R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A. | |
---|---|
Sede de Cable R na Grela, A Coruña | |
Tipo | Sociedade anónima |
Fundación | 1998 |
Matriz | Euskaltel, S.A. |
Localización | rúa Real, 85, A Coruña Galicia |
Persoas clave | Alfredo Ramos (director xeral)[1] |
Industria | Telecomunicacións |
Produtos | Teléfono Internet Televisión Móbil |
Beneficio operativo | 234 millóns de euros, en 2014 |
Beneficio neto | 92 millóns de euros, en 2014[2]. |
Número de empregados | 200 (en 2010)[3] |
Na rede | |
https://www.mundo-r.com/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
R é o nome comercial de R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A., unha empresa galega de telecomunicacións que apareceu en 1998 como el Operador Gallego de Cable, participado por Caixanova, GADISA e Hijos de Rivera entre outros accionistas.[4]
En 2010, a sociedade de risco inglesa CVC Capital Partners fíxose co 70% do capital e, en xullo de 2015, a empresa chegou a un principio de acordo para a súa integración con Euskaltel, valorándose á empresa en 1.155 millóns de euros.[4] En agosto de 2021, após unha OPA, foi adquirida pola operadora MásMóvil.[5]
En 1998, logo da adxudicación do concurso para despregar o cable en Galiza, fundáronse as empresas R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A. e R Cable y Telecomunicaciones Coruña, S.A., que se crearan respectivamente para dúas demarcacións territoriais, a demarcación da Coruña e a demarcación que comprendía o resto do territorio galego. Cada unha presentouse e obtivo a concesión administrativa para cadansúa demarcación.
A outra concesión de cable gañouna Telefónica asociada con La Voz de Galicia. Esta concesionaria non chegou a despregar ningunha rede propia. A concesión incluía unha moratoria no despregamento de cable que os penalizaba durante anos. A aparición da tecnoloxía ADSL permitiu acadar velocidades competitivas co cable sen a necesidade de crearen unha rede nova.
En 2008 a empresa que operaba unicamente na Coruña absorveuna a matriz galega e opera, desde aquela, baixo unha empresa e unha marca únicas. Os accionistas de R-Coruña eran de R-Galicia, nun 90%, e EMALCSA, no outro 10%, coa absorción, EMALCSA pasou a ter accións en R-Galicia; os accionistas de R-Galicia eran Caixanova (65%), Unión Fenosa, Banco Pastor, Inversiones Gallegas del Cable, Grupo Zeta e outros accionistas minoritarios. En abril de 2010, Caixanova vendeulle o 35% das accións á sociedade inglesa CVC Capital Partners. Uns meses despois, esta sociedade mercou máis accións e pasou a controlar o 70% da sociedade.
En xullo de 2015, R Cable recibiu unha oferta de compra por parte de Euskaltel por 1.155 millóns de euros, cantidade que ascendeu a 1.190 millóns en outubro de 2015, data na que se subscribiu o acordo de compraventa.[6]
Hai varias teorías sobre a orixe do nome de Cable R. Unha delas é que foi unha proposta da axencia de publicidade que fixo a imaxe de marca para empresas como Ediciones B e Grupo Z.[Cómpre referencia]
O concurso antedito apareceu pola necesidade de abrir o mercado das telecomunicacións (até daquela, estaba monopolizado, practicamente, por Telefónica) e para que as empresas investisen nunha rede propia e máis avanzada tecnoloxicamente. Esta rede sería o sistema popularmente coñecido como cable, pois os servizos de Internet e da televisión chegan directamente por un cable coaxial desde o TAP, a onde chega o sinal dende un FTTB conectado por fibra óptica. No fogar, os usuarios tiñan un punto de terminación de rede (PTR) e tomas de conexión coma se fose a antena de televisión da casa. O servizo de telefonía continuaríase a ofrecer por un par de cobre renovado, tamén conectado ao FTTB. Dese modo, crearíase máis competencia no sector, máis variedade, en canto aos tipos de tecnoloxía e servizos dispoñibles, e un avance tecnolóxico claro.
Tras as operadoras de cable históricas asociadas á AOTEC (Asociación Nacional de Operadoras de Cable non suxeitas ás demarcacións), R, xunto co resto de operadoras que gañaron as súas respectivas demarcacións de cable, unificou, tamén, os servizos da telefonía, de Internet e de televisión ao contar coa tecnoloxía axeitada para facelo.
Actualmente, cobre as principais cidades galegas, os polígonos industriais (soamente coa conexión por pares) e bastantes vilas. Nas pequenas vilas e na zona rural carecía deste servizo, aínda que se estaba a traballar nas conexións sen fíos. R ofrecía os servizos de: Internet de banda larga, telefonía fixa, telefonía móbil (co emprego da rede de Orange) e televisión, e, este último, con máis de 100 canles de tipos diversos no seu servizo dixital. Ademais, incluía o sistema de pagamento por visión MIRADOR, desde o que se podían comprar as visualizacións de películas, de fútbol e de series de televisión. Continuou o seu proceso de expansión ao ser actualmente a operadora de cable do estado español con maior beneficio polo número de clientes e polo investimento realizado.[Cómpre referencia].
Durante o ano 2006, potenciouse a expansión xeográfica da operadora, que pretendía chegar ao 60% da poboación galega coa colaboración da Consellaría de Innovación e Industria. Chegou a posuír o 64% da banda larga galega e continuou o seu espallamento por máis concellos galegos[7], ofrecendo o servizo de acceso directo nas cidades e nas localidades máis pequenas.
En 2012 ofrecía servizo nas seguintes cidades e vilas:[8]
Arzúa |
Durante o ano 2007, R aumentou a velocidade de baixada dos seus produtos Combo 3, Combo R (de 4 a 6 megas) e da opción 6000 (de 6 a 9 megas) para os particulares. Para as empresas, as velocidades de baixada de 4, 6, 8 e 10 megas mudaron polas opcións de 6, 9 e 10 megas. Ademais, engadiuse a opción de 1, 2, 4 e 6 megas simétricos, tamén para as empresas. No seu blog oficial, R tamén anunciou que, antes de rematar o 2008, ofrecería as velocidades de 100, 30 e 20 megas[9] para os particulares.
A empresa rematou o 2010 con 230 millóns de euros de ingresos de explotación, cunhas ganancias de 31 millóns de euros[10].
En xuño de 2015, chegou a un acordo para ser adquirida pola operadora vasca Euskaltel por 1.150 millóns de euros e crear o operador líder no norte de España e mantendo os equipos de xestión diferenciados.[4] Posteriormente, en marzo de 2021, a operadora MásMóvil, lanzou unha OPA polo 100% de Euskaltel por un valor aproximado de 2.000 millóns de euros.[5]
En 2003, un grupo de usuarios e clientes de R fixeron unha recollida de sinaturas en Código Cero para enviarllas á empresa pedindo melloras no servizo. O 25 de xullo a empresa R tomou a iniciativa e convidou a un grupo de usuarios ás súas oficinas. Esta xuntanza considérase como a primeira vez que unha empresa do sector das telecomunicacións en España se xunta cos seus clientes para escoitar as súas queixas e propostas. Desa xuntanza R aceptou propostas que aínda hoxe están en uso, como a posibilidade de contratar dúas IP ou poder alugar un segundo descodificador de televisión.[11]
Nos últimos anos R recuperou estas xuntanzas e convidaba a un pequeno grupo de usuarios a visitar as súas instalacións e coñecer a empresa e os seus produtos e servizos.
En 2005 iniciou unha campaña nos xulgados contra o pirateo de sinal denunciando a máis de 300 clientes acusados de piratear o seu sinal e manipular os descodificadores.[12]
En outubro de 2012 o Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra fixo firme a sentenza que condenaba a seis meses de cadea e a seis meses de multa a un dos denunciados por R por un delito contra o mercado e os consumidores, recollido no artigo 286.1 do código penal acusado de vender equipos manipulados para piratear o sinal de televisión de R.[13]
O 20 de novembro de 2007, ao coincidir co oitavo aniversario da compañía, R lanzou os servizos de telefonía móbil co emprego da rede da Vodafone e comezou a ofrecer todos os servizos de telecomunicacións nunha factura única e pasaría a ter un número de teléfono de atención ao cliente único.
Despois dun período de probas con 500 clientes, comezou a operar o 3 de decembro de 2007. En xullo do 2008, a compañía anunciou que xa tiña 18.000 clientes do servizo de MóbilR.
A finais de 2011, R tiña 118 741 clientes de telefonía móbil[14], en novembro de 2012, R anunciou que acadara os 200 000 clientes na telefonía móbil[15]. En setembro de 2013 R acadou os 300 000 clientes na telefonía móbil[16]. A finais de 2014 a empresa tiña 327 550 clientes en servizos fixos e 364. 490 de móbil[2].
En 2016, R cambiou de provedor dos servizos de telefonía chegando a un acordo con Orange. Esta migración dende a rede de Vodafone a Orange fíxose paulatinamente cunha duración aproximada de 6 meses.[17]
Dende a súa orixe, R, a diferenza doutras operadoras de cable, ofreceu todos os equipamentos conectados á súa rede alugados, non vendía os equipamentos de conexión á rede (cable módem e descodificadores) polo que as melloras e as substitución dos equipamentos facíaos a propia compañía.
R realizou o paso da tecnoloxía dos seus cable módem Docsis 2.0 á 3.0, a cal permitiu ofrecer moita máis velocidade de conexión e outras melloras, coma son: o disco ríxido no propio cable módem, as redes Wi-Fi compartidas ou a posibilidade de se conectar á rede Wi-Fi dende outros cable módem, entre outras.
Os descodificadores de televisión novos incluían a calidade HD, ou resolución superior, e moitos outros servizos multimedia que variarán segundo a demanda.[18]
En 2008 concedéuselle o nomeamento de Galego egrexio que concede anualmente a Fundación Premios da Crítica Galicia, por demostrar, segundo as verbas de Xosé González Martínez, presidente da Fundación, "que unha empresa pode acadar éxito e bos resultados nas súas contas de resultados tendo como lingua oficial a galega, invalidando o discurso prexuizoso e tópico de moitos empresarios que aínda seguen a pensar que o noso idioma non é apto para facer negocios".
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: R |