Biografía | |
---|---|
Nacemento | 7 de xullo de 1988 (35 anos) San Diego, Estados Unidos de América |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Estados Unidos de América |
Actividade | |
Ocupación | cantante , batería |
Período de actividade | 1997 - |
Membro de | |
Xénero artístico | Rock alternativo |
Instrumento | Instrumento de percusión, voz e Batería |
Ilan Rubin, nado o 7 de xullo de 1988 en Bonita (California), é un músico estadounidense, coñecido por ser o antigo batería da banda Lostprophets e de Nine Inch Nails durante a súa derradeira xira. Dende outubro de 2011 é o novo batería do supergrupo Angels & Airwaves, despois de substituír a Atom Willand.
Rubin comezou a tocar a batería cando tiña 8 anos, cando descubriu a Silver Sparkle Ludwig de 1968 do seu pai no garaxe. Despois de tres meses "xogando" co instrumento, comezou a aprender pola súa conta e comezou a tocar cos seus irmáns. Aos 9 anos estivo listo para unirse a F.o.N., unha banda que co tempo tocaría en tres edicións da Vans Warped Tour, onde, ademais de tocar con F.o.N. Ilan actuou con bandas como NOFX. En 1999, F.o.N. abriu o escenario de artistas emerxentes de Woodstock e, como resultado, con 11 anos de idade, Ilan entrou no Libro Guinness dos Récords como o músico máis novo en subirse a un escenario do festival de Woodstock[1].
Aínda con 11 anos, enviou un vídeo á revista Modern Drummer Magazine, realizando un solo durante unha actuación de F.o.N., e foi elixido gañador no seu concurso de "Mellor batería descoñecido de menos de 18 anos". O gañador da categoría de maiores de 18 anos procedía da Arxentina e ámbolos dous foron convidados a actuar no Modern Drummer Festival no ano 2000, contando Ilan con 12 anos. Foi a clases co batería de Blink-182 Travis Barker e con David Uosikkinen, da banda dos 80 The Hooters.
Xusto antes de traballar con Lostprophets, Ilan foi o batería da banda Denver Harbor, na que estaba o seu irmán máis vello, Aaron, como baixista, ademais de 2 ex-membros da banda de punk rock Fenix*TX.
Ilan chegou á banda galesa Lostprophets ao substituír a Mike Chiplin, membro fundador e batería orixinal, que foi expulsado no 2005 por deixar o escenario nun concerto, despois de que o seu pedal de bombo rompese. Antes de atopar a Rubin, Lostprophets contratou ao batería de sesión Josh Freese para gravar os temas do álbum Liberation Transmission. Cando Ian chegou encargouse de gravar os dous últimos temas para o álbum, "For All These Times Son, For All These Times" e "Everybody's Screaming!!!". Rubin xirou coa banda entre 2006 e 2008 e aparece nos vídeos de "Rooftops (A Liberation Broadcast)", "A Town Called Hypocrisy", "Can't Catch Tomorrow (Good Shoes Won't Save You This Time)" e "4:AM Forever". Deixou o grupo a finais do 2008, pero axudou a compoñer parte do seu cuarto álbum, The Betrayed.
O primeiro álbum en solitario de Ilan, baixo o pseudónimo "The New Regime" e chamado Coup, foi gravado durante os anos 2007 e 2008 e editado no mes de novembro deste último. Mentres estaba de xira con Nine Inch Nails e despois do remate da Wave Goodbye Tour, Ilan traballou no seu segundo álbum, Speak Through The White Noise. A data de edición deste traballo confirmouse no 1 de abril do 2011. Antes do seu lanzamento apareceu un sinxelo gratuíto titulado "Remission Of Guilt" na súa páxina web. Confirmouse que esta canción non aparecerá no novo álbum.
O 15 de novembro do 2008, Trent Reznor anunciou a través da páxina de Nine Inch Nails que Ilan se uniría á banda despois da saída de Josh Freese. Ao decatarse das súas habilidades como multi-instrumentista, Reznor decidiu reducir a última encarnación de Nine Inch Nails a un cuarteto, contribuíndo Ilan con teclados e percusión ademais da batería. A nova formación realizou a derradeira xira da banda, bautizada como Wave Goodbye, comezando en Norteamérica, pasando por Europa e Asia e volvendo aos Estados Unidos para realizar as súas últimas datas en pequenas salas.