Biografía | |
---|---|
Nacemento | 7 de decembro de 1961 (62 anos) A Habana, Cuba |
Actividade | |
Ocupación | director de cinema, guionista |
Premios | |
| |
Ernesto Daranas Serrano, nado na Habana o 7 de decembro de 1961, é un director e guionista de cine, radio e televisión cubano de orixe galega.
Licenciado en Pedagoxía e Xeografía no ano 1983. Comezou con éxito dende moi cedo na radio escribindo de todo: crónicas, teatro, contos, series dramáticas e radionovelas e máis tarde na televisión, onde foi guiónista para contos e telefilmes, que non sempre dirixiu. En 2004 escribiu o guión e co-dirixiu xunto a Natasha Vázquez o documental Os últimos gaiteiros da Habana, un documental sobre Eduardo Lorenzo, gaiteiro galego-cubano, e sobre a súa volta a Galicia. O documental gañou o Premio Internacional de Xornalismo Rei de España e a este seguíronlle outros dous sobre emigrantes galegos en Cuba, Fillas de Galicia (2005)[1] e Gallegos: oficio de emigrantes (2008), ambos dirixidos por Natasha Vázquez e con guión de Ernesto Daranas. Tamén en 2008 dirixiu o documental Peregrinos.[2] Polos seus documentais sobre emigrantes de Galicia, Natasha Vázquez, Ernesto Daranas e Rigoberto Senarega, recibiron conxuntamente a Medalla Castelao no ano 2005, as últimas presididas por Manuel Fraga.[3]
Tamén no 2004 Daranas dirixiu o telefilme ¿La vida en rosa?, do que escribiu o guión. Este traballo gañou o Gran Premio do I Festival Nacional de Televisión de Cuba máis outros seis, incluíndo a mellor dirección e guión orixinal, e converteuse rapidamente nunha obra de culto dentro do audiovisual cubano. O traballo de Daranas tratou sempre dun xeito ou outro os problemas da sociedade da Habana, como a prostitución, a pobreza, a ausencia dos pais, e outros problemas da sociedade.