Caspian

Caspian
OrixeBeverly, Massachusetts,
Período2003 - presente
Xénero(s)post-rock, rock instrumental, post-metal
Selo(s) discográfico(s)Dopamine, Radar, The Mylene Sheath, Make My Day Records, Triple Crown Records, Hobbledehoy Record Co., Big Scary Monsters
MembrosPhilip Jamieson
Calvin Joss
Justin Forrest
Erin Burke-Moran
Jonny Ashburn
Jani Zubkovs
Antigos membrosChris Friedrich
Jon McMahan
Joe Vickers
Na rede
caspian.band
Facebook: CaspianTheBand Twitter: caspian Instagram: caspianofficial MySpace: caspiantheband Bandcamp: caspianthebandSouncloud: caspian_music Spotify: 4SXj7TVoA3bgfR8AVssACa Last fm: Caspian Musicbrainz: f8a5d80c-a6b7-414c-9482-c5d710171622 Songkick: 508722 Discogs: 579714 Allmusic: mn0000347316 Deezer: 277616 Editar o valor en Wikidata

Caspian é unha banda estadounidense de post-rock procedente de Beverly, Massachusetts, e formada no outono do ano 2003. O seu estilo foi comparado co do muro de son caótico de Mogwai ou cos principios de Aereogramme. Ata a data leva publicados catro álbums de estudio: The Four Trees (2007), Tertia (2009), Waking Season (2012) e Dust and Disquiet (2015).[1]

Formación

[editar | editar a fonte]

Caspian formouse no outono do ano 2003 en Beverly, Massachusetts, desenvolvendo material durante o primeiro ano da súa existencia, gravando unha demo en maio de 2004 e realizando pequenos concertos a finais de 2004 e principios de 2005, entre eles unha actuación como abreconcertos para a banda xaponesa de post-rock Mono.[2] O seu primeiro concerto foi o día 26 de agosto de 2004 en The Pickled Onion en Beverly, Massachusetts. Nese tempo o grupo aínda non escollera nome e estaba buscando un vocalista.

You Are The Conductor

[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 2005 a banda fichou por Dopamine Records, publicando o seu EP de estrea, You Are the Conductor, no mes de novembro dese mesmo ano.[3] En xaneiro de 2006 Caspian realizou a súa primeira xira polo nordés dos Estados Unidos, facendo catro concertos en Nova York, Washington, D.C. e Pittsburgh. En abril e maio de 2006 a banda iniciou a súa primeira xira por todo o país, chegando á costa oeste. En setembro publicouse unha edición limitada do EP coincidindo coa súa segunda xira polos Estados Unidos.

The Four Trees

[editar | editar a fonte]

Durante o ano 2006 a banda compuxo material para o seu álbum de estrea. O disco foi gravado no mes de agosto con Ethan Dussault nos renovados estudios New Alliance Audio en Cambridge, Massachusetts. O traballo foi editado por Dopamine Records o 10 de abril de 2007 co título The Four Trees. En Europa o álbum foi reeditado por Make My Day Records en xullo de 2008.[4] Posteriormente nese ano Caspian gravou un 7" compartido coa banda de Massachusetts Constants.[5]

Caspian comezou unha xira de tres meses de costa a costa nos Estados Unidos para promocionar o seu primeiro disco. O guitarrista fundador Calvin Joss non puido realizar a xira e Erin Burke-Moran, de The Fly-Agaris Sky, foi recrutado inicialmente para xirar no lugar de Joss, convertendose finalmente nun membro permanente da banda.

Oficialmente xa como un quinteto, Caspian publicou o seu segundo álbum, titulado Tertia. O disco publicouse en Europa o 7 de agosto de 2009 e nos Estados Unidos o 15 de setembro. Caspian gravou novamente o disco en New Alliance Audio con Ethan Dussault.

Para a promoción do álbum Caspian incorporou ao guitarrista de Washington, D.C. Jonny Ashburn e ao baixista de Austin, Texas, Jon McMahant. A banda realizou dúas grandes xiras europeas (no outono de 2009 e na primavera de 2010)[6] e unha xira de dous meses por Norteamérica (entre marzo e abril de 2010)[7] que incluíu actuacións como abreconcertos para Red Sparowes e Fang Island. En xullo de 2010 o grupo ralizou os seus primeiros concertos na China, o día 16 no Hidden Agenda Live House e o 17 no Qiangyuan Music Festival.

A banda xirou polos Estados Unidos en setembro e outubro. O seu concerto do 22 de outubro no Old South Church de Boston foi gravado e as partes máis destacadas publicáronse nun EP titulado Live at the Old South Church en xaneiro de 2012. A xira continuou en Europa en novembro e decembro xunto con God is an Astronaut. Só en 2010 a banda realizou preto de 150 concertos en 33 países de 3 continentes. Caspian realizou o seu derradeiro concerto dese ano no Middle East Downstairs de Cambridge como parte da serie "Last Night on Earth", ao lado dos grupos Constants, Irepress e Moving Mountains.[8]

Waking Season

[editar | editar a fonte]

Caspian tocou no SXSW Music Festival de 2011 en Austin, Texas e realizou unha xira de 8 días por Europa en abril dese ano visitando Rusia, Alemaña, Polonia e os Países Baixos, e realizando unha actuación como cabeza de cartel no Dunk! Festival en Zottegem, Bélxica.[9]

Durante o verán de 2011 Caspian centrouse exclusivamente en compoñer material novo. A banda contratou os servizos de Matt Bayles para gravar, coporoducir e mesturar o seu novo disco. O traballo gravouse en tres semanas nos Q Division Studios en Somerville, Massachusetts no mes de xaneiro de 2012. En febreiro a banda realizou gravacións adicionais nos Radar Studios de Clinton, Connecticut. Finalmente o álbum foi mesturado en 10 días nos Red Room Studios de Seattle por Matt Baylese a banda en maio. O 9 de xullo de 2012 a banda anunciou que o título do álbum sería Waking Season e posteriormente confirmouse que a data de lanzamento sería o 21 de setembro.[10] Unha semana antes da edición nos Estados Unidos o disco puido escoitarse en Spin.com, que dixo que era "o álbum de post-rock do ano".[11]

A banda realizou un feixe de concertos antes de iniciar unha xira de 16 datas co apoio de Minus the Bear e Cursive. Tras rematar estes concertos Caspian realizou unha xira por Europa entre o 10 de outubro e o 20 de novembro e outra nos Estados Unidos entre febreiro e marzo de 2013 ao lado de Junius e Native.

O 26 de maio a banda abriu o segundo día do primeiro Boston Calling Music Festival no Boston City Hall Plaza,[12] sendo a primeira vez que realizaba un concerto como sexteto. O 28 de agosto a banda anunciou a través de Facebook a morte do baixista Chris Friedrich aos 32 anos de idade.[13]

Caspian na sala O Tunel da Coruña en 2014.

No mes de outubro de 2013 Caspian fai abriconcertos de HIM nunha xira europea e posteriormente o grupo regresou aos EStados Unidos para unha serie de concertos ao lado de 65daysofstatic. Durante esta xira a banda anunciou o lanzamento dun novo EP, titulado Hymn For The Greatest Generation, con tres novas cancións, unha demo e dúas remesturas de temas do Waking Season. Pitchfork puxo en streaming a canción título o 9 de outubro de 2013,[14] e o lanzamento do EP foi o día 11 de novembro.[15] "Hymn For The Greatest Generation" é a última gravación na que aparece Chris Friedrich.

O álbum Waking Season foi posteriormente editado en Australia e Nova Zelandia a través do selo Hobbledehoy Record Co. en xaneiro de 2014.[16] No mes de marzo Caspian comezou unha xira de 14 concertos por Asia e Australia, tocando en Filipinas, Singapur, China e Taiwán. No verán a banda realizou unha xira por Europa ue incluíu o seu primeiro concerto na Galiza, o día 14 de xuño na sala O Tunel da Coruña como parte do Mareira Club ao lado dos grupos Lehnen, Syberia, El Páramo e La Hydra.[17]

Dust and Disquiet

[editar | editar a fonte]

En xuño de 2015 Caspian lanzou un vídeo dun concerto polo seu 10º aniversario, Live From the Larcom, gravado no histórico Larcom Theatre da súa cidade natal de Beverly, Massachusetts en outubro de 2014. O lanzamento foi seguido por unha proxección gratuíta do filme no Cabot Theater.

A banda comezou a traballar no seu cuarto álbum en marzo, e comezou a organizar "festas de escoita" onde a seareiros do grupo se lle entregaban iPods con temas do disco e convidábanos a escoitalos e a discutir sobre eles. O 26 de xuño Noisey estreou o primeiro sinxelo do álbum, "Sad Heart of Mine".[18] O 13 de setembro de 2015 a banda apareceu en Boston Emissions, un programa de radio da emisora WZLX. Os seis membros foron entrevistados no programa e tocaron algúns temas do seu novo traballo. Dust & Disquiet publicouse en todo o mundo o día 25 de setembro, sendo o seu primeiro álbum en incluír voces.

En febreiro de 2016 a banda realizou unha xira polos Estados Unidos con Defeater, despois da cal realizou unha ducia de concertos na China. Taiwán e o Xapón, sendo a primeira vez que tocaban neste país. De volta aos Estados Unidos Caspian actuou de abreconcertos nunha xira de Underoath entre os meses de marzo e abril realizando un total de 29 concertos.[19]

A mediados de agosto a banda foi a Europa e tocou en cinco festivais. O 20 de outubro Caspian editou unha curtametraxe acompañada por unha nova canción "Castles High, Marble Bright".[20] O tema fora tocado por primeira vez ao vivo dous anos antes no concerto do 10º aniversario no Larcom Theater. Xunto co vídeo o grupo anunciou os seus plans para lanzar a canción nun 8" e vendela na súa xira, ademais de estar dispoñible tamén en liña. O 22 de outubro a banda iniciou unha nova xira por Norteamérica que remataría o 19 de novembro despois de 22 concertos ao lado da banda The Appleseed Cast.[21] No concerto do día 1 de novembro no Teragram Ballroom dos Ánxeles a banda foi gravada e posteriormente apareceu no programa Last Call with Carson Daly.[22]

O 18 de febreiro de 2017 a banda realizou o seu primeiro concerto en México. A banda formou parte do Forever Alone Festival na Cidade de México ao lado de grupos como This Will Destroy You, The Polar Dream ou Mylets.[23]

Discografía

[editar | editar a fonte]
Álbum Ano Selo
The Four Trees 2007 The Mylene Sheath
Tertia 2009 The Mylene Sheath
Waking Season 2012 Triple Crown Records
Dust and Disquiet 2015 Triple Crown Records
On Circles 2020 Triple Crown Records
  1. "Caspian (3)". Discogs (en inglés). Consultado o 2019-12-22. 
  2. "Caspian | Biography & History". AllMusic (en inglés). Consultado o 2020-06-11. 
  3. "CASPIAN :: MUSIC". web.archive.org. 2007-04-29. Archived from the original on 29 de abril de 2007. Consultado o 2020-06-11. 
  4. "Caspian (3) - The Four Trees". Discogs (en inglés). Consultado o 2020-06-11. 
  5. "Caspian (3) / Constants - La Cerva / ...Passage". Discogs (en inglés). Consultado o 2020-06-11. 
  6. Staff, BrooklynVegan. "Caspian giving away album ++ 2009 Tour Dates (NYC Friday)". BrooklynVegan (en inglés). Consultado o 2020-06-11. 
  7. Punknews.org. "Tours: Caspian (North America, Europe)". www.punknews.org (en inglés). Consultado o 2020-06-11. 
  8. "Constants". www.facebook.com. Consultado o 2020-06-11. 
  9. "dunk!festival at Bevegemse Vijvers (Zottegem) on 22 Apr 2011". Last.fm (en inglés). Consultado o 2020-06-11. 
  10. Colwell, Matthew (2012-08-02). "Caspian announce 'Waking Season' release date and artwork". Alternative Press (en inglés). Consultado o 2020-06-12. 
  11. "Stream the Best Post-Rock Album of 2012: Caspian’s ‘Waking Season’". Spin. 2012-09-18. Consultado o 2020-06-12. 
  12. Kagan, Aaron (2013-02-27). "Boston Is Getting a Big, Two-Day Outdoor Music Festival". Eater Boston (en inglés). Consultado o 2020-06-12. 
  13. "Caspian". www.facebook.com. Consultado o 2020-06-12. 
  14. "Listen to "(Hymn for) the Greatest Generation" by Caspian" (en inglés). Consultado o 2020-06-12. 
  15. "Hymn For The Greatest Generation, by Caspian". Caspian. Consultado o 2020-06-12. 
  16. "Caspian 'Waking Season' 2LP/Digital release + Australian Tour | HOBBLEDEHOY" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de xuño de 2020. Consultado o 2020-06-12. 
  17. "El post-rock de Caspian visita A Coruña". vivir na coruña. 2014-06-03. Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2020. Consultado o 2020-06-12. 
  18. Hill, John (2015-06-26). "Listen to "Sad Heart of Mine," Caspian's First Song from Their Record 'Dust & Disquiet'". Vice (en inglés). Consultado o 2020-06-13. 
  19. "Underoath Adds Caspian to North American "Rebirth Tour 2016" • Digital Tour Bus". Digital Tour Bus (en inglés). 2016-01-23. Consultado o 2020-06-14. 
  20. Triple Crown Records (20 de outubro de 2016). Caspian - Castles High, Marble Bright [Short Film] (YouTube). 
  21. Andrew Sacher. "Caspian & The Appleseed Cast announce tour". BrooklynVegan (en inglés). Consultado o 2020-06-15. 
  22. "The Eyes Have It: Watch Caspian perform for 'Last Call with Carson Daly'". Vanyaland (en inglés). 2016-11-15. Consultado o 2020-06-15. 
  23. "Forever Alone Fest 2017". Indie Rocks! (en castelán). 2016-10-10. Consultado o 2020-06-15. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]