Desde o ano 1907 regresou habitualmente a Galicia para participar no movemento agrario, facéndoo de forma directa na fundación de sindicatos agrarios na Estrada e noutros puntos de Galicia.[18] No ano 1910 trasladou a súa residencia habitual a Galicia, onde actuou de profesor axudante de Armando Cotarelo Valledor,[11] adscribíndose politicamente ó xaimismo e sendo elixido secretario da Xunta Tradicionalista de Santiago de Compostela.
Segundo Pedrayo: Lousada era un señorito de pazo, moi relixioso, moi tradicional, culto, carlista…[4]
En 1911 marchou de novo a Madrid para preparar oposicións a unha cátedra universitaria de Teoría da Literatura e das Artes, ao non conseguila optou polo ensino secundario.[11] No ano 1913 gañou unha cátedra de instituto con destino en Santa Cruz de Tenerife, Canarias, que conseguiu permutar por outra en Toledo, que ocupa durante o curso 1913/1914, e que, ao curso seguinte, permutou para o instituto de Ourense,[20] ocupando a cátedra de Psicoloxía, Lóxica, Ética e Rudimentos de Dereito.[11] Nesta cidade fixo amizade cos homes do cenáculo de Vicente Risco e aproveitou para rematar os seus estudos de dereito en Santiago, onde coñeceu a Luís Porteiro Garea. O 25 de xuño de 1915 casou con Albina Espinosa Cervela (filla de Laurentino Espinosa Valladares e sobriña neta de Marcial Valladares e Avelina Valladares), coa que tivo o primeiro fillo, Antón. Albina finou o 17 de decembro do 1916 a causa do tifo.[21] A partir de 1916 foi arredando do xaimismo ao tempo que comezou a gabar o rexionalismo catalán.
O ano 1917 vai ser fundamental na traxectoria política de Losada xa que ingresa nas Irmandades da Fala, o 17 de outubro escribiu a Porteiro solicitándolle información e o 30 de outubro xa estaba integrado na Irmandade. Renova a Irmandade de Ourense que estaba en mans de sectores rexionalistas sen case actividade pública e consegue atraer a Vicente Risco e ao núcleo que participaba en La Centuria, o que vai ser fundamental para o desenvolvemento do galeguismo e que vai dar orixe á Xeración Nós. Ademais nese ano viaxa a Barcelona cunha delegación das Irmandades para celebrar unha Semana Galega e entrar en contacto coa Lliga Regionalista, e á súa volta a Ourense é o encargado de recibir a Francesc Cambó,[22] e vai ser o encargado xunto a Rodrigo Sanz e Luís Porteiro de organizar as candidaturas galeguistas na provincia de Ourense para as eleccións xerais de 1918, coligado cos mauristas de José Calvo Sotelo.
Porteiro presentouse por Celanova e Losada polo distrito electoral da Estrada,[23] competindo cos riestristas.[22] A derrota electoral provocou unha desmoralización no seo das Irmandades e Losada vai concentrar os seus esforzos en consolidar o grupo. Para iso escribiu arreo na prensa. Sobre todo en El Emigrado, La Región, O Tío Marcos d'a Portela, A Nosa Terra, El Estradense e Alborada apareceron os seus escritos en galego, sen esquecer o seu labor como propagandista católico en Pontevedra como presidente da Acción Católica e do Círculo de Obreiros Católicos locais e impulsor dos tímidos intentos para introducir o galego na liturxia. Losada estaba dobremente obsesionado por galeguizar a Igrexa e cristianizar o galeguismo.[11] El mesmo traduciu a Salve a esta lingua.[24] O 17 e 18 de novembro de 1918 presidiu a I Asemblea Nacionalista, no teatro Lugo-Salón da Rúa Aguirre.[25]
Losada Diéguez foi a semente da Xeración Nós. A Xeración Nós nace por iso, porque houbo un Losada Diéguez que deitou a súa semente nuns homes extraordinarios que providencialmente aparecen en Ourense nesa época e entón esa semente fructifica e dá lugar á Xeración Nós, á revista Nós, ao Seminario de Estudos Galegos, a toda aquela renacencia extraordinaria da cultura galega.[27]
O 31 de decembro de 1920 casou no oratorio da casa de Vilancosta, en segundas nupcias, con Mercedes Espinosa Cervela (irmá da primeira muller) coa que tería seis fillos máis.[21] En 1922, trala escisión producida na IV Asemblea Nacionalista de Monforte de Lemos, acompañou a Risco na formación da Irmandade Nazonalista Galega e foi o seu Conselleiro de Espallamento durante un ano,[11] fracasando nos seus intentos de reunificar o galeguismo.[18] Ese mesmo ano, na casa de Losada fanse as primeiras xuntanzas para a creación do diario vigués Galicia, do que o primeiro número saíu o 25 de xullo. O 12 de maio de 1924 ingresou no Seminario de Estudos Galegos co discurso "Encol da prosa galega", lido nos locais da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago.[16] Losada fíase das promesas de Calvo Sotelo e colabora nun primeiro momento coa ditadura de Primo de Rivera tomando posesión como vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra, e como tal participou nos intentos de establecer unha Mancomunidade de Galicia que quedará en nada e provocará que Losada presente a dimisión en marzo de 1925.[28] Como recordo do seu labor na Deputación quedará o establecemento do Museo de Pontevedra grazas ás súas xestións.[20][29]
Durante o resto da ditadura dedicarase a actividades culturais[11] como presidente fundador da Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra (dende 1925) e do Eiriña Club de Fútbol, como tesoureiro da Misión Biolóxica de Galicia, ao seu traballo no seo do Seminario de Estudos Galegos e a colaboración con Acción, Órgano de la Juventud Católica, publicado dende 1928,[11] pero sen esquecer os desexos de autonomía de Galicia como proba o relatorio sobre goberno rexional, que presenta no Primeiro Congreso de Economía de Galicia. Foi membro correspondente da Real Academia Galega dende o 22 de maio de 1928.
A súa morte prematura, antes de cumprir os corenta e cinco anos, aconteceu en Pontevedra no outono de 1929 e os seus restos descansan na capela familiar na igrexa de San Mamede de Moldes. Deixou viúva e seis orfos,[31] máis un sétimo, póstumo, que finaría aos catro meses de nacer.[21]
“
Caeu o loitador esgrevio como n´outrora caeu Porteiro, almas xemelas ambas no ideal que as guiaba cuias voces soaron unísoas cando o despertar arelante do sentimento galeguista. Necrolóxica en El Emigrado, 31/10/1929.[32]
Dende que entrou nas Irmandades ata a súa morte coñécenselle media ducia de poesías (entre orixinais e traducións ó galego), sete contos curtos, un fragmento de comedia inacabada, dous artigos sobre arte, unha incursión parafilosófica,[33] dous discursos, incluíndo o de ingreso no Seminario de Estudos Galegos,[16] e doce artigos máis ou menos políticos e case todos breves. Porén, na publicación en 1985 da Obra Completa (657 páxinas), o material recollido suma 119 textos.[13]
Losada foi unha das figuras máis relevantes dos tempos primeirizos do nacionalismo galego.[34]
Divididos en catro temáticas e, dentro destas, por orde cronolóxica, os títulos son:[35]
En castelán: Simbólica e ideas filosóficas contenidas en "La vida es sueño": drama en tres jornadas y en verso de D. Pedro Calderón de la Barca, tese, 1910.
En castelán: "La universalidad de la obra artística", manuscrito, 16/2/1911.[35]
En castelán: "Un artista", probablemente en La Voz del Miño, 1912.
En castelán: "Sobre las poesías de Antonio Valcarcel".
"Manolo Quiroga", O Tio Marcos d'a Portela, 21/6/1918.
"Encol da prosa galega",[16] discurso de ingreso no SEG o 12 de maio de 1924.
En castelán: "Los Orfeones y la Coral Polifónica".
Lembradevos ben, con todo, agrarios galegos, que sodes fillos de Galicia, qu'a nosa vida d'o campo, os nosos cultivos, os edios, monte y-augas nosas son d'a terra nosa e teñen un carauter seu que non se pode confundire, nin se deben estudiar sinón como tales asuntos galegos caraiterísticos y-enxebres. "Os camiños d'o agrarismo galego", 1919.[42]
A domeadora, Nós 71, 1929. Obra teatral incompleta.[46] Reeditada en 1985[50] e 2005.[51]
“
Y-âs veces tremo, e sinto a dôr na y-alma diant'os homes que lixan a Natureza y-esborrallan o feitizo das cousas. Pensamento dunha vella cega. A Domeadora, 1929.[52]
En 1984, co gallo do centenario do nacemento, o concello do Carballiño instalou un monólito e editou un libro. Ao ano seguinte dedicóuselle o Día das Letras Galegas; creouse o Premio Antón Losada Diéguez; editouse a súa Obra completa, unha antoloxía a cargo da USC e unha escolma editada por Filgueira Valverde.
O Concello da Estrada declarou o 2005 como Ano Cultural Antón Losada Diéguez,[60] inaugurando unha estatua no Paseo da Cultura e en 2006 constituíuse a Fundación Antón Losada Diéguez, que foi declarada de interese cultural[61] e interese galego[62] en 2008.
↑Míguez (2011). Historia breve de Galicia(en castelán). p. 181. ISBN 978-84-7737-507-4. Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2016. Consultado o 17 de xaneiro de 2016.|archiveurl= e |url-arquivo= redundantes (Axuda); |archivedate= e |data-arquivo= redundantes (Axuda); |deadurl= e |url-morta= redundantes (Axuda); |accessdate= e |data-acceso= redundantes (Axuda)