San Marino RTV

Radiotelevisione della Repubblica di San Marino (en galego: Radiotelevisión da República de San Marino), coñecida comercialmente como San Marino RTV (SMRTV), é o servizo público de radiodifusión de San Marino. Ao longo da súa historia empregou diferentes denominacións, pois ademais da actual, entre 2011 e 2013 usou a de SMtv. Xestiona dúas canles de televisión (San Marino RTV e San Marino RTV Sport) e dúas emisoras de radio (Radio San Marino e Radio San Marino Classic).

San Marino RTV naceu en agosto de 1991 logo dun acordo entre o Ente per la Radiodiffusione Sammarinese (ERAS) e a RAI italiana. Cada unha das sociedades comparte o 50% do capital social de San Marino RTV e periodicamente revisan o acordo de colaboración para manter e actualizar o servizo de radiodifusión.

As primeiras emisións experimentais de radio comezaron o 27 de decembro de 1992. Dende uns meses despois, o 28 de febreiro de 1993, Radio San Marino emite as 24 horas do día. A televisión empezou as súas emisións de proba o 24 de abril de 1993. O 28 de febreiro de 1994, a televisión comezou a programación regular entre as 10:00 A.M. e as 2:00 A.M.

En xullo de 1995, San Marino RTV foi admitido como membro da Unión Europea de Radiodifusión. Tamén é membro fundador da Comunità radiotelevisiva italofona, asociación dalgunhas empresas de radio e televisión de Italia, O Vaticano e Eslovenia que empregan o italiano.

Conta cun portal web operativo dende o 1 de outubro de 2003, renovado logo en 2009 e 2013. Ademais o 21 de xuño de 2004 naceu unha segunda emisora, Radio San Marino Classic.

En 2007, San Marino RTV amosou interese por participar no Festival de Eurovisión. O 27 de novembro de 2007, anunciouse o debut de San Marino na edición de 2008 en Belgrado. Logo de non participar nas edicións de 2009 e 2010 por mor de problemas financeiros, San Marino chegou a unha final do festival por primeira vez en 2014.

En 2011, San Marino RTV tamén intentou participar no Festival Eurovisión Júnior, adiándoo logo e non debutou ata a edición de Kíiv de 2013.

Televisión

[editar | editar a fonte]

San Marino RTV opera dúas canles de televisión:

  • San Marino RTV: mantén unha programación que cobre as 24 horas do día con contidos informativos, cinema, documentais, programas de actualidade, debuxos animados e eventos culturais e deportivos. En 2016 comezou a retransmitir en alta definición na TDT e en 2018 tamén vía satélite.
  • San Marino RTV Sport: naceu en decembro de 2012 e céntrase na actualidade deportiva, ofrecendo a cobertura de eventos, así coma informativos e entrevistas.

San Marino RTV xestiona dúas emisoras:

  • Radio San Marino: é unha emisora xeralista con especial énfase no informativo. Pódese escoitar na frecuencia modulada 102.7 MHz, nunha área que, ademais da República de San Marino, inclúe a costa da Emilia-Romagna dende Pesaro a Imola. Tamén é posible escoitala na canle 8837 da plataforma italiana Sky, así como na aplicación de San Marino RTV e a súa web

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]