Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2015.) |
Valentín Fuster Carulla, nado en Barcelona o 20 de xaneiro de 1943, marqués de Fuster, foi un cardiólogo español, cun labor investigador centrado nas enfermidades coronarias. Publicou numerosos libros e artigos para prestixiosas revistas científicas en todo o mundo, ademais de traballar en importantes hospitais de distintas partes do globo.
Fillo e neto de médicos, estudou os primeiros niveis de educación nos xesuítas da súa cidade natal, e pasou logo á Universidade a cursar medicina, onde se licenciou e obtivo o doutoramento en 1967. Pasou dous anos coma interno no Hospital Clínico de Barcelona, ata que foi subvencionado pola Fundación Juan March para marchar a Escocia a ampliar a súa formación. Logo, nos anos 70, marchou para Estados Unidos, onde traballou na Escola Médica Mayo de Minnesota durante dez anos, foi profesor do Hospital Monte Sinaí de Nova York dende 1982 e realizou labores docentes na Escola Médica de Harvard en Boston, onde foi catedrático desde 1991 ata 1994, nese mesmo ano foi nomeado director do Instituto Cardiovascular do Hospital Monte Sinaí, cargo que compaxina dende 2012 co de Physician-in-Chief do Hospital.
Coma científico, o doutor foi nomeado Doutor Honoris Causa de trinta e tres universidades de prestixio e recibido tres bolsas das máis importantes do NIH (National Institutes of Health). Publicou máis de novecentos artigos científicos en revistas médicas de ámbito internacional, e dous dos libros máis prestixiosos adicados á cardioloxía clínica e de investigación: The Heart e Atherothrombosis and Coronary Artery Disease. Tamén foi nomeado Editor Xefe da prestixiosa revista Nature Reviews in Cardiology. As súas investigacións sobre a orixe dos accidentes cardiovasculares, que contribuíron a mellorala prevención e o tratamento dos infartos déronlle en 1996 o Premio Príncipe de Asturias de Investigación. Cabe destacar que o Dr. Fuster é o único cardiólogo que recibiu os máximos galardones de investigación das catro principais organizacións internacionais de Cardioloxía: a Asociación Americana do Corazón, o Colexio Americano de Cardioloxía, a Sociedade Europea de Cardioloxía e a Sociedade Interamericana de Cardioloxía. En xuño de 2011 foi galardoado co Gran Premio Científico do Instituto de Francia, considerado o máis importante da cardioloxía, pola súa investigación translacional da enfermidade aterotrombótica. En 2013 foi nomeado editor xefe do Journal of the American College of Cardiology, a principal fonte nacional de información clínica na área da medicina cardiovascular.