Rosa Regàs Pagés, nada en Barcelona o 11 de novembro de 1933 e finada en Llofriu o 17 de xullo de 2024, foi unha escritora catalá.
Pasou os anos da guerra civil en Francia e ó seu regreso ingresou nun internado. Estudou Filosofía e Letras e licenciouse na especialidade de Filosofía Pura pola Universidade de Barcelona. Traballou na editorial Seix Barral de 1964 a 1970, ano no que funda a editorial La Gaya Ciencia , e as revistas Arquitectura Vis e Cuadernos de la Gaya Ciencia (1976). É nai de cinco fillos.
De 1983 a 1994 foi tradutora freelance nas Nacións Unidas en Xenebra, Nova York, Nairobi, Washington, París etc. En 1994 foi nomeada Directora do Ateneo Americano da Casa de América de Madrid, cargo do que dimitiu en maio de 1998.
O 14 de maio de 2004 foi nomeada Directora Xeral da Biblioteca Nacional de España. O día 18 de novembro de 2005 recibiu a Lexión de Honra. O 30 de novembro de 2005 a Generalitat de Cataluña concedeulle a Creu de Sant Jordi.
En agosto de 2007 dimitiu do seu cargo como Directora Xeral da Biblioteca Nacional de España por discrepancias co ministro de Cultura César Antonio Molina, e foi substituída por Milagros del Corral.
Finou con 90 anos nunha masia en Llofriu en xullo de 2024, onde moraba dende había uns anos.[1]
Con ocasión do debate social a raíz da proposta de reforma da lei do aborto formulada polo Ministro de Xustiza Alberto Ruiz-Gallardón, Rosa Regàs publicou o 30 de xullo de 2012 unha columna en El Mundo na que cualificaba como "monstros" as persoas con graves malformacións.[2] Logo de recibir diversas críticas, entre elas a do xornalista Andrés Aberasturi (cun fillo con parálise cerebral),[3] Regàs reafirmouse na súa opinión noutro artigo no mesmo xornal.[4]
[...] pretender que poco importa que el hijo que va a venir vaya tener graves malformaciones [...] Y que sea el señor Ruiz Gallardón el que tenga que decidir si una mujer ha de dar a luz un monstruo todavía me parece más aberrante [...] Señor Ministro, ¿no le parece que antes de dar vida a los monstruos debería ocuparse de que no se resquebrajara la dignidad de los vivos [...]?