Nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus | |||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
B. xylophilus macho con espícula visible
| |||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||
Bursaphelenchus xylophilus (Steiner & Buhrer) Nickle |
O Bursaphelenchus xylophilus, coñecido vulgarmente como o nematodo do piñeiro é un verme nematodo que infesta os piñeiros, destruíndo as canles de circulación da resina, o que e fai que murchen e morran.[1]
Encóntrase en gran parte dos Estados Unidos, e no Canadá, México, o Xapón, a China, Taiwán, Corea, Portugal e Galicia.[2]
A Galicia chegou a finais de 2010.[3]
Bursaphelenchus xylophilus está considerado como a maior ameaza mundial sobre os piñeirais.[4]
Da mortalidade dos piñeiros no Xapón informou por primeira vez Munemoto Yano (矢野 宗 幹) na prefectura de Nagasaki en 1905.[5]
O nematodo descubriuse por primeira vez na madeira do piñeiro Pinus palustris en Louisiana, Estados Unidos. Steiner e Burhrer informaron de que este nematodo era unha nova especie, que nomearon como Aphelenchoides xylophilus en 1934.[6]
En 1969, os patólogos de plantas xaponeses Tomoya Kiyohara (清 原 友 也) e Yozan Tokushige (徳 重陽 山) descubriron moitos nematodos descoñecidos en piñeiros mortos nas illas Kyūshū do Xapón.[7] Entón, inocularon experimentalmente o nematodo a piñeiros sans e noutras coníferas e observáronos. Morreron os piñeiros sans, especialmente Pinus densiflora e Pinus thunbergii. Con todo, puideron sobrevivir Pinus banksiana e Pinus taeda, o cedro Criptomeria japonica e o ciprés Chamaecyparis obtusa.[8] Estes investigadores concluíron que o nematodo era o patóxeno que estaba detrás do aumento da mortalidade dos piñeiros xaponeses.
En 1972, un ano despois de que se publicara o artigo innovador de Kiyohara e Tokushige, Yasuharu Mamiya e T. Kiyohara consideraron que o nematodo era o patóxeno causante da mortalidade dos piñeiros, e que era unha especie nova que nomearo como Bursaphelenchus lignicolous.[9] Finalmente, Bursaphelenchus lingnicolous, o nematodo xaponés, foi reclasificado como a especie americana B. xylophilus en 1981.[10]
No Xapón producíronse epidemias causadas polo nematodo do piñeiro, especialmente durante os veráns secos e cálidos.[4][11][12][13]
Malia ser nativo de Norteamérica, o nematodo do piñeiro espallouse ao Xapón, a China, Vietnam, Australia, Escandinavia, Portugal e Galicia, e foi nalgúns destes novos ecosistemas onde causou un maior dano a distintas especies de piñeiro. Aínda que non é especialmente virulento nas coníferas orixinarias de Norteamérica, no Xapón estímase que o nematodo do piñeiro é o responsable da destrución duns 26 millóns de metros cúbicos de madeira.[14] Tense observado, ademais, que a virulencia da enfermidade asociada ao nematodo é especialmente intensa nos países con temperaturas cálidas no verán, superiores a 25 °C, como Australia, Portugal ou determinadas áreas do Xapón, pois estas altas temperaturas levan aparelladas maiores taxas de reprodución do nematodo.
Os vermes do xénero Bursaphelenchus son todos funxívoros e todos necesitan de vectores (adoito escaravellos e couza) para a súa distribución. A diferenciación entre o Bursaphelenchus xylophilus e outras especies non patóxenas do mesmo xénero é moi complexa debido ás semellanzas morfolóxicas, pero pódese conseguir unha identificación axeitada a través de análises moleculares coma os RFLP.[15]
O nematodo do piñeiro vive en distintas especies de piñeiro, se ben a súa acción é menos destrutiva nas coníferas onde é orixinario. De feito, as árbores máis afectadas en Norteamérica pertencen a especies importadas de Europa e Asia. Tamén se ten identificado a súa presenza noutras especies, como lárices, cedros, piceas e abetos.[16]
O ciclo básico da vida do nematodo do piñeiro é o común á maior parte das especies de nematodos, con catro fases xuvenís e unha fase adulta onde combinan os dous sexos (macho e femia). Este ciclo básico desenvólvese dentro da madeira, onde os nematodos se alimentan de fungos e non da propia madeira. O nematodo do piñeiro non pode moverse entre as árbores, e depende para o transporte dun insecto vector. Aínda que se teñen identificado distintas especies vectoras ao longo do planeta,[14] as máis delas pertencen ao xénero Monochamus, uns escaravellos con dúas antenas longas e finas que se alimentan de cortiza como adultos, pero que na súa fase larvaria viven no interior da madeira. É nesta fase larvaria cando os escaravellos inxiren os nematodos, que se aloxan finalmente nas traqueas dos insectos adultos. É na fase reprodutiva cando os escaravellos volven transmitir os nematodos a unha nova árbore, ao poñeren os ovos nela.[16] É precisamente na introdución do nematodo cando se produce o dano sobre a árbore, pois o nematodo destrúe as células epiteliais que constitúen o sistema transportador de resina da árbore.
O nematodo do piñeiro manifesta os seus primeiros síntomas nas árbores en primavera e no verán, cando o piñeiro deixa de exsudar resina polas feridas abertas na casca. Pouco e pouco as follas van perdendo a cor ata transformárense nun marrón claro que son indicio da morte da árbore. Nun piñeiro murcho por causa dos nemátodos a madeira está seca e sen resina.
Non existe tratamento para o nematodo. Pódese previr o espallamento da enfermidade con embargos á circulación de madeira e coa queima inmediata de toda a madeira infectada. A fumigación con fosfina de aluminio ten dado resultados positivos para o tratamento de serraduras e chips de madeira.[15]
Dado que o desprazamento dos insectos vectores é reducida (uns 3 km ao longo de toda a súa vida), a maior ameaza para as producións de madeira é o transporte comercial.[17] A introdución de madeira contaminada co nematodo do piñeiro está prohibida na Unión Europea dende o ano 2000.[18] En 1999 foi localizada a enfermidade desencadeada polo nematodo na península de Setúbal, e as autoridades portuguesas instauraron unha devasa fitosanitaria que levou á paralización do movemento de madeira nunha zona costeira dun millón de hectáreas ao sur do río Texo.[18] Os embargos á comercialización de madeira e os cordóns fitosanitarios non foron, con todo, eficientes. En 2008 o nematdodo da madeira estaba espallado por todo Portugal e en 2010 foi detectada a enfermidade por primeira vez en Galicia.
Unha serie de estudos realizados a mediados da primeira década do século XXI en España detectou tanto a presenza de distintos nematodos do xénero Bursaphelenchus (pero non da especie xylophagus) como a dunha ampla lista de insectos vectores destes nematodos. En especial, detectouse a presenza de Monochamus galloprovincialis, que era na altura o insecto considerado vector principal da enfermidade en Portugal, ao longo da fronteira lusoespañola: os estudos atopárono na zona meridional de Pontevedra, pero non na comarca de Verín.[19]
Porén, a principios do outono de 2010 atopouse un exemplar de piñeiro infectado na Vesadiña (Salvaterra de Miño)[3], no límite co concello das Neves. En novembro confírmase a presenza do nematodo e a mediados dese mes a Xunta de Galicia ordena o corte de todas as especies susceptibles de acoller o parasito nun radio de quilómetro e medio (parte das parroquias de Taboexa, Leirado, Lira e Meder), así como o establecemento dunha zona de especial vixilancia en 20 km ao redor onde tanto a corta como a comercialización de madeira se someten a controis especiais.[20]
Os investigadores do Centro de Investigacións Ambientais e Forestais de Lourizán levan, desde 2013, estudando a resistencia dos piñeiros á praga do nematodo que, como quedou dito, afecta a máis dunha vintena de concellos do sur da provincia de Pontevedra. Este traballo deu os seus primeiros resultados e o DOG publicou unha resolución da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pola que se aproba a inscrición no rexistro galego de materiais de base de seis proxenitores da familia das pináceas na categoría d material culificado pola súa resistencia ao Bursaphelenchus xylophilus, estando pendente tamén que este material se inscriba no Catálogo Nacional de Materiales de Base, dependente do Ministerio de Agricultura de España. O obxectivo principal desta medida é o poder ofrecer sementes destas árbores a persoas que se ocuipan de prover ao sector de mteria forestal de reprodución. Os primeiros resultados determinaron que as dúas especies de piñeiro máis plantadas en Gailica, Pinus pinaster e Pinus radiata, eran susceptíbeis a esta enfermidade cunha mortalidade de entre o 40 e o 65 %, pero tamén encontraron que tres grupos de P. pinaster lograron superar a praga nun 80 % e, nalgúns casos, aínda máis.[21]