Santiago Mariño

Modelo:BiografíaSantiago Mariño

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento25 de xullo de 1788 Editar o valor en Wikidata
El Valle del Espíritu Santo, Venezuela Editar o valor en Wikidata
Morte4 de setembro de 1854 Editar o valor en Wikidata (66 anos)
La Victoria, Venezuela Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaPanteón Nacional de Venezuela Editar o valor en Wikidata
Deputado de Venezuela
Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
ConflitoBatalla de La Victoria Editar o valor en Wikidata
Familia
IrmánsConcepción María Editar o valor en Wikidata

Santiago Mariño Carige, nado en El Valle del Espíritu Santo o 25 de xullo de 1788 e finado en La Victoria o 4 de setembro de 1854, foi un militar e político venezolano, xeneral en xefe do exército venezolano e heroe da independencia de América Latina. Recibiu o título de Libertador de Oriente, por liderar a campaña que liberou o leste de Venezuela do imperio español en 1813. Tamén foi presidente de Venezuela en 1835.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Orixe e primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Naceu na cidade de El Valle del Espíritu Santo, na Illa de Margarita. Pertencente á destacada familia galega dos Mariño de Lobeira,[1] seu pai era Santiago Mariño de Lobeira Acuña, natural da provincia de Pontevedra e que fixera fortuna con varias facendas nas últimas décadas do século XVIII, ademais de ser capitán de milicias reguladas; mentres que súa nai era Atanasia Carige Fitzgerald, trinitaria de orixe irlandesa.[2] Estudou na colonia británica de Trinidad, onde seus pais se instalaron cando Mariño aínda era un neno. Con 22 anos e a raíz dos sucesos do 19 de abril de 1810, dirixiuse a Trinidad para realizar unha misión que lle encomendaba o concello de Cumaná: buscar o apoio dos ingleses á causa patriota e protestar ante o gobernador desa colonia, Thomas Hyslop, polas actividades contrarrevolucionarias de Andrés Level de Goda, o que deu inicio a un enfrontamento verbal entre el e Mariño ante a presenza de funcionarios ingleses. Level de Goda foi suspendido das súas funcións e condenado a prisión na cidade de Porto de España. Dous anos máis tarde, formou parte da expedición que, ás ordes do coronel Manuel Villapol, saíu de Cumaná coa tarefa de dominar a insurrección xurdida na provincia de Güiana. Perdida a I República, emigrou a Trinidad en compañía de varios patriotas e desde alí, tendo en conta a situación reinante en Venezuela co goberno do xefe español Domingo de Monteverde, decidiu trasladarse ao illote de Chacachacare, onde se encontraba a facenda de súa irmá Concepción Mariño.[3]

Vida política

[editar | editar a fonte]
Retrato de Santiago Mariño.

O 11 de xaneiro de 1813, xunto con 44 patriotas que emigraran con el á británica Trinidad, constituíu unha xunta na cal se discutiu e decidiu unha ofensiva para liberar o oriente de Venezuela do dominio español. A tal fin redactouse o documento coñecido como Acta de Chacachacare, asinada por Mariño na facenda da súa irmá Concepción e exercendo como secretarios Francisco Azcue, José Francisco Bermúdez, Manuel Piar e Juan Manuel Valdés. Ao día seguinte da firma da acta, Mariño, co grao de coronel, e os seus soldados, invadiron o oriente venezolano. Alí conduciu as operacións militares que no curso de seis meses deron como resultado a liberación das provincias de Barcelona e Cumaná. En febreiro de 1814 acudiu co seu exército en auxilio de Simón Bolívar, que operaba no centro e no occidente do país. O 5 de abril, despois de derrotar en Bocachica ao xefe realista José Tomás Boves, entrevistouse con Bolívar en La Victoria para discutir os plans que desenvolverían os exércitos de oriente e occidente respectivamente. Deste xeito, Mariño marchou con 2.300 homes cara a San Carlos contra o brigadier José Cevallos, que comandaba a 4.000 homes, sendo derrotado polo xefe realista. A súa seguinte acción foi a primeira batalla de Carabobo (28 de maio), na que Bolívar venceu ao mariscal de campo Juan Manuel Cajigal. De Carabobo, Mariño dirixiuse ao sitio de La Puerta onde xunto a Bolívar fixo fronte a José Tomás Boves con saldo desfavorable para os republicanos.[3]

Tras a caída da segunda república, produciuse o exilio de Simón Bolívar e Santiago Mariño en Cartaxena de Indias, Xamaica e Haití. Participou na primeira expedición de Los Cayos e ao chegar a Venezuela foi nomeado segundo do Libertador. Inspirou o Congreso de Cariaco con José Cortés de Madariaga, no que se reavivou o federalismo en Venezuela, o que provocou un enfrontamento con Bolívar que desautorizou o Congreso. Como deputado, Mariño representou á provincia de Cumaná no segundo Congreso de Venezuela, reunido en Angostura o 15 de febreiro de 1819, no que obtivo a licenza para regresar ao exército. Ese mesmo ano triunfou sobre o coronel Eugenio Arana na batalla de Cantaura e mentres Bolívar operaba en Nova Granada participou no movemento que desprazou a Francisco Antonio Zea da vicepresidencia da República. No seu lugar nomeouse o xeneral Juan Bautista Arismendi, e Mariño quedou como comandante en xefe do Exército de Oriente. Unha vez que Bolívar chegou á cidade de Angostura, Mariño foi destacado no Estado Maior. Posteriormente, o 30 de maio de 1821, foi nomeado xefe do Estado Maior do Exército Libertador, e con ese cargo loitou na batalla de Carabobo (24 de xuño). En 1824 foi nomeado presidente do Consello de Guerra de Oficiais Xerais en Caracas, que debía xulgar a conduta do xeneral de brigada Lino de Clemente na perda de Maracaibo en 1823. En 1826 o Congreso de Colombia designouno para o importante cargo de Ministro Xuíz do Tribunal Superior de Xustiza, función que non puido exercer ao estalar en Venezuela o movemento separatista de La Cosiata, do que foi un dos principais dirixentes xunto con José Antonio Páez.

O 30 de abril de 1826 estalou en Valencia dito movemento separatista, chamado tamén "revolución dos morrocoyes", que levou ao xeneral Páez ao poder, descoñecendo a constitución e rexeitando a Nova Granada e o goberno de Santander. Como Intendente e Comandante Xeral de Maturín destacou na separación de Venezuela e foi o seu representante ante os granadinos dirixidos polo Mariscal Sucre na reunión de Cúcuta de 1830. Durante o primeiro goberno de José Antonio Páez, sendo ministro de Guerra e Mariña, uniuse á Revolución Integradora de 1831.[4]

Caracas segundo Joseph Thomas en 1839.

Derrotado polo doutor José María Vargas nas eleccións presidenciais de 1835, o 8 de xullo de 1835 dirixiu a Revolución das Reformas , que tiña como obxectivos establecer o foro militar, a relixión do Estado, reivindicar o nome do Libertador Simón Bolívar e reconstruír a Gran Colombia. O 9 de xullo de 1835 o presidente Vargas e o vicepresidente Andrés Narvarte exiliáronse na illa de San Tomé.

Aínda que os membros da Xunta Revolucionaria recoñecerían ao xeneral Santiago Mariño como Xefe Supremo mentres non se promulgara a nova Constitución, os revolucionarios, no intento de manter o poder, tamén proclamaron a José Antonio Páez como Xefe Superior, e o mesmo fixo o presidente expulsado José María Vargas, cando o nomeou Xefe de Operacións, constituído en árbitro. Trala derrota da Revolución a mans de Páez. Mariño deixou o poder e foi expulsado ás Antillas. O doutor Vargas foi restituído na primeira maxistratura o 20 de agosto de 1835 e continuou como presidente da República ata abril de 1836, data na que renunciou ao cargo.

Mariño regresou en 1848 e o presidente da República, José Tadeo Monagas, encomendoulle a dirección do exército para facer fronte á sublevación do xeneral Páez, tras os acontecementos do 24 de xaneiro de 1848, que provocaron o asalto ao Congreso de Monagas. Anos máis tarde, en 1853, foi enviado a prisión pola súa participación na chamada Revolución de Maio, que estalou a noite do 24 ao 25 de maio dese ano. Os últimos días da súa existencia transcorreron en La Victoria, retirado das actividades públicas e políticas. Os seus restos repousan no Panteón Nacional de Venezuela desde o 29 de xaneiro de 1877.

Algúns historiadores consideran que parte da fama e prestixio histórico que ostenta Simón Bolívar débese ao fiel traballo de Mariño, sendo este quen propiciou diversas vitorias e xestas da independencia. O propio Bolívar recoñeceu en máis dunha ocasión a relevancia de Mariño para Venezuela. Como moitas personaxes da historia de Venezuela, estivo vinculado á masonaría, sendo membro desta orde no grao 33.[5]

Vida familiar

[editar | editar a fonte]
Estatua de Santiago Mariño no Panteón Nacional de Venezuela .

Santiago Mariño casou dúas veces, a primeira con Ana Teresa Malpica Hidalgo e a segunda con Rafaela Linero y Campo, natural da cidade de Tunja. TIvo dous fillos coa primeira delas (Santiago e Eusebio Mariño Malpica) e tres coa segunda (Leonídas, Pablo e Luisa Mariño Linero).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
  1. Lage Seara, Antonio (3 de xaneiro de 2023). "Los Mariño, descendientes de una sirena de la isla de Sálvora". Mundiario (en castelán). Consultado o 26 de novembro de 2024. 
  2. "Raíces familiares del general Mariño". banesco.com (en castelán). Consultado o 26 de novembro de 2024. 
  3. 3,0 3,1 "Santiago Mariño". venezuelatuya.com. Consultado o 18 de abril de 2007. 
  4. Arráiz Lucca, Rafael (18 de xullo de 2021). "Santiago Mariño y las sombras de Bolívar y Páez (y II Parte)" (en castelán). Consultado o 26 de novembro de 2024. 
  5. "Mariño, Santiago". fundacionempresaspolar.org (en castelán). Consultado o 26 de novembro de 2024.