O Ilyushin Il-14 (designación OTAN: Crate) foi un avión soviético bimotor de transporte de pasaxeiros e carga. Voou por primeira vez en 1950 e entrou en servizo en 1954. O Il-14 tamén foi fabricado en Alemaña Oriental por VVB Flugzeugbau, e en Checoslovaquia por Avia como o Avia 14. O Ilyushin Il-14 foi substituído principalmente polo Antonov An-24 e o Yakovlev Yak-40.
O Il-14 desenvolveuse como substituto para o popular Douglas DC-3 e a súa versión de fabricación soviética, o Lisunov Li-2. O Il-14 desenvolveuse a partir do Ilyushin Il-12, que voara por vez primeira en 1945,[1] e planeouse para ser usado tanto en operacións civís como militares. O Il-12 tivo grandes problemas debido ao pobre comportamento dos seus motores. Ademais, teña menos capacidade de carga do planeado orixinalmente (a intención era que levase 32 pasaxeiros e finalmente só podía transportar 18).[1]
O desenvolvemento do Il-14 foi unha gran mellora con respecto ao Il-12, cunha nova á e unha deriva máis ancha. Estaba equipado con dous motores radiais de pistóns de 1 900 cabalos Shvetsov ASh-82T-7.
A produción total do Il-14 foi de 1 345 avións. 1 065 fabricáronse en Moscova de 1956 a 1958 e en Tashkent de 1954 a 1958. Baixo licenza producíronse 80 unidades na Alemaña Oriental por VEB Flugzeugwerke Dresden (FWD) de 1956 a 1959, e 203 in Checoslovaquia por Avia de 1956 a 1960. O modelo demostrou ser robusto e fiable, sendo amplamente usado en zonas rurais con aeródromos mal equipados.
O modelo tamén foi usado pola industria aeronáutica de Alemaña Oriental como avión de proba para o estabilizador horizontal do Baade 152.
Forza Aérea de Afganistán. 26 unidades foron subministradas a partir de 1955.[2] En 1979 só quedaban 10 aparellos operativos, equipando un único escuadrón.[3]
Forza Aérea de Albania. En 1957 entregouse un Il-14M, arranxándose o interior para convertelo en avión presidencial. O avión operou en Tirana en 1979, e despois foi trasladado a Linas. Ademais, introducíronse un Il-14M, un Avia 14T e un VFB Il-14P. Usados en tarefas de transporte co 7594 Rexemento de Aviación, que a principios dos 90 converteuse no 4020 Rexemento, foron retirados en 2002 debido á falta de pezas de reposto.[4][2]
Forza Aérea e Defensa Aérea do Exército Popular Nacional. Foron entregados 30 avións, comezando con 11 fabricados por Ilyushin a partir de 1956 e seguidos por 19 exemplares fabricados localmente a partir do seguinte ano. 20 aínda estaban en servizo e 1979,[3] e todos serían retirados e 1990, sen que ningún chegase a operar na Luftwaffe da Alemaña unificada.[2]
Forza Aérea de Alxeria. 12 foron entregados a partir de 1962, sendo o último deles retirado en 1997.[2] Só catro unidades estaban operativas en 1979.[3]
Forza Aérea de Bulgaria. 20 foron entregados dende 1960, incluídos exemplares de Il-14M e de Il-14P fabricados na Alemaña oriental.[2] Os Il-14P retiráronse en 1974, e tan só 4 Il-14M quedaban en servizo en 1979.[3]
Forza Aérea de Checoslovaquia. 50 foron operados dende 1958, aínda que a maioría eran de fabricación local estregados a partir de 1968. A meirande parte deles retiráronse antes da separación de Checoslovaquia, e algúns deles puideron operar brevemente cos estados sucesores.[2]
Forza Aérea de Exipto. 70 operados a partir de 1955. A meirande parte deles eran de fabricación soviética, pero polo menos un Il-14P fabricado en Alemaña Oriental foi entregado en 1957. Varios resultaron destruídos en combates contra Israel, pero 26 aínda estaban operativos en 1979.[3] A adquisición de avións occidentais a partir de entón levou á retirada do Il-14 en 1994.[2]
Forza Aérea de Iraq. 13 Il-14M foron entregados en 1958, con 3 permanecendo en servizo en 1979.[3] O derradeiro foi retirado despois da primeira guerra do Golfo.[2]
Forza Aérea de Iugoslavia. Un Il-14P foi presentado polo primeiro ministro soviético Nikita Khrushchev ao primeiro ministro Josip Broz Tito en 1956. Outros seis foron entregados á forza aérea por Yugoslav Airlines en 1963 e foron usado ata 1974. O presentado a Tito atópase no Museo Aeronáutico de Belgrado.
Forza Aérea de Polonia. 12 ou máis serviron a partir de 1955, incluídos Il-14P, Il-14S, e Il-14T de fabricación soviética, así como Il-14P e Il-14T fabricado en Alemaña Oriental. Estes avións estiveron en servizo ata os anos 80.[2]
Forza Aérea de Romanía. 33 foron entregados a partir de 1955, incluídos 30 Il-14P fabricados en Alemaña Oriental e 3 Il-14M entregados en 1961. Só 4 estaban en servizo en 1979.[3] O último Il-14M retirouse en 1983 e cara 1993 xa non quedaba ningún Il-14P en servizo.[2]
Malév - 10 foron operados no país a partir de 1956, dous deles polo goberno e oito por Malév Hungarian Airlines. Os primeiros tres avións da aeroliña fabricáronse na Unión Soviética, sendo os cinco Il-14P restantes producidos en Alemaña Oriental. Os avións de Malév estiveron operativos ata 1970 e os dous do goberno retiráronse en 1978. Todos os Il-14 húngaros foron vendidos á Unión Soviética para ser usados no Ártico, sendo retirado o último deles en decembro de 1990.[8]
JAT - a aeroliña mercou seis Il-14M en 1957. Foron retirado en 1963 debido a que non eran tan rendibles como os Convair CV-440 usados por JAT nesa época. Foi entregados ña Forza Aérea de Iugoslavia tras a compra do Sud Aviation Caravelle e serían usados ata 1974.