Nome orixinal | (pt) José Valentim Fialho de Almeida |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 7 de maio de 1857 Vidigueira, Portugal |
Morte | 4 de marzo de 1911 (53 anos) Cuba, Portugal (pt) |
Actividade | |
Ocupación | médico escritor, xornalista |
Movemento | Romanticismo |
José Valentim Fialho de Almeida, máis coñecido só como Fialho de Almeida, nado en Vidigueira (Vila de Frades) o 7 de maio de 1857 e finado en Cuba (Beja, Alentejo) o 4 de marzo de 1911, foi un xornalista, escritor e tradutor pos-romántico portugués.
Fillo dun mestre de escola[1], realizou os estudos secundarios nun colexio de Lisboa, entre 1866 e 1871. Empregouse nunha farmacia e estudou Medicina entre 1878 e 1885. En 1893 volveu á súa terra natal, onde casou cunha señora rica, que faleceu logo o ano seguinte e da cal non tivo descendencia.[1]
Nunca exerceu medicina, dedicándose ao xornalismo e á literatura. Tornouse labrego en Cuba, mais continuou a publicar artigos para xornais, e a escribir varios contos e crónicas.[1]
Entre as súas obras máis notábeis encóntranse os cadernos periódicos Os Gatos, redactados entre 1889 e 1894, que seguiron a mesma liña crítica da obra As Farpas, de Ramalho Ortigão.[1]
A súa carreira literaria foi pautada por un estilo moi irregular, baseado no naturalismo. As súas principais inspiracións foron as sensacións reais, mórbidas e groseiras, con temas repartidos entre os escenarios urbanos e campestres. Nos finais do Século XIX, o seu estilo tornouse máis decadente, en concordancia cos ideais en voga nesa época.[1]
Fialho de Almeida colaborou en diversas publicacións periódicas, sobre todo nos xornais humorísticos Pontos nos ii (1885-1891)e A Comédia Portuguesa (fundado en 1888), e tamén nas revistas: Renascença (1878-1879?), A Mulher (1879), O Pantheon (1880-1881), Ribaltas e Gambiarras (1881), Branco e Negro (1896-1898), Brasil-Portugal (1899-1914), Serões (1901-1911). e, postumamente, na Revista de turismo iniciada en 1916.
Compuxo crónicas (asinadas co pseudónimo de "Valentim Demónio") e críticas literarias e teatrais: Foi celebrada a amargura con que conmemorou a morte de Eça de Queiroz.[2]
Fialho de Almeida faleceu o 4 de marzo de 1911, na localidade de Cuba, onde foi sepultado.[3]
Na súa campa está rexistrado o seguinte epitafio:[4]
Miando pouco, arranhando sempre, e não temendo nunca
A Câmara Municipal de Lagos aprobou o 18 de febreiro de 1987, a asignación do nome de Fialho de Almeida a unha rúa da cidade.[5] Existe tamén, en Lisboa, un xardín co seu nome, na praza das Flores. Á súa vez, a alcaldía de Cuba deu o seu nome a un centro cultural e a un concurso literario, e, en agosto de 2011, xa adquirira a súa antiga vivenda naquela localidade, para a futura instalación dunha Casa Museo. En Castro Verde, o seu nome foi atribuído a unha das principais rúas da vila.
Fixo tres viaxes á Galiza.[6] Dunha delas publicou en 1996 Laiovento Cadernos de viagem. Galiza, 1905:
Este texto é a grande história de amor dum homem nascido na planície imensa, áspera e seca do Alentejo, pela beleza amena, refrescante e ridente da Galiza.[7]