22,5 "Silver Three Cent Piece Mintages". Threecentsilvers.com
  23. 23,0 23,1 "1851-O Silver Three Cent Piece". Threecentsilvers.com
  24. 24,0 24,1 24,2 Flynn, K.; Zack, W. (2010). Páxina 8.
  25. O Congreso acabou retirando a condición de moedas de curso legal ás moedas de prata españolas en 1857 e a partir de aí puideron trocarse por centavos de dólar.
  26. Carothers, N. (1930). Páxinas 111-112.
  27. Flynn, K.; Zack, W. (2010). Páxinas 8-9.
  28. Carothers, N. (1930). Páxinas 122-123.
  29. Carothers, N. (1930). Páxina 123.
  30. Goldstein, B. C. (2011). "The Power of 3s". En Coin World. 6 de xuño. Páxina 14.
  31. 31,0 31,1 31,2 31,3 Flynn, K.; Zack, W. (2010). Páxina 9.
  32. Carothers, N. (1930). Páxinas 129-136.
  33. 33,0 33,1 Yeoman, R. S. (2017). Páxina 130.
  34. Breen, W. (1988). Páxina 273.
  35. Carothers, N. (1930). Páxinas 156-158.
  36. 36,0 36,1 36,2 36,3 36,4 Yeoman, R. S. (2017). Páxinas 130-131.
  37. 37,0 37,1 37,2 Flynn, K.; Zack, W. (2010). Páxina 10.
  38. Bureau of the Mint (1904). Páxinas 48-49.
  39. Carothers, N. (1930). Páxinas 226-136.
  40. Breen, W. (1988). Páxina 295.
  41. Goldstein, B. C. (2011). "The Power of 3s". En Coin World. 6 de xuño. Páxina 18.
  42. Breen, W. (1988). Páxina 243.
  43. Flynn, K.; Zack, W. (2010). Páxina 5.
  44. Flynn, K.; Zack, W. (2010). Páxina 138.
  45. "1851 3CS (Proof)". Professional Coin Grading Service.
  46. 46,0 46,1 "1873 Proof Silver Three Cent Piece". Threecentsilvers.com
  47. "Auction #1143. LOT #4042: 1873 3CS". Heritage Auctions. 12 de agosto de 2010.
  48. Flynn, K.; Zack, W. (2010). Páxina 52.
  49. Flynn, K.; Zack, W. (2010). Páxina 17.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]