O Óbolo de San Pedro (en latín: denarius Sancti Petri) é a doazón que fai cada diocese e os fieis cristiáns católicos de todo o mundo ao Papa. Trátase dunha colecta efectuada cada ano na Xornada Mundial da Caridade do Papa, o 29 de xuño ou o domingo máis próximo á solemnidade de San Pedro e San Paulo.[1][2][3][4]
A partir do século VIII foi unha contribución achegada desde Inglaterra para a Santa Sé. O seu nacemento nos reinos anglosaxóns, co nome de Peter's Pence ou tamén Romescot, ten a súa base en varios costumes anteriores, aínda que se dá como inicio da tradición a contribución anual comezada en 787 por Offa, rei de Mercia, en expiación do asasinato de Ethelbert de Wessex, cometido pola súa esposa. Esta institución primixenia foi abolida baixo o reinado de Henrique VIII, en 1534.[5][6]
O Óbolo de San Pedro da Idade Moderna naceu en 1860, pola iniciativa de fieis católicos, inicialmente ingleses e posteriormente tamén belgas, franceses e austríacos, que comezaron a enviar á Santa Sé, a través dos nuncios apostólicos, fondos para axuda ao papado, nuns momentos en que as súas finanzas se atopaban moi seriamente resentidas polo Risorgimento italiano e pola perda progresiva dos Estados Pontificios. O que naceu como un costume, acabou por institucionalizarse, ao ser recoñecido por Pío IX o 5 de agosto de 1871, mediante a encíclica Sæpe venerabilis. [7]
En 1876, Pío IX nomeou o cardeal Secretario de Estado como administrador destes ingresos.[Cómpre referencia]
Porén, ata o Tratado de Letrán, a xestión do Óbolo de San Pedro foi relativamente pouco rigorosa, xa que o papa utilizaba unha parte deste diñeiro a título persoal e os administradores dos fondos variaban constantemente. En 1880, León XIII engadiu á figura do Secretario de Estado unha comisión de cardeais. En 1891, o bispo Flochi, o seu secretario, viuse obrigado a renunciar como resultado da súa arriscada. Pío X, pola súa parte, intentou pór orde unificando a administración do patrimonio e a das finanzas na figura dun novo Secretario de Estado. Finalmente, en 1942, a xestión do Óbolo de San Pedro pasou a depender do Instituto para as Obras de Relixión (IOR), que fora creado en 1887 para recadar doazóns e legados ás asociacións relixiosas, e restaurado por Pío XII.
Ata o pontificado de Xoán Paulo II descoñécense as cantidades recibidas en concepto do Óbolo de San Pedro. En 1981, fíxose público que ese ano ascendeu a 30 millóns de liras. En 1992, ascendera a 240 millóns de liras e en 2004 a máis de 51 millóns de dólares. En 2011, a cantidade foi de 67,7 millóns de dólares.[8] En 2013 alcanzáronse os 78 millóns de dólares.[9]
En 2015, segundo investigacións de dous xornalistas italianos, demostrouse que a metade das doazóns dos fieis (é dicir, 400 millóns de euros) non se destinaban a fins benéficos senón que financiaban, en realidade, gastos suntuarios dalgúns cardeais. Segundo estes xornalistas, 200.000 euros foron desviados dunha fundación pertencente ao hospital católico do Neno Xesús para financiar a renovación do apartamento de 700 m2 do cardeal Tarcisio Bertone, antigo Secretario de Estado da Santa Sé.[10][11]
Sobre esta doazón, dixo o papa Bieito XVI: "o Óbolo de San Pedro é a expresión máis típica da participación de todos os fieis nas iniciativas do bispo de Roma en beneficio da Igrexa universal. É un xesto que non só ten valor práctico, senón tamén unha gran forza simbólica, como signo de comuñón co Papa e de solicitude polas necesidades dos irmáns; e por iso o voso servizo posúe un valor moi eclesial".[12]
Nun documento aos bispos do ano 2004, lémbraselles o coidado que deben ter en manter esta achega: "o bispo non descoide tampouco a particular colecta denominada Óbolo de San Pedro, destinada a facer posible que a Igrexa de Roma poida cumprir validamente o seu oficio de presidencia na caridade universal".[13]