Biografía | |
---|---|
Nacemento | 20 de abril de 1923 Alquízar, Cuba |
Morte | 13 de setembro de 1998 (75 anos) A Habana, Cuba |
Educación | Universidade da Habana |
Actividade | |
Ocupación | antropólogo, político, xeógrafo, historiador, fotógrafo |
Partido político | Partido Comunista de Cuba |
Membro de | |
Premios | |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Нуньес Хименес Антонио) Enciclopedia soviética armenia Georgian Soviet Encyclopedia (en) , (vol:7, p.487) |
Antonio Núñez Jiménez, nado o 20 de abril de 1923 en Alquízar, antiga provincia da Habana, e finado o 13 de setembro de 1998 na Habana foi un científico, revolucionario e político cubano.
A nivel puramente académico obtivo o grado de Doutor en Filosofía e Letras en 1951 pola Universidade da Habana, en Ciencias Xeográficas pola Universidade de Lomonosov de Moscova en 1960. Sendo fundador da Sociedade Espeleolóxica de Cuba en 1940.
Tamén ten unha ampla traxectoria como explorador, participando en varias expedicións, como ao Polo Norte en 1972, á Antártida en 1982 ou as exploracións que desenvolveu pola Cordilleira dos Andes dende Perú ata Venezuela. Tamén dirixiu a expedición En canoa do Amazonas ao Caribe (1987-1988), na que se percorreron vinte países das concas do Amazonas e do Orinoco e o Mar das Antillas. A maiores levou a cabo investigacións xeográficas na China, África, Illas Galápagos ou a Illa de Pascua.
Foi fundador e presidente da Academia das Ciencias de Cuba entre 1962 e 1972. Tamén foi presidente da Sociedade Espeleolóxica de Cuba, da Comisión Nacional de Monumentos, do Centro de Estudos de Arte Rupestre de América Latina e do Caribe, da Sociedade Cubana de Xeografía e da Fundación da Natureza e o Home.
Foi respectado academicamente tanto en Cuba coma no estranxeiro, recibindo máis de 95 condecoracións e 180 diplomas. En 1995 recibiu o diploma de Cuarto descubridor de Cuba e recoñecido como Membro de mérito da Academia das Ciencias de Cuba e como Doutor Honoris Causa en Ciencias Xeográficas da Universidade da Habana.
Combateu na Guerra de Liberación de Cuba que levou ao triunfo á Revolución Cubana baixo as ordes de Ernesto Che Guevara, chegando ao grado de Capitán. No Goberno Revolucionario ocupou diversos e importantes postos da administración, coma Director do Instituto Nacional da Reforma Agraria (1959-1962), Xefe de Artillaría (1960-1962), Embaixador de Cuba no Perú (1972-1978), Viceministro de Cultura (1978-1989) ou Deputado da Asemblea Nacional (1976-1993). Tamén foi membro fundador do Partido Comunista de Cuba.
Ao longo da súa vida publicou máis de 190 libros e folletos e 1665 artigos, así coma documentais e entrevistas para o cine e a televisión, sendo Nuestra América (Edicións Pueblo y Educación, 1992) unha das súas obras con máis repercusión.