Biografía | |
---|---|
Nacemento | 18 de maio de 1901 Escocia, Reino Unido |
Morte | 11 de maio de 1988 (86 anos) Carlisle, Reino Unido |
Educación | Universidade de Aberdeen Universidade de Londres |
Actividade | |
Ocupación | bióloga mariña, carcinóloga, bióloga |
Empregador | Museo de Historia Natural de Londres |
Premios | |
Isabella Gordon, nada o 18 de maio de 1901 en Keith (Banffshire, Escocia) e finada o 11 de maio de 1988 en Carlisle (Cumbria, Inglaterra), foi unha bióloga mariña escocesa especializada en carcinoloxía e unha experta en cangrexos e picnogónidos.[1]
Desenvolveu a súa carreira no Museo de Historia Natural de Londres, e foi condecorada coa Orde do Imperio Británico en 1961.
Cando estaba traballando na Universidade Yale, William Thomas Calman, Keeper of Zoology (encargado da sección de zooloxía) do Museo de Historia Natural de Londres, ofreceulle un posto no Museo.[2]
Gordon aceptou, e volveu ao Reino Unido e, en novembro de 1928 acadou a posición de axudante de encargado (2ª clase) coa responsabilidade da sección de crustáceos. Gordon foi a primeira muller que foi nomeada como membro permanente a tempo completo do persoal do Museo.[2]
En 1937 a sección de crustáceos do Museo dividiuse en dúas partes: J. P. Harding encargouse da clase dos entomostráceos (os chamados crustáceos inferiores), mentres que Gordon o fixo da dos malacostráceos, como oficial principal científica.[3]
Durante o tempo que estivo no Museo publicou numerosos artigos e libros, e identificou exemplares de cangrexos que lle enviaron de todo o mundo.[3] (Entre eles Sirpus zariquieyi e Liocarcinus zariquieyi que, en 1953 e 1968, respectivamente, lle dedicou ao pediatra e carcinólogo catalán Ricardo Zariquiey Álvarez).[4][5]
Foi Fellow e membro do Consello da Sociedade linneana de Londres (1950-1953), e membro do seu Curatorial Board até 1981. Tamén foi membro da Zoological Society of London. En 1960 foi un dos membros orixinais do Consello Editorial da revista Crustaceana.
En abril de 1961, con motivo do sexaxésimo aniversario do emperador Hirohito, Gordon foi invitada a pasar varias semanas no Xapón baixo o patrocinio do periódico xaponés Yomiuri Shimbun. O 5 de abril foi invitada aos laboratorios da casa Imperial, onde tivo unha audiencia informal co emperador, un entusiasta biólogo mariño el mesmo. A visita foi moi agradábel para Gordon, que mantivo contacto cos seus colegas xaponeses durante o resto da súa vida.
Isabenlla Gordon retirouse do Museo de Historia Natural en 1966, aínda que mantivo un despacho na sección de crustáceos que compartiu co Dr. Sidnie Manton, e continuou traballando no Museo até 1971. En 1983 sufriu un accidente cerebrovascular que a deixou parcialmente paralizada. En 1987 trasladouse de Londres para vivir coa familia do seu sobriño o Dr. John Gordon en Carlisle, Cumbria. A súa saúde deteriorouse despois dunha operación de catarata en marzo de 1988, e faleceu o 11 de maio de 1988.
No seu obituario, o carcinólogo holandés Lipke Holthuis referiuse a ela como "a gran vella dama da carcinofauna".[1]