Certificado de domestic partnership de California.
Unha unión de feito, parella de feito ou asociación libre é unha unión sexoafectiva entre dúas persoas que, sen ter rango de matrimonio, está recoñecida polo Estado. Hai diferenzas entre a denominación que lles dá cada ordenamento xurídico: así chámanse parellas de feito en España, Pacte Civil de Solidarité (PACS) en Francia, partnership no Reino Unido e Estados Unidos ou unión civil noutros varios estados.
Dada a vinculación só afectiva e de convivencia entre os compoñentes das parellas de feito, que en ocasións leva unha dependencia económica análoga á dun matrimonio, algúns ordenamentos xurídicos víronse na necesidade de regulalas para evitar o desamparo dalgún dos compoñentes da parella en certas situacións como morte do outro, enfermidade etc.
A figura xurídica da parella de feito ten a súa orixe na necesidade de que os Estados doten dunha cobertura legal a aquelas parellas que, de forma irregular, conviven maritalmente.
O grado de equiparación entre as parellas de feito e os matrimonios é diferente segundo os Estados. Nalgúns deles as parellas de feito e os matrimonios non se diferencian máis que na denominación, contando con igualdade plena de deberes e dereitos. Noutros casos os deberes e dereitos das parellas de feito non conservan máis que unha certa analoxía cos dos matrimonios. Algúns Estados que non recoñecen aos seus cidadáns o dereito a formar parellas legalmente recoñecidas entre persoas do mesmo sexo tamén contemplan a posibilidade de constituíren parellas de feito.
Hungría. As relacións homosexuais están despenalizadas dende 1962 para os maiores de 20 anos e a idade de consentimento é a mesma que para as relacións heterosexuais dende o ano 2002. Dende 1996 as parellas de feito, incluíndo as do mesmo sexo, gozan de certos dereitos, e en abril do 2009 foi aprobada unha lei específica para parellas de feito homosexuais.[1]. Dita lei concédelles moitos dos dereitos dos que gozan as parellas casadas, pero non inclúe a adopción conxunta nin o acceso das mulleres lesbianas á inseminación artificial. Sectores conservadores presentaron nove recursos de inconstitucionalidade contra esta reforma legal, pero foron desestimados polo Tribunal Constitucional húngaro.[2]
República Checa. As relacións homosexuais en Checoslovaquia foron despenalizadas en 1962 e dende 1990 a idade de consentimento é a mesma que para as relacións heterosexuais. Dende o 2001 existe un rexistro de parellas de feito que inclúe as parellas homosexuais e dende o 2006 existe unha lei de unións civís, que non permite a adopción conxunta nin a inseminación artificial das mulleres lesbianas.[3]
Andorra. No 2005 Andorra aprobou unha lei de unións civís que recoñece boa parte dos dereitos dos que gozan as parellas casadas. Aínda que a lei non menciona o dereito á adopción, tampouco a prohibe.[4]
Reino Unido. Dende o 2005 as parellas do mesmo sexo poden acceder a unha partnership que lles recoñece os mesmos dereitos que ás parellas casadas, incluída a adopción como padrastos ou madrastas. Unha organización LGBT promoveu unha modificación da lexislación en Escocia, pero a resposta do Parlamento escocés foi que unha reforma dese aspecto tocaba competencias que non estaban transferidas, como as leis migratorias ou sobre a herdanza[5].
Dinamarca. Dende 1989 hai unha lei de unións de parellas do mesmo sexo. A xerarquía da igrexa luterana danesa, que permite aos seus pastores bendicir as parellas do mesmo sexo unidas civilmente, é particularmente proclive á regulación do dereito destas a contraer matrimonio.[6]
Eslovenia. Conta cunha lei de parellas de feito dende o ano 2006. Recentemente o Tribunal Supremo esloveno dictamiinou que esta lei é discriminatoria coas parellas do mesmo sexo, motivo polo cal o goberno comezou a tramitación do proxecto de lei que permitirá o matrimonio para este tipo de parellas[7].
Suíza. As relacións homosexuais están permitidas dende 1942 e dende o 2007 está en vigor unha lei de unións civís, aprobada mediante referendo cun 58% dos votos, que non concede o dereito á adoptar nin o acceso aos tratamentos de reprodución asistida. Con anterioridade, os cantóns de Xenebra e Zúric aprobaran leis de parellas[8].
Alemaña. Dende o 2009 varias sentenzas xudiciais recoñeceron ás parellas homosexuais certos dereitos que ata agora eran exclusivos das heterosexuais como, por exemplo, a percepción de pensións[9], a adopción dos fillos da parella[10] e as transmisións[11]. En xuño do 2010 un tribunal administrativo de Berlín determinou que o matrimonio dun cidadán alemán casado no Canadá cun español debe ser recoñecido en Alemaña como unión civil, recoñecemento que fai extensivo a outras parellas do mesmo sexo casadas no exterior.[12] Sorprendentemente, varias asociacións islámicas pronunciáronse a favor de reformar as leis para permitir o matrimonio entre persoas do mesmo sexo[13] e incluír a protección das minorías LGTB na Constitución.[14]
Austria. O 10 de decembro do 2009 foi aprobada a lei de unións civís. A lei, que entrou en vigor en xaneiro do 2010, outorga ás parellas do mesmo sexo a posibilidade de optar a unha fiscalidade común e a dereitos sucesorios e de seguridade social, pero non permite celebrar cerimonias formais nin adoptar en común. Tampouco permite ás parellas de lesbianas acceder aos tratamentos de reprodución asistida.[15]
Finlandia. Alén da previsible aprobación do matrimonio, esperada para o 2011, en Finlandia existe a posibilidade de constituír unións civís. Dende o 2009 concédese a adopción dos fillos da parella tamén dentro daquelas formadas por dúas persoas do mesmo sexo.[16]
Francia. Dende 1999 o chamado Pacte Civil de Solidarité (PACS) concede algúns dos dereitos dos que gozan as parellas casadas a nivel patrimonial e algúns beneficios sociais. A adopción conxunta está prohibida, así como a reprodución asistida para mulleres lesbianas. As sucesivas iniciativas encamiñadas a ampliar o seu reducido alcance non tiveron éxito polo de agora[17].
Illa de Jersey. O Parlamento aprobou no 2009 unha lei de Partnership semellante á británica que outorga ás parellas do mesmo sexo unidas civilmente dereitos similares aos do matrimonio[18].
Irlanda. Dende xullo do 2010 Irlanda recoñece as chamadas Relacións Civís, ás que concede equiparación ás parellas heterosexuais en materia de propiedade inmobiliaria, benestar social, dereitos de sucesión, manutención, pensións e impostos.[19] Despois de recibir a sanción da presidenta da república, está previsto que as primeiras unións se celebren en xaneiro de 2011[20].
Parellas de feito nos Estados Unidos. Condado ou cidade que recoñece os domestic partner Estado que recoñece o matrimono entre persoas do mesmo sexo, a unión civil ou o domestic partnership Condado ou cidade que non recoñece as parellas de feito
En México:
Coahuila. O Congreso do estado de Coahuila, México, recoñeceu a unión de persoas do mesmo sexo, chamándoo Pacto Civil de Solidariedade.
Nos Estados Unidos:
Hawai. O 6 de xullo do 2010 a gobernadora de Hawai vetou unha lei que tiña como obxectivo aprobar a unión civil para parellas do mesmo sexo. A devandita lei xa fora aprobada pola Cámara de Representantes e garantía ás parellas homosexuais os mesmos dereitos e beneficios que aos matrimonios. O argumento esgrimido foi que se trataba dunha lei que, de facto, implantaba o matrimonio para parellas do mesmo sexo. Os líderes da Cámara expresaron que non teñen previsto tratar de levantar o veto da gobernadora.[21]
Australia. A comezos do 2010 foi sometido a votación no Senado australiano un proxecto de lei que tiña como obxectivo implantar o matrimonio para parellas do mesmo sexo, e que foi rexeitado na súa votación o 26 de febreiro, como resultado dunha pouco corrente alianza entre laboristas e conservadores.[22] Tamén foi rexeitada a proposta do partido laborista, no goberno, para aprobar unha lei de unións civís para toda Australia, que viría unificar a heteroxénea ordenación vixente: nalgúns dos estados australianos son legais as unións civís, chamadas nalgúns lugares Civil Partnership e noutros Domestic Partnership, con aproximadamente iguales características; no resto do territorio existe un recoñecemento de facto das unións entre persoas do mesmo sexo, pero sen que haxa un rexistro oficial.[23]
As unións non reguladas son realidade en todo o mundo, mesmo naqueles países onde a homosexualidade é reprimida e perseguida, aínda coa pena de morte. Nestes casos, a parella homosexual decide por propia convicción e de común acordo unirse en parella, recoñecéndose mutuamente dereitos e obrigas entre os seus propios integrantes, e en ocasións ante os membros do seu contorno máis próximo. Certos estados, sen recoñeceren un status legal a este tipo de unións, conceden aos seus membros certos beneficios equiparables a aqueles dos que gozan as parellas casadas.
Colombia. O 7 de febreiro de 2007 en Colombia, foron aprobados e recoñecidos os dereitos patrimoniais na decisión do fallo da Corte Constitucional que equipara ás parellas heterosexuais algúns dereitos en materia de saúde, pensións, patrimonio e estranxeiría.[24]
Brasil. Nove das provincias do Brasil recoñecen a unión estable entre persoas do mesmo sexo e está en marcha un proxecto de lei, presentado en 1995, que modificaría a lexislación federal nesta materia.[25] Por outra banda, nunha sentenza que senta xurisprudencia, o Superior Tribunal de Justiça do Brasil tomou unha deción innovadora ao permitir a unha parella de mulleres lesbianas constar legalmente como nais de dúas nenas.[26]
Nos Estados Unidos:
Novo México: Amparándose en que a constitución do Estado non prohibe de forma expresa o casamento entre persoas do mesmo sexo, unha serie de decisións administrativas e xudiciais abriron as portas a este tipo de casamentos en 6 dos 33 condados de Novo México: Doña Ana[27], Santa Fe[28], Bernalillo, San Miguel, Valencia e Taos[29].