Nome orixinal | Cornelius Clarkson Vermeule |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 10 de agosto de 1925 Orange, Estados Unidos de América (pt) |
Morte | 27 de novembro de 2008 (83 anos) Cambridge, Massachusetts. |
Director de museo | |
1970 – 1996 | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Estadounidense. |
Educación | Universidade Harvard. |
Q89547790 | Director do Museo de Belas Artes de Boston. |
Actividade | |
Campo de traballo | Antropoloxía, numismática, historia da arte, museoloxía, arqueoloxía, estudos clásicos. |
Ocupación | antropólogo, erudito clásico, conservador, arqueólogo, historiador da arte |
Empregador | Universidade de Míchigan Bryn Mawr College Museum of Fine Arts, Boston |
Familia | |
Cónxuxe | Emily Dickinson Townsend (1957). |
Fillos | Blakey Vermeule. Adrian Vermeule. |
Pai | Cornelius Clarkson Vermeule II |
Premios | |
Bolsa de estudos Guggenheim. | |
Cornelius Clarkson Vermeule, nado en Orange, Nova Jersey,[1] o 10 de agosto de 1925 e finado en Cambridge, Massachusetts, o 27 de novembro de 2008, foi un especialista estadounidense na arte antiga, numismático e conservador de Arte Clásica do Museo de Belas Artes de Boston entre 1957 e 1996, institución que tamén dirixiu de xeito interino.
Nalgunhas das súas publicacións e en diversas doazóns de fondos ao Museo de Belas Arte de Boston, utilizou os pseudónimos de Wentworth Bunsen, Isao Tsukinabe et Northwold Nuffler.[2][3]
Cornelius Clarkson Vermeule pertencía a unha coñecida familia de servidores públicos. O seu avó, Cornelius Clarkson Vermeule I (1859-1950) foi un destacado enxeñeiro civil e o seu pai, Cornelius Clarkson Vermeule II (1896-1943) dirixiu a Administración de Obras e Servizos de Nova Jersey e participou como comandante na primeira guerra mundial. A súa nai chamábase Catherine Sayre Comstock (1894-1996).[2][3]
Vermeule iniciouse no coleccionismo numismático durante unha estadía en Inglaterra na súa infancia en 1934. Tanto o seu pai como o seu avó foran tamén coleccionistas, e el acabou herdando a colección familiar, que seguiu a cultivar ao longo da súa vida. Antes da súa etapa universitaria, traballou durante un tempo na casa de poxas Stack's, en Nova York, onde, no canto de recibir un pagamento en metálico, lle pagaban con moedas da antiga Roma.[3]
Ingresou na Universidade Harvard en 1943. Nese mesmo ano, o suicidio do seu pai, por unha parte,[5] e a continua escalada da segunda guerra mundial, por outra, levárono a ingresar tamén nas Forzas Armadas dos Estados Unidos. No exército estudou xaponés e foi enviado ao Pacífico, onde permaneceu despois da guerra como experto lingüístico, ata acadar o grao de capitán. Finalizado este período, obtivo a súa licenciatura na Universidade Harvard en 1947 e o seu mestrado en 1951, coa dirección de George M. A. Hanfmann. Posteriormente viaxou a Europa, onde se doutorou en 1953, na Universidade de Londres.[2][3][6]
Entre 1953 e 1955 foi profesor de Belas Artes na Universidade de Míchigan, e logo trasladouse ao Bryn Mawr College, en Bryn Mawr, Pensilvania,[6] onde exerceu como profesor de Arqueoloxía ata 1957, ano en que foi nomeado conservador das coleccións clásicas do Museo de Belas Artes de Boston. Baixo a súa responsabilidade como conservador producíronse adquisicións tan relevantes como de dous grandes vasos que representaban a caída de Troia e a morte de Agamenón, así como un retrato romano dun ancián e unha machada dobre de ouro minoica.[3] Dun período máis recente, Vermeule sinalou que unha das súas adquisicións favoritas fora un autorretrato de Paul Cézanne.[2][6]
En 1968 acadou a presixiosa bolsa de formación Guggenheim á investigación en belas artes.[7] En 1970 —e noutras diversas ocasións nesa década— Vermeule asumiu en diversas ocasións a dirección interina do Museo de Belas Artes de Boston, e xubilouse en 1996.[3][6] Ao longo da súa traxectoria nesta institución formou varios conservadores relevantes, entre eles Marion True, do Getty Center, e Carlos Picon, do MET.[2]
Entre 1960 e 1964, en paralelo a súa dedicación ao Museo, Vermeule foi tamén profesor de Belas Artes no Smith College, en Northampton, Massachusetts. e no curso académico 1973-1974 foi profesor visitante da Universidade Yale.[2]
Ademais da súa pola súa traxectoria académica, Vermeule destacou tamén pola súa importante colección numismática e de antigüidades. En ocasións foi considerado un "coleccionista agresivo" e foi acusado de se situar nos límites da legalidade e da ética, por adquirir pezas de procedencia dubidosa, utilizar prácticas ilegais e vincularse a persoas relacionadas co tráfico ilícito.[2]
O 23 de xuño de 1999, a compañía de poxas Classical Numismatic Group sacou á venda a colección de moedas romanas de Vermeule, cuxos beneficios se dedicaron ao departamento clásico do Museo de Belas Artes de Boston.[8] As moedas de ouro do Imperio Romano foron incluídas na venda Triton III, celebrada en novembro e decembro de 1999.[3][9] O resto da súa colección numismática incluíuse nun catálogo de venda da compañía Stack's para o 11 de setembro de 2001.[3][10]
Vermeule casou o 2 de febreiro de 1957 coa arqueóloga Emily Dickinson Townsend (1928-2001), daquela estudante de posgrao na Universidade Harvard que chegou a ser unha erudita dos estudos clásicos e catedrática na mesma universidade.[2][6][11][12] Tiveron un fillo e unha filla que proseguiron a dedicación académica dos seus pais: Emily Dickinson Blake Vermeule como profesora de Literatura inglesa na Universidade Stanford,[13] e Adrian Vermeule como profesor de Dereito en Harvard.[3][14]
Cornelius Vermeule finou aos 83 anos o 27 de novembro de 2008, por mor das complicacións dun derramo cerebral,[2][6][15][16] no hospital Mount Auburn de Cambridge, Massachusetts.[3]
Esta é unha escolma dos traballos monográficos publicados por Cornelius Vermeule ao longo da súa traxectoria académica:
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cornelius Vermeule |