Dagbladet é un xornal de Noruega fundado en 1869 en Oslo que se publica na variedade bokmål do noruegués. O seu editor en xefe é John Arne Markussen. Edítase en formato tabloide desde 1983. Dagbladet é tradicionalmente o terceiro xornal noruegués por circulación tras a edición matutina do Aftenposten e o Verdens Gang, competindo directamente con este último. Foi o primeiro xornal nacional noruegués en establecer unha edición online, dagbladet.no o 8 de marzo de 1995 que en 2012 tiña 771.000 visitas únicas en ordenadores e 237.000 en dispositivos móbiles [1].
O 20 de xuño de 2013 anunciouse que Aller Media mercara o 100% da propiedade do Dagbladet ao Berner Gruppen.
O xornal fundouno Anthon Bang, con Hagbard Emanuel Berner como o seu primeiro editor en xefe, e o primeiro número saíu o 2 de xaneiro de 1869, de inspiración liberal democrática, foi o órgano do partido Venstre desde 1884, a partir do comezo da década de 1970 vai adquirindo unha meirande independencia do partido ata que en 1977 rompeu o vencello orgánico co partido [2].
Durante os anos previos á segunda guerra mundial a liña política do xornal fora claramente antinazi pero tras a ocupación do país polos alemáns a súa liña editorial tivo que mudar ao servizo das novas autoridades e como o resto dos medios de comunicación estaban sometidos a vixilancia, censura, directrices e multas e como moitos outros xornais adoptaron a actitude de escribir entre liñas para saltar as prohibicións. O editor en xefe da época, Einar Skavian, intentou resistirse aos mandatos das novas autoridades pero foi arrestado e despois enviado a un campo de concentración, o de Grini[3], sorte que tamén correron outros empregados do xornal. A intención de refundir as cabeceiras do Dagbladet, Morgenbladet e Norges Handels og Sjøfartstidende nunha soa suscitou unha forte reacción e finalmente abandonouse o proxecto pero supuxo tamén o peche do xornal en abril de 1943 pero mantivo a planta e equipo de impresión e tras a ocupación puido saír de novo á rúa o 14 de maio de 1945.
O 26 de agosto de 1990 foi o primeiro xornal noruegués en publicar unha edición os domingos
Fredag foi un suplemento que editou entre 1990 e 2012 dedicado á xente nova, entre 15 e 35 anos con reportaxes dedicadas á música, ao cine, á vida nocturna ou ao sexo. En 1999 lanzou os sábados a súa propia revista, o Magasinet, exemplo que copiaron moitos outros xornais do país
Circulación segundo o Mediebedriftenes Landsforening:[4]
|
|