Tā moko é un debuxo permanente no corpo e na face dos maorís, o pobo indíxena de Nova Zelandia. É diferente da tatuaxe tradicional, xa que se corta a pel cun uhi [1] (cicel) no canto de perforarse. Isto deixa a pel cunha fenda en lugar dunha superficie lisa.[Nota 1]
O capitán James Cook escribiu en 1769:
As marcas son en xeral espirais debuxadas con gran sutileza e mesmo elegancia. Un lado correspóndese co outro. As marcas no corpo semellan follaxe que forma ornamentos, xiros de filigranas traballadas, pero nelas hai tal diversidade de formas que, aínda que ao comezo parecía que había unhas exactamente iguais, o certo é que non hai dúas iguais despois de facer un exame minucioso.[3][4]
Os tohunga-tā-moko (ou tatuadores)[Nota 2] considéranse tapu ou, excepcionalmente, inviolábeis e sagrados.[5]
A utilización tradicional destas marcas tiña un significado, por exemplo: a folla do fento de dobre cara adoita indicar que quen leva a marca é un guerreiro.[6]
Unha explicación menos histórica da orixe da tatuaxe maorí pódese atopar nunha lenda local que suxire que o tā moko provén do mundo subterráneo. A lenda di que había un guerreiro chamado Mataora (que significa "cara da vitalidade"), que namorou da princesa Niwareka, do clan Turehu (espíritos) que vivía no mundo subterráneo, o mundo dos espíritos chamado Rarohenga.
Un día, Niwareka subiu ao mundo da superficie (en maorí Te Ao Tūroa, mundo natural) cun grupo de baile e coñeceu a Mataora. Este ficou abraiado por Niwareka e quíxoa como esposa. Casaron e viviron xuntos durante un tempo. Un día, Mataroa púxose celoso e, enfadado, golpeou a súa dona. Niwareka fuxiu inmediatamente para unirse co seu pai, Uetonga, en Rarohenga. Consumido pola culpa e a dor, Mataora cubriu a cara cunha pintura e foi na procura da súa muller no mundo subterráneo para intentar gañar o seu perdón. A súa viaxe foi longa a chea de dificultades e atrancos. Ao chegar, Mataora foi ver a Uetonga, o pai de Niwareka, que estaba tatuando unha persoa. Descubriu que a tatuaxe se facía mediante cortes na pel, e que non era un simple marcado nesta. Uetonga díxolle que era a súa forma de tatuaxe no mundo subterráneo e estendeu a súa man para limpar todos os deseños da face de Mataora para demostrarlle a inutilidade dunha tatuaxe temporal. Todos comezaron a rir ao ver os debuxos esborranchados. Mataora dixo, "arruinaches a miña tatuaxe, agora debes facerma de novo correctamente". A dor do proceso era case insoportábel e, como consecuencia, Mataora comezou a cantarlle a Niwareka, que se compadeceu del polo seu sufrimento e recibiuno con bágoas. Cando curou o seu tā moko, Mataora preguntoulle a Niwareka se quería volver con el á superficie. Prometeulle a Uetonga que non volvería mancar á súa filla, como o tā moko que agora levaba e que non se borraba. Ela aceptou e, antes de volver á superficie, o pai de Niwareka, o rei do mundo subterráneo, ensinoulle a arte do tā moko a Mataora como agasallo de despedida. Mataora levou estas habilidades ao seu pobo e así foi como os maorís chegaron a ter o seu propio tipo de tatuaxe.[2][7][8]
Dise que Mataora desenvolveu o tā moko en Po-ririta, un whare-tuahi (casa de ensino de artes). O seu primeiro intento de facer un tā moko foi a un home chamado Tū-tangata, pero non tivo éxito e o tatuado pasou a ser coñecido como Tū-tangata-kino (Tū-tangata o feo). Non obstante, Mataora perseverou e pola súa obra chegou a estenderse a súa fama. Os deseños que aplicaba son os que lle fixeran en Rarohenga. Estes inclúen a pōngiangia (deseño nas fosas nasais), pīhere (na boca), ngū (no nariz) e tīwhana (nas cellas). Outros deseños de tā moko tamén se desenvolveron a través do whakairo (talla en madeira).[2]
A arte da tatuaxe é común no leste da Polinesia, na terra natal dos maorís, e os instrumentos e métodos utilizados son semellantes aos utilizados noutras partes de Polinesia.[9]
Na cultura maorí pre-europea (período clásico), a maioría das persoas de alto rango, recibían o tā moko, e as que non, eran vistas como persoas de condición social máis baixa. A recepción do tā moko constituía un fito importante entre a infancia e a idade adulta, e acompañábase con moitos ritos e rituais.
Ademais de sinalar o status social e o rango, outra razón para a práctica da tatuaxe durante o período clásico era facer que unha persoa fose máis atractiva para o sexo oposto. En xeral, os homes facían tatuaxes no seu rostro, nas nádegas (raperape) e nas coxas (puhoro). As mulleres adoitaban tatuarse os beizos (kauwae) e o queixo. Coñécense outras partes do corpo que tiñan tatuaxes, como a testa, as nádegas, as coxas, o pescozo e as costas das mulleres, así como o ventre e a barriga da perna dos homes.
A práctica dos pākehā (non-maorí ou neozelandés descendente de europeos) da recollida e o comercio de mokomokai (cabezas tatuadas) cambiou a dinámica do tā moko dende comezos do período colonial. Michael King fala dos cambios que se desenvolveron a finais do século XIX, cando as agullas substituíron os uhi (ciceis) como ferramentas principais. Este era un método máis rápido, menos propenso a posíbeis riscos para a saúde e suavizaba a dor producida pola realización do tā moko.
O tā moko en homes cesou arredor da década de 1860, en liña co cambio da moda e a aceptación por parte dos pākehā. As mulleres seguiron recibindo o tā moko a principios do século XX; [10] Michael King entrevistou a principios de 1970 a máis de 70 mulleres de idade avanzada que recibiran o tā moko.[11] Tradicionalmente, as mulleres só se tatuaban os beizos,[12] arredor do queixo e ás veces as fosas nasais.[13]
Dende 1990 houbo un rexurdimento na práctica do tā moko tanto en homes como en mulleres, como un signo de identidade cultural e un reflexo da reactivación da lingua e a cultura maorí. A maioría dos tā moko aplicados actualmente realízanse cunha máquina de tatuar, pero tamén houbo un renacer do uso do uhi (cicel).[14] As mulleres tamén se involucraron moito como profesionais, como Christine Harvey nas illas Chatham, Henriata Nicolau en Rotorua e Julie Kipa en Whakatāne.
No ano 2000 estableceuse o The Uhi a Mataora, "para preservar, mellorar e desenvolver o tā moko como unha arte viva".[15] En 2019, Oriini Kaipara foi a primeira muller maorí en presentar o telexornal cun moko kauae tā moko,[16][17] e en 2021 converteuse na primeira muller en facelo presentando a edición de telexornal máis importante de Nova Zelandia.[18]
A contorna de Nova Zelandia, coas súas variedades de árbores descoñecidas noutras partes de Polinesia, influíron sen dúbida na aparición de novos deseños e novas tecnoloxías no tā moko.
Orixinalmente, os tohunga-tā-moko (os tatuadores de tā moko) utilizaban un uhi (cicel) feito de óso de albatros, que se golpeaba cun mazo.[19]
Os pigmentos fabricábanse a partir do fungo Ophiocordyceps sinensis para a cor do corpo, e ngarehu (madeira queimada) para escurecer a cara. A feluxe de kauri grum queimado tamén se mestura con graxa para facer pigmentos.[20] A introdución de armas de fogo polos europeos permitiu aos maorís utilizar a pólvora para facer pigmentos, e isto deulle unha tintura azul á pel tatuada. Co tempo, chegou a estar dispoñíbel a tinta chinesa, e algúns tohunga-tā-moko combinaron esta tinta con materiais tradicionais.[2] Os pigmentos almacenábanse en recipientes adornados chamados oko, que adoitaban soterrarse cando non se utilizaban. Un oko pasábase de xeración en xeración.
Utilizábase o kōrere (funil) para alimentar os homes que tiñan a boca inflamada por recibir o tā moko.[21]
Os homes eran predominantemente os especialistas do tā moko, aínda que Michael King rexistrou un número de mulleres que durante o século XX tamén o practicaban.
Nomenclatura das zonas do tā moko:[22]
A partir de Moehanga en 1805,[Nota 3][24] e posteriormente con Hongi Hika e Te Pehi Kupe,[25] e seguido por varios pākehā maorís como Barnet Burns, os europeos comezaron a coñecer o tā moko, pero non foi até relativamente pouco tempo que a técnica tivo impacto global.
Porén, nos últimos anos, o uso de deseños maorís por Robbie Williams e Ben Harper, e en 2007 polo deseñador de moda Jean-Paul Gaultier nun desfile de moda, creou polémica.[26][27][28] Os maorís non o toman á lixeira porque consideran sagrado o tā moko, e esta é a razón pola que a apropiación indebida polos non maorís é vista como unha ofensa grave.[29][30] Para conciliar a demanda dos deseños maorís dun xeito culturalmente sensíbel, o grupo Te Uhi a Mataora promove o uso do termo kirituhi, que actualmente gañou unha ampla acceptación:[31][32][33]
... "kirituhi" tradúcese literalmente como "pel debuxada". A diferenza do "tā moko", que require un proceso de consentimento, a xenealoxía e a información histórica, o "kirituhi" non é máis que un deseño cun sabor maorí que se pode aplicar en calquera lugar e por calquera motivo[34]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tā moko |